Unha investigación sinala o sur de Galicia como unha das zonas con máis radioactividade de España

Mapa do cesio-137 depositado en España, en becquerelios por metro cadrado CC-BY-SA Materia

Entre 1945, cando EEUU detonou a primeira bomba atómica en Alamogordo, e 1996, cando China levou a cabo o seu último ensaio, o ser humano estourou unhas 2.000 bombas nucleares, case de calquera xeito imaxinable: colgando de globos aerostáticos, flotando sobre barcos, no último piso dunha torre, a 600 metros baixo a auga, en túneles, en buracos a 2.400 metros baixo terra, desde avións, na estratosfera. E esta obscena traca atómica deixou o seu rastro radioactivo por todo o planeta, incluída España.

O ser humano estourou unhas 2.000 bombas nucleares. E esta obscena traca atómica deixou o seu rastro radioactivo por todo o planeta, incluída España

Un grupo de científicos elaborou agora o primeiro mapa que mostra onde está depositado o cesio-137 resultante das explosións. As zonas máis bañadas por este elemento radioactivo foron rexións de Pontevedra, Ourense, Asturias, Biscaia e Guipúscoa, pero non hai ningún risco. Os autores do mapa describen concentracións de entre 251 e 6.073 becquerelios por metro cadrado en España. Segundo os criterios do Comité Científico de Nacións Unidas sobre os Efectos da Radiación Atómica, unha rexión considérase contaminada cando presenta niveis de cesio-137 por encima de 37.000 becquerelios por metro cadrado.

As zonas máis bañadas por este elemento radioactivo foron rexións de Pontevedra, Ourense, Asturias, Biscaia e Guipúscoa, pero non hai ningún risco

“En España hai cantidades baixísimas”, subliña Ángela Caro, do Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (Ciemat) e principal autora do mapa. O seu equipo mediu a actividade do cesio-137 directamente en 34 puntos do solo do país e revisou medicións parciais anteriores. Ademais, os científicos consultaron as bases de datos de precipitacións de 778 estacións meteorolóxicas nas décadas de 1950, 1960 e 1970, xa que a choiva desempeña un papel fundamental na deposición do cesio-137 e outros elementos radioactivos. Este cóctel de datos meteuse en dous programas informáticos diferentes para corroborar os resultados.

 

Freo nos Pireneos

“O coñecemento detallado da cantidade de cesio-137 que hai depositado no solo permitiríanos, en caso dun accidente con fuga radioactiva, calcular mellor as súas dimensións e establecer medidas para remediar os efectos”, explica Caro. O Consello de Seguridade Nuclear, gardián do sector atómico en España, financiou o mapa. “Doutra banda, estes datos serven para facer estudos da erosión do chan, observando a evolución da cantidade de cesio-137 ao longo dos anos”, detalla. Caro xa publicou en 2011 un avance deste mapa, moito máis básico.

O cesio-137 depositado en España procede fundamentalmente das 500 bombas nucleares estaladas na atmosfera por EEUU (200), a Unión Soviética (200), Francia (50), Gran Bretaña (20) e China (20). Moi pouca cantidade é atribuíble á nube radioactiva formada en 1986 tras o desastre na central nuclear de Chernóbil, que practicamente se freou nos Pireneos. Outros países tiveron menos sorte co réxime de vento e choivas. En Noruega, 25 anos despois do accidente atómico da URSS, as autoridades seguen descartando nos matadoiros ovellas e renos demasiado radioactivos, ao alimentarse de cogomelos e líques contaminados por cesio-137.

 

De onde procede a radiación que recibimos?

O 80% da radiación que recibe unha persoa provén de fontes naturais, coma os raios cósmicos e o gas radón do subsolo, segunda causa de cancro de pulmón en moitos países

O 80% da radiación que recibe unha persoa provén de fontes naturais, coma os raios cósmicos e o gas radón do subsolo, segunda causa de cancro de pulmón en moitos países. Case o 20% restante procede de probas médicas, como radiografías, escáneres e exploracións de medicina nuclear. Soamente un 0,2% estaría vinculado ás partículas radioactivas, coma o cesio-137, liberadas pola explosión de bombas atómicas. E un 0,1% pódese atribuír ao accidente de Chernóbil. Finalmente, un 0,01% é achacable á actividade das centrais nucleares, sempre segundo as cifras do Comité Científico de Nacións Unidas sobre os Efectos da Radiación Atómica.

No seu estudo, publicado en Journal of Environmental Radioactivity, os autores do mapa do cesio-137 en España sosteñen que é “interesante” medir a cantidade deste elemento no chan porque “foi amplamente distribuído debido á choiva radioactiva e non debe ignorarse a súa contribución á dose de radiación que reciben as persoas”.

Mapa do cesio-137 depositado en España, en becquerelios por metro cadrado CC-BY-SA Materia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.