A Academia Galega de Teatro critica que o CDG leve ao festival de Mérida unha versión en castelán de 'Shakespeare en Roma'

Montaxe de 'Shakespeare en Roma' © CDG

O Centro Dramático Galego participará este verán no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, que se celebra os días 18 e 19 de xullo. Farao coa obra Shakespeare en Roma, que o CDG estreou o pasado mes de febreiro en Compostela. A produción achégase ás catro pezas que o dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico).

A Academia Galega de Teatro critica que a representación de Shakespeare en Roma no Festival de Mérida se vaia realizar "nunha versión en castelán realizada ad hoc para este evento"

Cada unha das pezas nas que se divide o espectáculo conta cunha dirección distinta (Rui Madeira, María Barcala e Xúlio Lago, Sara Rey e Quico Cadaval), aínda que todas elas comparten un elenco de oito actores e actrices: Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado.

A Academia Galega de Teatro vén de criticar a través dunha nota de prensa que a representación de Shakespeare en Roma no Festival de Mérida se vaia realizar "nunha versión en castelán realizada ad hoc para este evento". A entidade considera que un festival "da categoría do de Mérida" supón "un escaparate de primeira liña precisamente para actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente, pois o teatro galego conta con calidade demostrada e gran capacidade para proxectar a identidade galega máis alá das nosas fronteiras, así como para contribuír ao desenvolvemento cultural do noso país".

Montaxe de 'Shakespeare en Roma' © CDG

Para a Academia Galega de Teatro, "o contexto dos festivais internacionais semella idóneo para mostrar as capacidades da nosa lingua"

Para a Academia Galega de Teatro, "o contexto dos festivais internacionais semella idóneo para mostrar as capacidades da nosa lingua, xa que, por unha banda, o público que acode a eles está afeito a asistir a espectáculos en calquera idioma e, pola outra, os organizadores contan coa estrutura técnica necesaria para ofrecer un espectáculo subtitulado sen menoscabo da función". 2A representación en galego suporía, en fin, unha oportunidade incomparable para recoñecer a pluralidade lingüística como principio básico da organización do Estado", engade.

A entidade manifesta o seu "rexeitamento e incomprensión" ante "o abandono da lingua propia de Galicia" por parte dunha institución que depende da Axencia Galega de Industrias Culturais

A entidade quere manifestar o seu "rexeitamento e incomprensión" ante "o abandono da lingua propia de Galicia" por parte dunha institución que depende da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), entre cuxos fins está precisamente “garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural”, como figura na Lei de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Montaxe de 'Shakespeare en Roma' © CDG

A entidade considera que un festival "da categoría do de Mérida" supón "un escaparate de primeira liña precisamente para actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente"

A Academia Galega de Teatro afirma que "renunciar ao emprego da lingua na que se creou un espectáculo escénico supón corromper a experiencia artística que se deriva da súa contemplación. Que o faga unha compañía institucional significa asumir unha posición de subordinación do galego que resulta inadmisible nunha entidade pública e que contravén a Lei de Normalización Lingüística". A entidade reclama ao Centro Dramático Galego que "rectifique" esta decisión, "a todas luces lesiva para a lingua, para o teatro e para a cultura de Galicia"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.