150 'indies', todos metidos nun bote

Imaxe do Pop Voyage © Praza Pública

Este é o plan: meter a 150 persoas nun barco que parte de Vilagarcía e tocar para eles mentres a embarcación navega pola ría de Arousa, pasando por Cortegada, Rianxo e Boiro para volver despois a Vilagarcía para unha festa final. O menu: bandas galegas novas e en crecemento, dende o ruidismo que lle fai as beiras á electrónica de Músculo! até a psicodelia escura de Trajano, pasando polos sons tropicais e bailables de Álex Casanova. Trajano e Músculo! foron dous dos catro semifinalistas galegos no Proyecto Demo de Radio3 este ano.

Ademais, Nano Vinilo Dj e She’s In Parties para pechar unha festa que comezará no barco ás dez da noite deste venres 7 e rematará nunha after-party no Club de Vela de Vilagarcía de Arousa "a altas horas da madrugada".

As entradas, necesariamente limitadas, están á venda até este mércores no Bar Lembranza (Baldosa 6, Vilagarcía), Estudio54 (Gómez Ulla 8, Stg DC) e Pontevedra (Vázquez Lescaille Discos -galerías) a quince euros. Os seus organizadores gábanse de non contar con apoios externos, nin de institucións ou empresas e prometen que no barco "haberá Biodramina" para evitar os mareos.

 

O sábado, Lolapop

E o sábado, no que cae parece un programa dobre para os amantes da música pop, chega unha nova edición do Lolapop, despois de que o pasado ano non se puidese celebrar. Cambia de datas e de escenario, pasando da beira do río en Pontecaldelas, onde naceu, a Redondela, máis concretamente no peirao de Cesantes, coa festivaleira Illa de San Simón como pano de fondo. Bigott encabeza un cartaz no que tamén destacan Niños Mutantes e Supersubmarina e unha notable presenza galega, con Maryland e Munich.

O Lolapop xa tivo un anticipo a pasada fin de semana na Alameda de Redondela, coa edición do festival para nenos. Aínda se poden mercar entradas, cun prezo de doce euros.

Trajano © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.