30 mil persoas pasaron pola sala Numax neste 2016

Proxección en Numax © Numax

Ao redor de 30.000 persoas pasaron pola Sala Numax de Compostela neste 2016. Doce meses nas que Numax estrou un cento de filmes, entre novidades de carteleira, a reestrea en copias restauradas de filmes rodados en celuloide, e traballos de vangarda escolmados para a sección Os Ollos verdes. Esta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, permitiu a visita de cineastas de primeiro nivel internacional como Pedro Costa, Rita Azevedo Gomes, Albert Serra ou Charles Burnett, entre moitos outros. Ademais, a Cooperativa NUMAX recibiu o Premio de Honra José Sellier dos Mestre Mateo 2016 e foi Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Audiovisual, galardón que recollerá o vindeiro mes de xaneiro.

A Cooperativa NUMAX recibiu o Premio de Honra José Sellier dos Mestre Mateo 2016 e foi Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Audiovisual

Entre as citas máis inmediatas para o comezo do 2017, Numax acollerá a presentación de Mimosas, de Oliver Laxe, que ese día chegará a 20 salas de toda España. O cineasta galego amosará en Compostela un filme que xa fixo historia ao gañar na Semana da Crítica de Cannes 2016, entre outros varios premios.

Destacan igualmente as actividades formativas realizadas pola sala. A través de NUMAX na escola, unha liña de traballo que botou a andar co obxectivo de apoiar a transmisión de valores e coñecementos a través do cinema, máis de 1.000 alumnos/as de diversos centros de primaria, secundaria e bacharelato da comarca compostelá e doutras áreas de Galicia visitaron o cinema este ano. 2016 foi tamén o ano no que NUMAX funcionou por vez primeira como sede do Festival Cineuropa, que celebraba a súa trinta edición. Ademais, colaborou activamente co Festival Internacional de Cinema de Rotterdam a través do IFFR Live, o WOS Festival, o Festival Escenas do Cambio e o Festival Curtocircuíto

Ademais, a Libraría Numax consolidou o seu fondo, pasando dos 3.000 volumes iniciais aos máis de 5.000 cos que agora conta, incorporando novos selos editoriais. En 2016, foi a única libraría de Galicia seleccionada por Guía Repsol na súa proposta de 10 librerías con encanto. Numax continúa a ofrecer, finalmente, servizos de deseño e produción de vídeo. Neste 2016, por exemplo, traballouse na entalonaxe e finalización en DCP de filmes como Esquece Monelos (Ángeles Huerta, 2016) ou Nocturno (Álvaro F. Pulpeiro, 2017).

 

Screenly e Caimán proxectarán na Coruña os tres mellores filmes españois da historia

Os 300 críticos das Revista Caimán (antes Cahiers du cinéma España) escolleron este ano, coincidindo co número 100 da publicación, os 100 mellores filmes da historia do cinema español, resultando gañador Viridiana (Buñuel, 1961), por diante de El Espíritu de la Comena (Erice, 1973) e El Verdugo (Berlanga, 1963). Nas posicións seguintes atompamos Plácido, Arrebato, La Caza, El Sur ou El Extraño Viaje.

Caimán e Screenly levarán as películas que compoñen o podio desta clasificación ao Teatro Colón da Coruña nos primeiros meses de 2017, en tres proxeccións que serán acompañadas de presentacións a cargo de expertos e coloquios

Caimán e Screenly levarán as películas que compoñen o podio desta clasificación ao Teatro Colón da Coruña nos primeiros meses de 2017, en tres proxeccións que serán acompañadas de presentacións a cargo de expertos e coloquios. O ciclo arrinca o próximo 9 de febreiro coa proxección de El Verdugo, de Luís García Berlanga, ás 9 da noite, presentada e comentada nun coloquio posterior por José Manuel Sande, escritor cinematográfico e colaborador da Revista Caimán, ademais de actual concelleiro de Culturas na Coruña. As entradas pódense reservar na plataforma de crowdticketing Screenly a un prezo especial de 6 euros antes do 12 de xaneiro, data límite para conseguir o mínimo de espectadores que confirme o evento. A partir desa data a venda directa de entradas será a 8 euros.

As seguintes proxeccións deste ciclo serán o 23 de marzo con El espíritu de la Colmena, presentada por Jaime Pena, programador do CGAI e membro do consello de redacción de Caimán, e o 27 de abril con Viridiana, o número 1 da lista.

Proxección en Numax © Numax
Cartaz de 'O Verdugo' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.