A banda de música de Vilagarcía traduce unha obra do galego ao castelán "para que se entenda"

Banda de Música de Vilagarcia © http://bandavilagarcia.com

O pasado 30 de decembro a Banda de Música de Vilagarcía de Arousa ofreceu un concerto no auditorio municipal da vila arousá. O rechamante deste recital estivo en que a formación decidiu traducir ao castelán unha peza baseada nun poema orixinal en galego, Os Heroes do Orzán, "para que se entenda" e "para adaptala ao tipo de público que asistía a un concerto destas características".

A composición, dedicada aos policias que hai uns meses faleceron ao intentar rescatar do mar ao estudante eslovaco Tomas Velicky, é obra de Antón Alcalde. A obra, composta para unha agrupación sinfónica, acompáñase dunha narración -en galego- dos feitos. Cando esta obra foi estreada o 4 de novembro no Palacio da Opera da Coruña si se respectou a súa versión orixinal en galego.

O director da banda distingue entre os espectadores "afeitos ao galego", coma os nenos, e os que non o están

O director da banda, Suso Nogueira, explicou en declaracións a La Voz de Galicia que afondar neste asunto non constitúe "máis que un exercicio de buscar polémica". Engadiu que distingue entre os espectadores "afeitos ao galego", poñendo como exemplo a peza infantil Pedro e o Lobo, que si se interpretou en galego, e aqueles que non gozan de suficiente familiaridade co idioma, dando a entender que os nenos e nenas si están afeitos a escoitar obras en galego e que os adultos non.

Banda de Música de Vilagarcia © http://bandavilagarcia.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.