A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebrou este domingo a súa Asemblea Xeral na que os seus membros elixiron unha nova Xunta Directiva. Tal como se anunciara, Toño Casais substitúe como presidente a Antonio Durán Morris, que continúa na directiva, da que tamén forman parte Casilda Alfaro (vicepresidenta), Guillermo Carbajo (secretario), Camila Bossa, Álex Carro, Victoria Pérez, Lucía Regueiro, Mónica García, Vicente De Souza, Josito Porto e Déborah Vukusic.
Produciuse, polo tanto unha gran renovación neste órgano, do que formarán parte persoas novas e outras de máis experiencia, unha combinación que servirá, segundo a asociación "para asumir os moitos retos que lle agardan a AAAG na defensa e promoción dos actores e actrices galegos".
A nova directiva ten varios desafíos, segundo Casais: “O primeiro deles será a renovación do convenio colectivo dos asociados. O segundo será facer deste ano o Ano Vidal Bolaño"
Hai uns días o novo presidente Toño Casais, anunciaba nunha entrevista en Praza a súa intención de levar a cabo “unha política continuísta”, o que significará manter a actitude reivindicativa que caracterizou o anterior mandato da AAAG: “Seguiremos coa Plataforma das Artes Escénicas e continuaremos esixindo a necesidade de marcar unha política cultural estable e seria”.
A directiva ten un mandato de dous anos. Nese período, a nova directiva ten varios desafíos, segundo Casais: “O primeiro deles será a renovación do convenio colectivo dos asociados. O segundo será facer deste ano o Ano Vidal Bolaño. Un ano no que a presenza do teatro terá que ser esencial, non se pode reducir unicamente a que o Centro Dramático faga algunha produción. Ten que ser un ano de teatro galego”.