Este venres Boiro acolle a cuarta edición de Olloboi, certame audiovisual para centros de ensino no que compiten 174 pezas dun total de 54 colexios, institutos e facultades de toda Galicia e outras 17 de países europeos (a través de programas Erasmus). A organización destaca que é unha edición "cunha participación alta e de calidade", onde se mantén "o nivel de centros históricos" como o IES As Barxas, o CPIP Eusebio Lorenzo Baleirón, o CEIP do Carballal, o IES de Cacheiras ou o IESP A Cachada, sumándose cun gran número de boas pezas o IES Politécnico de Vigo e o IES María Soliño.
Pola mañá terá lugar a Muchachada Matiné, un roteiro socioaudiovisual por Boiro onde os e as participantes crearán micropezas audiovisuais xunto a cineastas
Pola mañá terá lugar a Muchachada Matiné, un roteiro socioaudiovisual por Boiro onde os e as participantes crearán micropezas audiovisuais xunto a cineastas, co soporte da A.C. Unión de Muchachas. Os centros que van participar son IES A Pobra do Caramiñal, IESP A Cachada (Boiro), IES Bréamo (Pontedeume), CPI As Mirandas (Ares), IES Fernando Blanco (Cee) e IES Macías o Namorado (Padrón). Os cineastas cómplices deste ano son: Sandra Sánchez, directora de Tralas Luces; Alfonso Zarauza, director de Encallados; María Yáñez e Sonia Méndez, do Carballo Interplay; Miguel de Lira, actor e guionista de Os Crebinsky; Andrés Goteira e Suso López, de Dhogs; Eloy Domínguez, director de No cows on the ice; Sabela Hermida, actriz e produtora e Toño Chouza, cineasta de Boiro.
A seguir haberán un xantar colectivo (a comida corre a conta de cada quen). Pola tarde realizarase un CineForum no que as directoras do festival Carballo Interplay achegarán o mundo das series web e youtubers; a continuación, Sabela Hermida e Fede Pérez presentarán a gala de entrega de premios, que se celebrará nos Asteleiros Triñanes.
Este ano participan 174 pezas dun total de 54 centros educativos de Galicia (maiormente das provincias de Coruña e Pontevedra) e 17 do resto de Europa
Este ano participan 174 pezas dun total de 54 centros educativos de Galicia (maiormente das provincias de Coruña e Pontevedra) e 17 do resto de Europa, a través de proxectos de colaboración tipo Erasmus. Un xurado composto polos e polas cineastas cómplices deste ano escollerá os e as gañadoras. Hai oito categorías: Olloboi Interpretación, Olloboi Montaxe, Olloboi Fotografía, Olloboi DJ, Olloboi Guión, Olloboi Arte e estética, Olloboi non ficción e Olloboi Zamburrioi, un premio especial concedido pola Asociación Olloboi. Os e as finalistas poden consultarse na web do festival.
"No panorama da cultura galega non hai un recoñecemento explícito das iniciativas audiovisuais escolares. Decidimos traballar para premiar a orixinalidade, arte e compromiso de moitos futuros profesionais"
Os organizadores desta iniciativa, que conformaron unha asociación sociocultural sen ánimo de lucro, destacan que "conscientes de que no panorama da cultura galega non hai un recoñecemento explícito das iniciativas audiovisuais escolares, decidimos traballar para premiar a orixinalidade, arte e compromiso de moitos futuros profesionais". Un dos obxectivos principais de Olloboi é o formativo, axundando os futuros e futuras creadoras do audiovisual a aprender máis sobre as técnicas e os procesos necesarios para a realización de curtametraxes e outras pezas.