46 traballos optan ao premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

Dominio Público Concello de Carballo

O Concello de Carballo recibiu –unha vez finalizado o prazo de presentación o pasado 11 de abril– un total de 46 traballos para o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Os membros do xurado comezarán a analizar e avaliar os diferentes traballos e, na última semana de abril ou na primeira de maio, xuntaranse na capital bergantiñá para elixir o artigo gañador, que se dará a coñecer a comezos de maio. Os xornalistas carballeses Xurxo Chapela e Belén Puñal e o gañador da última edición, Carlos Callón, compoñen o xurado.

Os xornalistas carballeses Xurxo Chapela e Belén Puñal e o gañador da última edición, Carlos Callón, compoñen o xurado

O certame ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

En edicións anteriores foron premiados autores como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos doce medios colaboradores coa iniciativa: De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, Dioivo, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Compás, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

En edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos M. Callón. Todos os artigos premiados tiveron unha gran repercusión, xa que foron publicados e difundidos por todos os medios colaboradores cada ano.

Dominio Público Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.