Unha xeración con moito que contar

Funcionamento do banco de recordos audiovisual Dominio Público Deputación de Lugo

As persoas maiores son o meirande repositorio da memoria dun territorio e dunha cultura. Imaxes, voces, relatos, nomes que non se deben esquecer, que non deben desaparecer. A Deputación de Lugo, a través da Fundación TIC, vén de poñer pon en marcha un programa destinado aos maiores de 55 anos: Memoria Dixital Tic-Tac, que busca ser un rexistro audiovisual de fragmentos da historia local a través dos testemuños das persoas que participen na iniciativa.

Serán os propios maiores os que graven cunha tablet vídeos onde contarán "como foi a súa nenez, a súa vida no rural, as festas de hai anos, como se vestían ou moceaban”

Álvaro Santos, responsable no ente provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Patrono da Fundación TIC, inaugurou o proxecto a pasada semana na residencia Carlos IV de Outeiro de Rei, destacando que todo o material obtido publicarase nunha páxina web especialmente deseñada para a ocasión, "permitindo así que todos teñamos acceso ás historias e recordos dunha xeración que ten moito que contar”. Serán os propios maiores os que graven cunha tablet pequenos vídeos onde poderán contar "como foi a súa nenez, a súa vida no rural, as festas de hai anos, como se vestían ou moceaban”.

O obxectivo é dobre: por unha banda, facer un rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e, por outra, introducir a este colectivo no mundo das novas tecnoloxías, facilitándolles o acceso directo a unha tablet para que aprendan a manexala nos seus aspectos máis básicos. Memoria Dixital Tic-Tac consta de 9 talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de maiores e aos veciños de todos os Concellos da provincia, agás os de Lugo capital, que desexen participar.

O obxectivo é dobre: facer un rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e introducir este colectivo no mundo das novas tecnoloxías

Os seus organizadores destacan que "grazas ás novas tecnoloxías todo o proceso para crear este banco de recordos será moi sinxelo: nunhas xornadas entretidas, os maiores serán os protagonistas absolutos, desde o que desexe contar unha historia, ao que queira ser entrevistador ou o cámara, ata a persoa que envíe o material por internet". En todo momento, ademais, recibirán asesoramento para realizar todas as actividades.

Un momento dos obradoiros nos que se dá a coñecer o proxecto © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.