86 alumnos de 22 países aprenden galego este verán en Compostela

Acto de inauguración dos cursos © USC

5 persoas procedentes de Alemaña, 2 de Arxentina, 9 de Brasil, 5 do Reino Unido, 4 de Chile, 2 de Croacia, 2 dos Estados Unidos de América, 1 de Finlandia, 2 de Francia, 3 de Hungría, 1 de Irlanda, 6 de Italia, 1 de Kazakhstan, 1 de México, 4 de Polonia, 4 de Portugal, 2 de Romanía, 8 de Rusia, 1 de Serbia, 1 de Ucraína, 1 de Xapón... E outras 21 do resto de España. Así até 86 alumnos e alumnas procedentes de todo o mundo e que este mes de xullo, até o día 27, estarán en Compostela apredendo ou mellorando o seu galego.

Nas edicións anteriores participaron nos cursos arredor de 2400 persoas de moi diversos países de todo o mundo, e nesta ocasión súmase case un cento máis

Son os cursos de verán de galego para extranxeiros, que un ano máis organizan a Real Academia, o Instituto da Lingua e a Secretaria Xeral de Política Lingüística e que comezaron hai uns días. Nas edicións anteriores participaron nos cursos arredor de 2400 persoas de moi diversos países de todo o mundo, e nesta ocasión súmase case un cento máis. No acto de inauguración interviron o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet Schröder, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, a directora do ILG, e o director dos Cursos de verán, Francisco Fernández Rei.

Do alumnado matriculado, 45 persoas proceden de 26 Centros de Estudos Galegos, vencellados á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, de universidades de Europa e América. Moitas das outras persoas veñen de universidades nas que tamén teñen vínculo coa lingua e a cultura galegas, aínda que non conten cun Centro de Estudos Galegos. Os cursos constan de 4 niveis: elemental 1, elemental 2, medio e superior. O alumnado dos niveis elementais e do medio teñen clases teóricas pola mañá e prácticas pola tarde. O superior é un curso de Filoloxía Galega con catro seminarios.

Acto de inauguración dos cursos © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.