Vigo acolle Akademy-es, a xuntanza estatal da comunidade KDE

Vigo acolle a xuntanza de KDE España © KDE España

A asociación KDE España e a asociación GALPon organizan Akademy-es 2019, a reunión española da comunidade KDE. O evento está celebrarse no MARCO de Vigo dende este venres 28 e rematará o domingo.

Durante a xuntanza trataranse temas moi diversos, dende charlas divulgativas de nivel de usuario, charlas sobre desenvolvemento de software e charlas sobre seguridade informática. Participan igualmente relatores de renome como Belén Pérez, enxeñeira de redes e ciberseguridade de Balidea e coordinadora para Galicia do Centro de Ciberseguridade Industrial, ou Paula de la Hoz, analista de ciberseguridade. O evento conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O evento tamén conta co patrocinio do proxecto openSUSE, Slimbook, AGASOL e Librebit.

KDE é unha comunidade internacional, formada por máis de 1000 colaboradores que desenvolven software libre. Algúns dos exemplos de software desenvolvido por KDE son o entorno de usuario Plasma, a ferramenta de interacción entre dispositivos KDE Connect, a ferramenta de debuxo Krita ou a guía de mapas Marble. KDE contribuíu ademais de xeito significativo ao nacemento de produtos como o popular motor de renderizado web WebKit. O software de KDE ten sido varias veces destacado pola súa calidade por publicacións e personalidades de referencia no Software Libre.

A reunión española da comunidade KDE remata este venres © @A2LabIdeas

A Asociación KDE España naceu co obxectivo de promover a utilización e o desenvolvemento de software libre e, en concreto, do software producido por KDE no ámbito do Estado español. A asociación leva organizando o evento Akademy-es dende a súa fundación no ano 2009, e desde o ano 2010 ostenta a representación no estado español da comunidade KDE. A asociación conta con 30 socios, entre os que se atopan algúns dos máis importantes colaboradores da comunidade KDE.

GALPon (Grupo de Amigos de GNU/Linux de Pontevedra) naceu no 2002 como resultado da inquedanza dun grupo de alumnos da Universidade de Vigo e constitúse nunha asociación cultural que ten como lema "Abrindo as portas do Software Libre". No ano 2012 engadiuse aos seus estatutos a promoción dos "estándares abertos". Dende entón desenvolveu unha traxectoria de actividades de todo tipo, dende as install party iniciais ata obradoiros intensivos de 8 horas nun día (sábados libres na Altamar) nos que se trataba un tema de forma práctica e teórica de xeito intenso, pasando polas charlas de Richard Stallman.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.