A animación galega buscará o Goya nunha gala da que foxe Wert

Cartaz de 'O Xigante' © Abano

Engurras (2012)O soño dunha noite de San Xoán (2006) ou O bosque animado (2002) obtiveron o Goya na categoría de mellor longametraxe de animación, do mesmo xeito que Birdboy (2012) o fixo na categoría de curtas. A animación galega adoita achegar case todos os anos producións candidatas a gañar os premios do cinema español (o pasado ano O Apóstolo tamén foi nomeada) e de novo o fai nesta edición. O xigante, unha coprodución da empresa ferrolá Abano e a portuguesa Pilot Design, pode obter o premio á mellor curtametraxe. 

A representación galega nestes premios, que se entregarán este domingo 9 de febreiro nunha gala retransmitida en directo por TVE, non se reduce á animación. Os galegos Breixo Corral e Pablo Alén son candidatos ao premio ao mellor guión orixinal por Tres bodas de más, unha das sorpresas do ano e que aspira a sete premios. A outra protagonista galega é Cristina Trenas, que compite no apartado de mellor dirección de fotografía polo último filme do vigués Juan Pinzás, New York Shadows. La Gran Familia Española (Daniel Sánchez Arévalo) e Las Brujas de Zugarramundi (Álex de la Iglesia), con 12 e 10 candidaturas cada unha parten como favoritas da noite.

Unha gala na que a polémica comezou antes do seu mesmo inicio, ao anunciarse oficialmente que o ministro de Educación e Cultura, José Ignacio Wert, non acudirá á cerimonia, rexeitando o convite por "problemas de axenda". A pesar de que a data e a hora da gala se coñecen dende hai moitas semanas, o Ministerio escúsase afirmando que nese mesmo momento Wert ten concertado un encontro co ministro británico responsable de Universidades, Vince Cable. Wert si acudiu nos dous últimos anos á gala dos Goya, onde escoitou numerosas críticas á súa xestión, polo que se interpreta que a súa negativa a estar presente nesta ocasión se debe ao desexo de evitar esa crítica directa. A actitud de Wert xa foi denunciada por distintos colectivos, coma a Unión de Actores da Comunidad de Madrid, que cualificou a decisión de "espantada" e de "desprezo" ao cinema español e sinalou que o ministro "debería estar xa afeito aos apupos".

 

'O Xigante'

O Xigante terá que competir con Blue & Malone, detectives imaginarios (de Abraham López Guerrero), Cuerdas (de Pedro Solís García) e Vía Tango (de Adriana Navarro Álvarez). A curta, de dez minutos de duración, estreouse en marzo de 2012 no Teatro Jofre de Ferrol e está moi ligada á cidade departamental, tanto polo que se amosa no propio filme (con fermosas paisaxes demuxadas da ría ferrolá) coma pola parte da produción, da que é responsable Abano, da que é responsable Chelo Loureiro, nomeada por cuarta vez aos premios, despois de rozar o galardón con De Profundis, A flor máis grande do mundo e A tropa de trapo.

No último ano O Xigante obtivo máis de 20 premios e participou en ao redor de 60 festivais internacionais e tamén foi recoñecida co Mestre Mateo

O filme pódese definir como unha breve road movie na que o espectador asiste a unha metáfora sobre o crecemento e a preparación para a vida que o pai Xigante lle amosa á súa filla a través da fiestra do corazón. A propia Loureiro define a peza como "unha homenaxe á paternidade e á maternidade, probablemente a profesión máis difícil do mundo", pais e nais que coma o Xigante do filme, "lles amosan o mundo aos fillos e fillas a través do corazón, pero de igual xeito permiten que eles se formen a súa propia visión". "Un poema visual" que amosa como pais e nais "axúdanos a construír o seu universo, a trazar os seus camiños, a corrixir calquera desvío no magnetismo do seu compás, e a deixalos marchar cando chegue o momento axeitado".

O Xigante, dirixido polos realizadores portugueses Luís da Matta Almedia e Júlio Vanzeler, é unha produción ambiciosa, que contou cun orzamento de 300 mil euros e que, por exemplo conta con música orixinal de Nani García, interpretada pola Galicia Film Orchestra. Tamén se inclúe unha canción interpretada por María Manuela e o seu fillo Xurxo, que lle poñen música aos versos de Ana Caxiao. No último ano a curta obtivo máis de 20 premios e participou en ao redor de 60 festivais internacionais e tamén foi recoñecida co Mestre Mateo.

Cartaz de 'O Xigante' © Abano
Wert, coa cabeza agachada ante as críticas recibidas, na cerimonia do pasado ano Dominio Público TVE
O Xigante, cruzando a ría de Ferrol © Abano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.