A AELG denuncia a súa marxinación dos actos organizados pola Xunta para homenaxear a Celso Emilio Ferreiro

Presentación dos actos do Ano Celso Emilio Ferreiro cos representantes de todas as entidades participantes, entre as que non está a AELG © Xunta

Os escritores e escritoras galegas denuncian a súa marxinación dos actos organizados pola Xunta para conmemorar os cen anos do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Os actos institucionais, que foron presentados a semana pasada, contan coa colaboración do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Concello de Celanova, da Fundación Curros Enríquez, do Centro PEN de Galicia, da Fundación Cidade da Cultura, e da Fundación Celso Emilio Ferreiro, mais non da asociación que agrupa os autores en lingua galega, a AELG, que non foi convidada a participar.

Hai uns días Ramón Nicolás amosaba a súa sorpresa no seu Caderno da Crítica, e a seguir Mercedes Queixas, secretaria xeral da asociación, víase obrigada a aclarar que "se a AELG tivese sido convidada estaría, sempre no exercicio das súas responsabilidades. Con todo, a AELG ten no seu programa para este ano apostar pola difusión e lectura da obra ferreiriana, unha das máis importantes cernas literarias que axudan a interpretar claves centrais da nosa máis recente historia". Este xoves foi outro crítico e autor, Alfredo Ferreiro, o que no seu blog denunciaba a exclusión da AELG, sinalando que "esta actitude institucional dá a entender que o goberno actual non ten ningún respecto polas institucións culturais que manan do pobo", engadindo que "desde a Xunta son preferidas, ao meu ver, accións que máis se asemellan a un novo feudalismo, ou se cadra á cara lavada dun caciquismo que nunca deixamos de padecer".

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, afirmou que "lamentamos que non se nos fixera partícipes desta campaña, porque nós temos intención de colaborar coa Consellaría nas celebracións deste ano", e explicou que semanas atrás lle propuxeron a edición dunha obra de análise sobre a obra de Celso Emilio Ferreiro, unha propostas da que aínda non obtiveron resposta. Cesáreo Sánchez dixo que, "dado que houbo unha boa colaboración co anterior conselleiro, agardamos que esta colaboración se manteña, por iso nos estrañou tanto isto".

Presentación dos actos do Ano Celso Emilio Ferreiro cos representantes de todas as entidades participantes, entre as que non está a AELG © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.