A árbore musical de Roi Casal, dona do seu destino

Roi Casal, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Cando Roi Casal comezou a súa carreira musical en solitario houbo quen pensou que ía desenvolver unha nova "póla" musical a partir de Milladoiro, a histórica formación na que medrou como artista. Pero o que el quería non era ter unha póla de seu, "senón prantar outra árbore". Dez anos despois do seu primeiro disco en solitario Casal ten xa na man o cuarto coa satisfacción de non ser un becho "raro" por ser un artista galego que presenta novo traballo. 

Acabado de chegar de Zürich, unha das primeiras paradas da súa xira deste 2014, o músico de Catoira fala con paixón do novo proxecto, que toma prestado o título do poema de William Ernest Henley xa asociado para sempre á figura histórica de Nelson Mandela e que lle dá nome e letra á terceira composición do disco. A filosofía da persoa "dona do seu destino" impregna os oito temas que compoñen o disco, unha obra "con espírito crítico" co que o autor tenta transmitir que "as cousas se poden cambiar para mellorar".

Co ton optimista que o caracteriza Roi Casal chama a fuxir dos "lamentos". É un músico galego con raíces no país pero iso, advirte, non é "límite" ningún. A súa música bebe da tradición, pero non é música tradicional e isto "non é unha impostura", porque "a música que fago é esta", con independencia de que se apoie en textos de autores galegos ou mesmo teña influencias de composicións incluídas no Códice Calixtino. A súa, explica cun sorriso, "é música comercial e iso non lle quita ningún valor".

A nova xira de Casal lévao o vindeiro día 2 ao Principal de Santiago, xusto antes de marchar a América

Con estas credenciais Casal lánzase xa a unha xira que o leva o vindeiro día 2 ao Teatro Principal de Compostela. Inmediatamente despois pon a ollada en América, onde enre maio e outubro pasará por Montevideo, Buenos Aires, La Habana, Miami ou Nova York. Polo medio, por suposto, está o verań e as súas festas e festivais, concertos de "gran formato" onde a súa música desprega todo o seu pontencial. Eses eventos, explica, son tamén o principal mercado para a venda dos seus discos: máis do 95%, asegura, véndeos entre o público xusto despois dos concertos.

Arpa, zanfona, percusión, violín, guitarra, teclados, contrabaixo e a voz de Silvia Ferre forman o mosaico deste Donos do noso destino. "Non é música lixeira" pero tampouco se trata "dun disco de salón". O mellor para comprobar todo isto é escoitalo.

Roi Casal, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.