Durante a pasada década o nome da empresa Tragsa, participada maioritariamente polo Estado a través da SEPI e da que son accionistas varios departamentos estatais e quince autonomías, estivo ligado en Galicia á catástrofe do Prestige. Esta compañía, creada en 1977, foi a encargada de recoller parte do chapapote vomitado polo petroleiro contra Galicia entre acusacións de entorpecer ou, directamente, impedir o labor do voluntariado. Convertida dende hai anos nunha caste de caixón de xastre, Tragsa vén recibindo as máis variadas encomendas por parte das Administracións públicas. A última chega do Ministerio de Educación e trae consigo un aquel centralizador: a xestión das bolsas nas universidades públicas, as mesmas nas que o Goberno central enfraquece sistematicamente o cadro de persoal.
Nun contexto no que a reposición de traballadores e traballadoras está reducida á mínima expresión o departamento que dirixe José Ignacio Wert decidiu encargarlle a unha filial de Tragsa, Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. (Tragsatec), o reclutamento de cincuenta "auxiliares administrativos con experiencia na xestión de expedientes de educación". Estas persoas, contratadas dende Madrid pero con destino a catorce autonomías distintas, entre elas Galicia, serán enviadas ás universidades para recibir e comprobar documentos, arquivar expedientes ou xestionar bases de datos. Isto é, o traballo que adoita facer o persoal de administración e servizos das institucións académicas.
A empresa Tecnologías y Servicios Agrarios recluta cincuenta persoas para xestionar as axudas ao estudantado; algunhas universidades están a rexeitar a oferta
As características do posto ofertado por Tragsatec son sensiblemente diferentes ás dun empregado ou empregada pública. Así, o contrato ten unha duración de só tres meses con xornada parcial, de nove da mañá a dúas da tarde. Os estudos requiridos son só o bacharelato e reclámase "experiencia previa en posto similar", xa fose xestionando "solicitudes telemáticas" ou "bolsas e axudas públicas". En calquera caso, o que é "imprescindible" é que esa experiencia se producise no ámbito educativo. A filial de Tragsa valora tamén o "manexo de ordenador e alto nivel de pulsacións".
Neste contexto, mentres Tragsatec ultima a selección deste persoal o Ministerio de Educación contacta coas universidades para anunciarlles a decisión de achegarlles un traballador ou traballadora por esta innovadora vía e sen intervención ningunha dos xestores universitarios. O anuncio supuxo unha sorpresa nestas institucións e, no caso galego, segundo puido saber Praza Pública algunhas universidades optaron por rexeitar o ofrecemento e seguir a realizar a xestión das axudas ao estudantado con medios da casa, isto é, co seu propio persoal.