25 espectáculos volverán converter Ribadavia na capital do teatro

A Porta Pechada © MIT

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celebrará unha nova edición do 21 ao 28 de xullo e abrirase cunha versión do Huis Clos (A porta pechada) de Sartre, posta en escena a través dunha coprodución de artistas das compañías Timbre 4 (Arxentina) e Théâtre du Soleil (Francia), no que será unha estrea absoluta en España.

En total serán ao redor de 25 espectáculos, variados e de calidade, segundo os organizadores, que sinalaron este martes na presentación da Mostra que o festival quere seguir apostando "pola internacionalización e a innovación" e por "espectáculos difíciles de atopar na programación da carteleira galega, diversos, que intentan chegar a todos os gustos e a todos os públicos", en palabras de Roberto Pascual, director, que engadiu que “unha obriga dun director é estar atento ás novidades, aos estilos e tendencias escénicas e ofrecer aos cidadáns cultura activa e dinámica, que nos amose dende distintas poéticas  a perversidade e a bondade do ser humano, cómica, dramática ou ironicamente”.

En total serán ao redor de 25 espectáculos, variados e de calidade, segundo os organizadores, que sinalaron este martes na presentación da Mostra que o festival quere seguir apostando "pola internacionalización e a innovación"

A respecto de A Porta Pechada, o seu director, Serge Nincolaï, afirmou que “Esta é a obra que necesitamos. A escritura mordaz de Sartre, o seu ritmo de xogo dá aos actores o espazo para expresar o que necesito, tan rico nos estados de ánimo e versátil que ofrece un territorio extraordinario; esta é unha obra para actores”. Estreada en París no ano 1944, durante a ocupación alemá, Huis Clos (A porta pechada) é un dos textos máis emblemáticos de Sartre. A frase “o inferno son os outros” dá conta da desesperación de catro personaxes sen destino, interdependentes, que segundo opina Nicolaï, “moitas das relacións dos personaxes amósanse na actualidade: que sucede ao relacionarnos co outro, que nos devolve a mirada do outro? Ás veces provoca un verdadeiro desastre en nós. O medo é algo que está moi presente neste mundo e os personaxes de Sartre teñen medo; pero queren sobrevivir aínda estando mortos, aínda así pelexarán coma cans para se manteren vivos”.

A Porta Pechada © MIT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.