Wikileaks lanza FoWL, unha nova rede social, criticando con dureza a Facebook

Captura de pantalla de WLfriends Dominio Público Praza Pública

En xaneiro Wikileaks anunciaba a creación dunha rede social, asentada sobre a privacidade e a seguridade dos datos dos usuarios. Este luns o colectivo anunciaba na súa conta de twitter o lanzamento de Friends of Wikileaks (FoWL, unha familia de aves), e facíao contrapoñéndoa en todo momento a Facebook, a rede social hexemónica e multimillonaria, que esta semana está de máxima por mor da súa (falida) saída a bolsa.

"Facebook véndelle a túa información aos gobernos e é louvada. Wikileaks dáche gratis a información dos gobernos e somos terroristas"

Facebook sells your information to governments is lauded. WikiLeaks gives government information to you for free and we're terrorists ("Facebook véndelle a túa información aos gobernos e é louvada. Wikileaks dáche gratis a información dos gobernos e somos terroristas"). Esta era unha das mensaxes de presentación da nova rede social, que nacía, polo tanto, como contrapunto de Facebook, e acusando a empresa de Zuckerberg de comerciar coa información privada dos seus usuarios e de colaboracionismo co control exercido por gobernos e grandes corporacións.

Segundo anuncia Wikileks, FoWL cifrará todos os datos dos seus usuarios, empregando mesmo un cifrado militar para que sexa case imposible que ninguén poida acceder a esa información. A outra diferenza que FoWL establece con FB é que está pensada para poñer en contacto a persoas que non se coñecen entre si (mentres que as restantes redes sociais se converten en espazos virtuais para as relacións físicas xa establecidas en moitas ocasións). FoWL asegura que unirá a persoas que non se coñecen entre elas para "facer amigos e novos aliados" para "loitar nunha causa común".

FoWL asegura que unirá a persoas que non se coñecen entre elas para "facer amigos e novos aliados" para "loitar nunha causa común"

Polo tanto, FoWL nace para dar cobertura e achegar ferramentas de comunicación aos movementos sociais (de xeito semellante a como se ven empregando N-1), e a este respecto os seus promotores afirman que "a rede está deseñada para algo máis que WikiLeaks. Trátase dunha solución para a construción dunha rede de apoio ante condicións hostís. FoWL constrúe unha forte rede de apoio inmediato sobre calquera crenza compartida polos partidarios da misma, de forma que se maximiza a comunicación". E Wikileks conclúe a este respecto: "na rede ninguén pode ser visto como máis importante que un obxectivo". 

WLFriends estará dispoñible proximamente, pero as persoas que o desexen xa se poden inscribir, para formar parte do "núcleo" da rede social. O sistema (polo de agora en inglés, francés, alemán, portugués, español e sueco) dá a posibilidade de escoller a lingua dos amigos que cada persoa prefire que a rede lle suxira, e entre elas atópanse tamén o catalán, o euskera e o galego, que se incorporarán nos vindeiros meses.

Captura de pantalla de WLfriends Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.