Vigo e Porto estarán conectadas por un corredor para vehículos sen condutor

Túnel nunha autoestrada de Portugal CC-BY-NC-SA Tiago Miranda

Os gobernos español e portugués veñen de chegar a un acordo para habilitar dous corredores que servirán para experimentar con vehículos autónomas. Un deles é o Évora-Mérida e o outro o Porto-Vigo. O acordo, asinado o pasado 10 de abril, e ao que accedeu o xornal luso Público, dotará estes treitos de tecnoloxía 5G -á máis avanzada en comunicacións móbiles- para permitir a conexión e a conversa entre os coches sen condutor. 

O acordo dotará estes treitos de tecnoloxía 5G para permitir a comunicación entre os coches sen condutor

O acordo entre os dous países -aínda sen data para a súa aplicación- quere converter estes dous corredores nun centro tecnolóxico "neutral" que que para a industria, centros de investigación, universidades e calquera outro axente poidan “testar e avaliar tecnoloxías innovadoras de mobilidade”. O obxectivo, segundo o acordo asinado, é “transformar a Península Ibérica nunha das áreas máis innovadoras para a experimentación e a implementación da automación na mobilidade”.

Nos vindeiros meses as autoridades dos dous países deberán levar a cabo un traballo técnico para poder permitir a circulación de vehículos autónomos en convivencia con vehículos con condutor. Así, Portugal e España terán que compartir os datos relativos ás estradas e á actual circulación de vehículos, e igualmente definir “políticas e regulacións comúns e coordenadas para permitir un desenvolvemento rápido e seguro da condución autónoma".

Aínda non hai data para a súa posta en marcha. Previamente, os dous países deben realilzar un traballo técnico, compartir información e fixar uns protocolos

O acordo para a posta en marcha deste corredor experimental busca avanzar nunha tecnoloxía que persegue melloras da seguridade vial, a xestión do tráfico e reducir a carga medioambiental do vehículo privado. Así mesmo, quérese con esta iniciativa, espertar a atención da sociedade sobre este asunto e promover a homoxeneización da lexislación, nun e noutro país, con respecto a esta cuestión.

 

Vigo, á cabeza da investigación en condución autónoma

Vigo é, de feito, un dos lugares nos que máis se está a traballar no desenvolvemento de coches autónomos, grazas á súa potente industria do automóbil. Hai xa tres anos converteuse na primeira cidade do Estado na que circulou un vehículo sen condutor, e este verán catro prototipos máis realizarán probas en estradas próximas a Vigo e no propio centro urbano.

Hai xa tres anos Vigo converteuse na primeira cidade do Estado na que circulou un vehículo den condutor

Nesta liña de investigación destaca o traballo de empresas como Xesol Innovation, que traballa nun sistema de asistencia avanzada á condución, coñecido como ADAS, que detecta, identifica, moni­toriza e predí as traxectorias dos diferentes elementos da estrada. O sistema componse dun kit de software acompañado de cámaras e sensores que detectan e monitorizan peóns, ciclistas, motocicletas, vehículos especiais autopropulsados e autobuses. Tamén identifica sinais de tráfico e semáforos, e alerta sobre desvíos de carril ou colisións. Ademais, é capaz de proporcionar unha estimación visual do carril e das curvas. O proxecto recibiu financiamento europeo a través do programa Horizonte 2020 e foi galardoado coa Mención de Excelencia, recoñecemento que destaca as iniciativas máis innovadoras apoiadas con esta axuda europea.

Empresas como Xesol Innovation, nacida en 2012 en Vigo, están na vangarda na investigación sobre condución autónoma

Xesol Innovation naceu en 2012 en Vigo. O seu obxectivo é crear solucións para o sector da mobilidade intelixente e sustentable, para “reducir a sinistralidade nas estradas e proporcionar unha condución máis segura baseándose na intelixencia artificial, o deep learning, a visión artificial e a conectividade”. A empresa conta xa con 35 traballadores e traballadoras en varias oficinas en Vigo, Madrid, Alemaña e os EEUU e creou dúas filiais, Biometrics e Xesol Slam.

Nestes momentos traballa nun detector de fatiga baseado nunha cámara infravermella, que estima o cansazo do condutor polo movemento das súas pálpebras, o seu comportamento e o rastrexo de distraccións. Esta tecnoloxía biométrica aplícase tamén ao recoñecemento de persoas mediante algoritmos de intelixencia artificial para a xestión de acceso e permisos de uso de vehículos. Ademais, a compañía desenvolve solucións que xeran mapas en tempo real para indicarlle ao condutor ou condutora as rutas máis óptimas.

 

Vehículo autónomo no que traballa a empresa viguesa Xesol Innovation © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.