A arte galega 'veranea' no MARCO

Parte da exposición © MARCO

O máis importante da actual produción artística galega pode verse no MARCO de Vigo dende o pasado venres 11 e até o vindeiro mes de marzo. Veraneantes é unha mostra, comisariada Iñaki Martínez Antelo e Agar Ledo, que reúne obras de 26 creadores e creadoras de Galicia, e cuxo título fai referencia á obra homónima de Maximo Gorki que transmitía a necesidade de cambio na sociedade rusa pre-revolucionaria nun mundo en transformación, onde os personaxes, reunidos en torno a unha discusión, mostran como o ser humano adquire conciencia da súa capacidade para transformar o mundo que o rodea.

A maior parte das obras expostas foron realizadas expresamente para esta mostra, para ser ao mesmo tempo unha oportunidade para a visibilización destes creadores, e unha foto fixa sobre o estado actual da creación artística en Galicia

A maior parte das obras expostas foron realizadas expresamente para esta mostra, para ser ao mesmo tempo unha oportunidade para a visibilización destes creadores, e unha foto fixa sobre o estado actual da creación artística en Galicia.

O que une as obras dos 26 autores e autoras, a pertenza a un territorio (Galicia), fai xurdir cuestións sobre o que significa a pertenza a un lugar, "especialmente nun momento como o actual, no que a mobilidade e os fluxos de información reconfiguran constantemente o concepto de identidade". A exposición parte dun proceso de investigación que comezou hai máis dun ano e que, dende o punto de vista da produción artística, puxo de manifesto a existencia de mínimas estruturas de apoio (premios, bolsas, espazos autoxestionados...) e á vez, unha grande escaseza de lugares para a produción.

As obras distribúense por todos os espazos da planta baixa do MARCO, incluíndo zonas de tránsito de visitantes no interior e o exterior do museo, como a peza sonora de Miguel Prado na fachada, as intervencións de Mar Vicente no vestíbulo, de Misha Bies Golas diante da porta principal, e de Doa Ocampo en todo o perímetro dos seus muros. Ademais, a mostra complétase cun programa de artes escénicas e cinema que terá lugar cada fin de semana. 

Os 26 creadores e creadoras que participan na mostra naceron entre 1976 e 1988

Ademais destes catro artistas, a exposición inclúe obras de Enrique Lista, Pablo Fidalgo, Carlos Álvarez Gil, Carla Andrade, Arrieta/Vázquez, Pablo Barreiro, Olmo Blanco, Olmo Cuña, Manuel Eirís, David Ferrando Giraut, Amaya González Reyes, Rubén Grilo, Loreto Martínez Troncoso, Joan Morera, Gemma Pardo, Lois Patiño, Marta Peleteiro, Kiko Pérez, Federico Vladimir Strate Pezdirc, Ismael Teira e Diego Vites, todos e todas elas nacidas entre 1976 e 1988.

Cartaz de 'Veraneantes' © MARCO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.