A AIEG non asistirá aos Premios da Cultura Galega en apoio aos traballadores das artes escénicas

Concentración da Plataforma das Artes Escénicas na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), con preto de 200 socios e socias residentes nos cinco continentes, desiste de acudir á entrega dos Premios da Cultura Galega 2012 que terá lugar este xoves na Cidade da Cultura. A decisión tomada pola xunta directiva da asociación é un xeito de expresar o seu apoio aos traballadores e traballadoras das artes escénicas e musicais, "en solidariedade cun reclamo que atinxe a todas as persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia".

A AIEG foi galardoada na categoría de Promoción Cultural de Galicia nesta edición dos Premios da Cultura Galega, en recoñecemento polo seu traballo de espallamento dos estudos galegos por universidades de todo o mundo ao longo de case tres décadas

A AIEG foi galardoada na categoría de Promoción Cultural de Galicia nesta edición dos Premios da Cultura Galega, en recoñecemento polo seu traballo de espallamento dos estudos galegos por universidades de todo o mundo ao longo de case tres décadas. Desde a AIEG agradécese a distinción, "por canto dela son merecentes homes e mulleres, académicos e científicas, que ao longo dos últimos anos traballaron a prol dos estudos galegos a nivel internacional e, nomeadamente, polo avance da asociación".

Con todo, afirman, "os recentes e acontecementos que están a ter lugar estes días na Cidade da Cultura (e mais concretamente, os enfrontamentos entre a policía e un grupo de profesionais das artes escénicas e musicais que se manifestaban en contra o desmantelamento da cultura galega e para esixir responsabilidades políticas) presentan unha nova conxuntura". Antes estas circunstancias, a xunta directiva da AIEG tomou a decisión de non acudir ao acto de entrega de premios. A AIEG desexa "manifestarlle dun xeito firme o seu apoio ao colectivo de persoas que se manifestan por un traballo digno para elas, polo futuro da cultura galega e por un futuro digno para todos e todas".

Concentración da Plataforma das Artes Escénicas na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.