12 mil persoas volveron converter Cans na festa do cinema en Galicia

Caravana de chimpíns en Cans © Alberto Pérez Barahona

Chimpíns, estrelas, concertos, o jaliñeiro, curtas, videoclips, agroglamour... O Festival de Cans foi construíndo ao longo dos seus once anos de historia unha serie de símbolos e de eventos que atraen a atención de cada vez máis público. Porén, de igual xeito pódese dicir que o festival nunca é o mesmo, sempre hai sopresas, novas seccións, novas atraccións. Este ano pasaron por esta pequena parroquia do Porriño máis de doce mil persoas, que gozaron de curtas, filmes e documentais, que viron concertos e debates e que abofé que quererán repetir no 2015.

O éxito quedou demostrado, por exemplo, na necesidade de repetir o pase do documental Antonio Vega. Tu voz entre otras mil, ante a demanda do público que quedara fóra da primeira proxección, e que ademáis era a única actividade de pago fóra da proxección de curtas a concurso. Ou tamén pola masiva asistencia á estrea de Os Fenómenos, de Alfonso Zarauza, o xoves. Ou polo multitudinario Coloquio na Leira protagonizado por Karra Elejalde, o máis masivo da historia do Festival de Cans, a pesar do cambio de última hora debido a un problema de saúde de Gracia Querejeta. 

De igual xeito, todas as persoas que pasaron por Cans este ano lembrarán algúns momentos que marcaron a fin de semana, coma os concertos de Heredeiros da Crus o sábado ou de Los Coronas o venres. Ou a actuación tan especial de Pazos de Merexo e Kepa Junkera no Jaliñeiro, que rematou cun concerto sorpresa dos Diplomáticos de Monte Alto. Ou pola estrea da peza Agroglamour en Cans, de Rogelio Groba, previa entrega da partitura e descubrimento da placa na honra do mestre Groba.

O festival premiou Ser e voltar de Xacio Baño, Tupper de Ángel Manzano, 3-1=0 de Juan Galiñanes e Jamón de Iria López

En Cans hai moitas cousas ademais de cinema, pero tamén hai cinema. E como festival que é tamén entregou os seus premios, que nesta edición destacan pola súa calidade. Por primeira vez na historia de Cans o xurado premia unha curta de non-ficción. Trátase de Ser e voltar, de Xacio Baño, unha proposta moi persoal que consolida a traxectoria dun curtometraxista xa coñecido no festival. A organización espera que este premio lle abra as portas a Baño para rodar a súa primeira longa. O xurado salientou que se trata dunha curta "que chega ao espectador e que ofrece unha mirada propia, moi persoal, sobre dous mundos en colisión, o do director e o das súas raíces, chegando a poñer en cuestión o mesmo papel do cineasta".

Outro aspecto destacable é a chegada con forza dun debutante que procede de fóra do mundo do audiovisual e que pode ter unha traxectoria interesante, Angel Manzano, director de Tupper, que se fixo co premio do público e co galardón para a mellor interpretación masculina (Javier Gutiérrez). Finalmente, o festival salienta tamén o recoñecemento á curta 3-1=0, de Juan Galiñanes, que se fixo co premio do xurado dos veciños e máis co de mellor interpretación feminina (Déborah Vukusic). Ademais, Jamón, de Iria López, levou o premio á mellor curtametraxe de animación. Por último, María Bouzas foi recoñecida co Premio de Honra Pedigree’14, "pola súa rigorosidade profesional e pola súa sólida carreira, que a fan representante dunha xeración de actrices que leva décadas no audiovisual e que debe empezar a ter os seus merecidos recoñecementos".

O Premio CREA do xurado á mellor dirección foi para Omar Rabuñal e Daniel Viqueira por Koan. O Premio AGAG do xurado ao mellor guión foi para Hogar Hogar, de Carlos Alonso Ojea. O Premio do xurado á mellor banda sonora foi para Jamón de Iria López. O Premio do xurado ao mellor videoclip foi para “Un gran hijo de puta” de Los Árboles, dirixido por Manuel Valcárcel. E o Premio do público ao mellor videoclip foi para “Carreteras” de Dakidarría, dirixido por Andrés H. Bonader.

Tamén foi un descubrimento para o público a presenza de Pepe Solla no Jaliñeiro. O cociñeiro sorprendeu coa súa actuación musical e conquistou coa súa proposta gastronómica, o Ovo de Can, unha sobremesa dedicada ao Festival. E moi emocionante foi igualmente a homenaxe aos veciños Juan e Serafín, culminado co pase privado (screening test) de Querida Gina. 

Os chimpíns seguen sendo o símbolo de Cans © Alberto Pérez Barahona
Cans é unha festa © Alberto Pérez Barahona
O 'Jaliñeiro', visto dende arriba © Alberto Pérez Barahona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.