24 horas para asegurar a continuidade de 'Oink!'

Oink! busca asegurar o futuro da publicación para os vindeiros 12 meses Dominio Público Oink!

"É a fin?" É a pregunta que os responsables da revista Oink! e tamén os seus lectores e lectoras se fan estes días. Este sábado remata a campaña de crowdfunding iniciada hai corenta días polos promotores da revista de banda deseñada en galego para público infantil e xuvenil. Buscaban un número de subscricións suficiente para manter a publicación, un total de 36 mil euros e polo de agora o obxectivo segue lonxe, a pesar de ter recadados máis de sete mil.

A revista presentouse este verán cunha declaración de intencións: "O que nos sobra en Galicia é talento, non podemos perdelo, temos que darlle esperanzas ás novas xeracións". Un espazo para os talentos galegos da banda deseñada e da ilustración, un espazo tamén para a rapazada, unha alternativa amena e de calidade para nenos, nenas e adolescentes, e ademais en galego, ante a ausencia de publicacións na nosa lingua para o público infantil e xuvenil. “Seguimos pensando que fai falla unha publicación para a rapazada. Todo na TDT é en castelán, parece que estamos borrando do galego toda unha xeración”, dicía o seu director, Marcos Ferreira, nunha entrevista publicada en Praza.

“Contabamos con estar en todos os colexios de Galicia, en case todas as bibliotecas, e iso non sucedeu”, explicaba tamén Ferreira. E dado o custe de impresión e distribución da publicación, e ante a posibilidade de ter que editar a revista nos vindeiros meses por falta de ingresos, a comezos de xaneiro os responsables de Oink! decidiron non imprimir o número 5 e comezar unha campaña de crowdfunding co obxectivo de asegurar a continuidade da revista, que ademais pasaría a ser bimensual, para aforrar custes. 

Oink! buscaba recadar un total de 36 mil euros, unha cantidade que cubrise os gastos dun ano completo. Ademais doutras moitas recompensas e modalidades de apoio, o groso da campaña eran as subscricións anuais, un total de seis números por 30 euros. E o obxectivo estaba situado nos mil subscritores, unha cifra que aseguraría a continudade do proxecto. "Chámannos pedindo que non pechemos a revista, como se fose algo que dependa de nós. Non podemos seguir asumindo este risco económico, pero estas mensaxes demóstranos que hai interese", dicía Marcos Ferreira.

Os responsables da publicación seguen realizando un chamamento para que 900 persoas se subscriban por un ano (30 euros). Esa cantidade aseguraría a supervivencia de Oink!

Corenta días despois, a só 24 horas do remate da campaña, o obxectivo segue lonxe. Recadáronse polo de agora 7.346 euros, unha cantidade non pequena, pero que deixa no aire a continuidade de Oink!. En calquera caso, os responsables da publicación seguen realizando un chamamento para que 900 persoas se subscriban por un ano (30 euros) ou lle ofrezan esa subscrición como agasallo a un amigo, fillo, filla ou familiar. Esa cantidade aseguraría a supervivencia de Oink!.  

 

En galego e de calidade

"Queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos coma persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial"

Oink! lanzouse este verán buscando levar ao papel, a unha publicación mensual, o mellor daquel Xabarín Club que marcou a unha ou varias xeracións. "Nun tempo en que todo o dirixido á rapazada pasa polas factorías das grandes marcas. Cando todo o que se pensa para nenas ten forma de princesa rosa e para nenos forma de superheroe. Agora que os libros, as películas, a roupa e mesmo os iogures están inzados cheos dos mesmos personaxes infantís co único obxectivo de vender, nace algo diferente".

Destacaban que "queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos coma persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial". E cunha perspectiva galega: "Dende Galicia ollaremos para todo o planeta, veremos que acontece en lugares moi distantes, pero tamén pescudaremos a nosa terra. Queremos que a mirada local lles demostre que moi preto deles hai cousas incribles que paga a pena descubrir".

Imaxe publicada estes días no seu perfil de Facebook © Oink!
Oink! busca asegurar o futuro da publicación para os vindeiros 12 meses Dominio Público Oink!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.