O Nadal, un aniversario, o Día das Letras ou mesmo o Día da Candeloria, que disque é cando casan os paxariños. Estas son algunhas das datas que, ao longo do ano, máis se prestan para facerlle un agasallo a quen queiramos ben. Dende este mércores xa é posible procurar un detalle para alguén especial sen ter que deixar a lingua galega polo camiño. A plataforma Agasallo.eu, impulsada pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadoras de Normalización da Lingua, xunta xa unha morea de ideas para agasallar co propósto básico de que a lingua propia "non quede escondida no ámbito comercial", explica Nel Vidal, presidente da CTNL.
Libros, xoguetes, bonos gastronómicos, telefonía móbil, licores ou mesmo o apoio aos medios de comunicación en galego son só algunhas das posibilidades que é posible atopar en Agasallo.eu, un sitio que non é unha tenda, senón un directorio que lle permite ás persoas que o visiten acceder ás compras de produtos e servizos directamente coas empresas ou entidades que as ofertan. O proxecto tamén é visto con bos ollos dende a Xunta, que o apoia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para o secretario xeral, Valentín García, a plataforma é unha "moi boa oportunidade para a lingua galega" e un proxecto moito "máis ambicioso" que as guías de agasallos que viña elaborando o propio Goberno.
Pero, como funciona? O máis doado para atopar un agasallo é empregar o buscador da web. A través de criterios como o prezo, a idade da persoa que recibirá o agasallo ou o tipo de produto podemos obter un primeiro lote de ideas para ir concretando. A continuación, só resta atender ao xeito de conseguir o elixido, xa sexa acudindo fisicamente a unha tenda ou ben encargándoo a través de Internet, nos casos en que é posible.
A CTNL aposta por que a lingua galega "non quede escondida no ámbito comercial"
Dado que Agasallo.eu non se cingue só ao Nadal nin a Internet, dende a CTNL pensaron tamén na posibilidade de sacalo á vida real. Así, é posible deseñar un catálogo de agasallos personalizado, en función dos intereses dunha persoa ou colectivo. Unha vez indicados os criterios, a propia web devólvelle á persoa usuaria un catálogo listo para imprimir e distribuír alí onde se desexe. Tan aberto como estes catálogos está o propio sitio web. Todas as empresas que queiran incorporar os seus produtos só teñen que poñerse en contacto coa empresa Abertal, responsable técnica da plataforma.