30 anos de Premio Blanco Amor

Eduardo Blanco Amor © Editorial Galaxia

Fene organiza este ano este certame de novela nacido en 1981, nos albores das corporacións democráticas, como un proxecto cultural “mancomundado” e itinerante. Os concellos galegos colaboran dende aquela de forma unitaria para sacar adiante un galardón que serve para “tomarlle o pulso literario” ao país e que gañaron autores como Suso de Toro, Víctor Freixanes,  Séchu Sende, Xavier Alcalá ou Ursula Heinze.

“O interesante do Blanco Amor é que é un galardón civil e unha boa maneira de tomarlle o pulso literario á sociedade galega”

“O interesante do Blanco Amor é que é un galardón civil e unha boa maneira de tomarlle o pulso literario á sociedade galega”. Así define a crítica literaria e profesora da USC Dolores Vilavedra a relevancia do Premio de Novela Blanco Amor que neste 2012, organizado polo Concello de Fene, celebra a súa trixésima edición. Dende 1981, escritores como Daniel Cortezón, Víctor Freixanes, Ursula Heinze, Suso de Toro, Francisco Castro, Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde fixéronse cun galardón singular, itinerante e mancomunado. Un premio cuxa nómina de gañadores, segundo a filóloga e escritora Inma López Silva, ofrece a posibilidade de analizar a narrativa galega do tramo final do século XX e comezos do XXI. “Permíteche estudar os últimos anos da nosa literatura”, sinala López Silva, quen se converteu na segunda gañadora feminina (a primeira foi Ursula Heinze) do certame en 2007.

Máis alá desa relevancia literaria, o Premio Blanco Amor serve ademais para entender unha época determinada da historia civil galega e das iniciativas de facer un país, Galicia, que adormecera como o resto do estado baixo o xugo do franquismo. Unha época de espertares, de amenceres, de crear novos proxectos comúns. “O premio naceu coas primeira corporacións democráticas. Era unha época de ilusións, había esperanzas. Daquela, dabámoslles moita importancia ás oportunidades. Iamos comer o mundo. Eran outros tempos”, lembra con nostalxia Xurxo Martínez, edil de Cultura no primeiro concello democrático de Redondela, lugar de onde agromou a idea de crear o Blanco Amor, un galardón chamado a ser o “gran premio literario de Galicia”.

“O premio naceu coas primeira corporacións democráticas. Era unha época de ilusións, había esperanzas. Daquela, dabámoslles moita importancia ás oportunidades. Iamos comer o mundo. Eran outros tempos”

Naquel recanto chamado Redondela saíra unha primeira corporación segmentada nun feixe de siglas e cun goberno de esquerdas cuxo alcalde era Xaime Rei. “Cinco concelleiros de Unidade Galega, catro do PC, tres do PSOE, dous do Partido do Traballo, tres de UCD, tres de Alianza Popular e un do Bloque. Gobernaba Unidade Galega e había un equilibrio de 5 concelleiros de dereitas e 16 de esquerdas, incluíndo a un de AP, que por aquela época era sindicalista no Corte Inglés e non sabemos por que fora nas listas de AP”, esfórzase en lembrar un Xurxo Martínez que conseguira a acta de concelleiro polo Partido do Traballo. “Eran outros tempos, si”, insiste o antigo edil de Cultura de Redondela. Tempos diferentes en que as siglas existían, dividían e confrontaban, pero no que non faltaba nin a vontade nin a unidade. “Traballamos todos xuntos. A esquerda e parte da dereita. Traballábase de forma unitaria, sen ter en conta as cores políticas. Eran outros tempos. Fora unha experiencia bonita. Todo iso cambiou e agora só hai políticos profesionais”, conclúe Martínez.

 

“Relanzar a figura de Blanco Amor”

“Daquela iso da normalización lingüística soaba raro”, lembra Xosé González. “Comezouse a facer un traballo de normalización, abrir un camiño. Era todo un traballo de militancia”, engade Xurxo Martínez

Neses tempos que, segundo Marínez eran de “esperanza” e de “ilusión”, xurdiron diversas iniciativas dende os concellos acabados de nacer. No caso de Redondela, agromou a intención de facer un premio literario, o “gran premio literario de Galicia”. Na súa concepción, xogou un papel capital Xosé González Martínez (Pepe de Redondela), que  entrara na función pública en 1979 a través dunha oposición. Así chegara ao Concello de Redondela para encargarse de asuntos culturais e de normalización lingüística. “Daquela iso da normalización lingüística soaba raro”, lembra Xosé González. “Comezouse a facer un traballo de normalización, abrir un camiño. Era todo un traballo de militancia”, engade Xurxo Martínez.

Esa historia pertence ao Concello de Redondela, mais podería ser de moitos outros. ou quizais, como o propio premio Blanco Amor, de todos as corporacións que comezaban a andar tentando quitarse o óxido e a herdanza franquista. Nesas circunstancias, prodúcese un feito en Ourense. O escritor Blanco Amor falece o 1 de decembro en Ourense de 1979 e a súa figura non recibe, por parte das institucións ourensáns do momento, o trato que merecía. “O alcalde de Ourense negouse a que o cadaleito do escritor fose velado no concello. Negouse e foi unha vergonza. Nós, dende Redondela, respondemos cun escrito na prensa criticándoo con dureza, pero eu defendía a idea de que tamén había que responder en positivo, sempre en positivo”, lembra González.

“O alcalde de Ourense negouse a que o cadaleito do escritor fose velado no concello. Negouse e foi unha vergonza. Nós, dende Redondela, respondemos cun escrito na prensa criticándoo con dureza, pero eu defendía a idea de que tamén había que responder en positivo, sempre en positivo”

A resposta en positivo era renderlle unha clara homenaxe e en forma de galardón literario, “Precisábase un acto para relanzar unha figura que o pasara mal, que o pasara mal económica e persoalmente”, explica Xurxo Martínez en referencia ao autor d'A Esmorga. Xosé González, quen coñecía ao autor d'Os biosbardos, comezou a darlle o caletre e achou que, a mellor forma de homenaxealo -e de responder “en positivo”- era crear o “gran premio da literatura galega” co nome de Blanco Amor. González, ademais, atopaba así a vía para poñer punto e final a unha “frustración” no país. “Anos atrás, dende a Asociación do Galo, fixérase a Campaña do peso, pedindo donativos á xente para facer o certame Castelao. Aquilo fora unha utopía e fora unha operación frustrada, Había que intentalo de novo”, lembra González en referencia a un galardón que só se celebrara en tres ocasións nos anos sesenta.

 

“Proxecto mancomunado”

“Anos atrás, dende a Asociación do Galo, fixérase a Campaña do peso, pedindo donativos á xente para facer o certame Castelao. Aquilo fora unha utopía e fora unha operación frustrada, Había que intentalo de novo”

Pouco a pouco foise trazando as ideas de como sería o galardón e presentouse a idea ao alcalde, que amosou certo escepticismo, pero que deixou facer á Concellería de Cultura e a Xosé González. Foron xurdindo así as bases do galardón, escribiuse a moción para levala ao pleno e iniciouse o contacto con outros concellos, porque xa a esas alturas a idea era que o Premio Blanco Amor estivese apoiado e organizado polo maior número de consistorios de Galicia. “Foi a primeira experiencia mancomunidade”, lembra González.

Cada concello participante debería achegar 25.000 pesetas para o financiamento do galardón e para cubrir a dotación económica (“500.000 pesetas”, lembra González). Entre todos os que participasen realizaríase un sorteo para escoller a sede do certame na seguinte edición. Comezaba así a itinerancia dun galardón nómade e civil que foi percorrendo nas últimas tres décadas a xeografía galega. A resposta naquel primeiro ano foi, quizais, morna. “Non foi unha gran resposta, conseguiuse cubrir unha dotación económica antes impensable. Pero non foi unha gran resposta. Uníranse só uns corenta municipios”, insiste Xurxo Martínez. “Ademais, había concellos grandes que desconfiaban do que facíamos en Redondela. “Que están a facer estes?”, dicían preocupados. E houbo tamén consistorios nacionalistas que non apoiaron, que desconfiaron porque estaba gobernado por Unidade galega. Desconfianzas”, engade Pepe de Redondela.

“Ademais, había concellos grandes que desconfiaban do que facíamos en Redondela. “Que están a facer estes?”, dicían preocupados. E houbo tamén consistorios nacionalistas que non apoiaron, que desconfiaron porque estaba gobernado por Unidade galega. Desconfianzas”

O Premio saíu adiante. Na súa primeira edición realizouse un libro homenaxe a Blanco Amor con colaboracións de autores como Méndez Ferrín, Luís Álvarez Pousa, Camilo Gonsar, Carlos Casares, Claudio Rodríguez Fer ou Alfredo Conde, prólogo do propio Xurxo Martínez e ilustracións de Alfonso Sucasas. Daniel Cortezón pasou a historia como o primeiro gañador do certame con A vila sulagada. Comezaba a itinerancia, a viaxe nómade dun galardón civil que segue a día de hoxe a se celebrar e que en tres décadas sobreviviu a atrancos e reticencias dalgunhas corporacións que non o valoraron o suficiente.

En tres décadas sobreviviu a atrancos e reticencias dalgunhas corporacións que non o valoraron o suficiente. O caso máis soado foi o caso da Coruña, cuxo alcalde Paco Vázquez negouse a organizalo en 1995 aínda que lle tocara no sorteo

O caso máis soado foi o caso da Coruña, cuxo alcalde Paco Vázquez, negouse a organizalo en 1995 aínda que lle tocara no sorteo. “O Premio é tomarlle o pulso literario e cultural a Galicia, reflicte como é o país. E o vazquismo, Paco Vázquez, o seu pailanismo, tamén é parte do país, de Galicia”, explica Vilavedra sobre un país que tamén e ese no que os seus concellos foron capaces de manter ao longo do tempo un certame histórico, civil e mancomunado dende aquel 1981 até este 2012 de tesoiradas, crise económica e consistorios afogados polas débedas.

Eduardo Blanco Amor © Editorial Galaxia
Iván Campos, gañador da edición do pasado ano © Editorial Galaxia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.