A banda sonora do barrio que agroma de 'esculturas' de cartón

Natalia Balseiro, Ana Fernández e Julio Gómez, na inauguración CC-BY-SA Música en Branco

A arquitectura da banda sonora do barrio. Así se podería definir a exposición coa que o proxecto Música en Branco culmina o seu proceso de investigación sonora e musical da Agra do Orzán da Coruña. Unha mostra inaugurada este mércores pretende así facer confluír todas as liñas de actuación desenvolvidas por esta iniciativa, que comezou o pasado mes de xaneiro e que se centra no patrimonio de sons desta densa zona da cidade.

Seis columnas de cartón das que agroman cancións e decoradas coa representación grafica dos sons compoñen a mostra

Seis columnas construídas con caixas de cartóns e das que agroman diferentes cancións reúnen cadanseu testemuño, paisaxes sonoras, palabras e músicas coas que se "dá sentido" a toda a documentación colleitada neste proxecto da Concellería de Cultura da Coruña, cofinanciado con fondos europeos e coordinado por SinSal Audio. Foron os coordinadores de Música en Branco, Julio Gómez e Natalia Balseiro, acompañados pola concelleira Ana Fernández, os que presentaron unha mostra que "afonda na personalidade dun barrio moi castigado e necesitado de desenvolvemento".

"Non é tan importante o resutlado estético como o que supón de traballo común do barrio, porque isto é feito por eles e para eles, para os veciños", destacou Julio Gómez, que reparou tamén no feito de que nos debuxos, ilustracións e palabras que decoran cada unha das caixas sonoras participasen todos os centros escolares do barrio, así como varios centros sociais, e veciños "dos 3 aos 80 anos". É o resultado de plasmar nestas esculturas as 1.200 palabras máis senlleiras recollidas nas múltiples experiencias, entrevistas e barriografías realizadas arredor de Música en Branco. Katanga, Pucho Boedo, Mariñeiros, Os Diplomáticos... Son algunha das verbas que se poden ver e que acompañan as máis de vinte cancións que saen de cada unha das caixas e que conformarían a banda sonora da Agra do Orzán, unha banda sonora na que se xunta música galega e de grupos galegos -a que máis- con sons internacionais.

A exposición vai poñendo punto final a este proxecto sobre a memoria musical dun dos barrios máis populares da Coruña

É, xa que logo, unha banda sonora acompañada dunha representación gráfica libre e realizada polos propios veciños e que estará exposta no Centro Ágora ata o vindeiro 24 de novembro. O patrimonio da Agra do Orzán que estará, xa para sempre, gardado na memoria pero tamén nestas caixas e nun proxecto, o de Música en Branco, que almacena o resultado desta inxente iniciativa a través da web.

Ao tempo que se celebraba esta inaugración, o Centro Ágora acolleu tamén a derradeira das barriografías, programas de radio itinerantes dirixidos por Xurxo Souto, que durnte os meses de maio e xuño levaron a súa fórmula radiofónica por diferentes lugares do barrio. Con este novo programa irase poñendo final punto e final ao proxecto Música en Branco, que rematará neste mes de novembro cun feixe de actividades máis. Este sábado haberá un obradoiro de bombas de sementes, colofón dos Paseos polo Barrio; desenvolverase o NoTours, consistente na elaboración de audioguías que xeolocalizan elementos sonoros do espazo físico barrios e que se poderá consultar no propio teléfono móbil; e sairán á luz tamén os tres proxectos elixidos e financiados nun concurso polo proxecto e que consistirán nun documental, unha feira artesá e unha iniciativa, Non te cortes coa ópera, de Mönica de Nut, que inclúe un corte de pelo mentres a soprano che canta ópera.

Música en Branco culmina así varios meses de traballo. Primeiro na recolleita de información sobre a contorna, os veciños e a súa relación coa música, entre o que se inclúe a consulta de fontes documentais e bibliográficas ou a realización de 60 entrevistas persoais. Logo co momento de envorcar toda esa información en oito liñas de actuación que incluíron estas barriografías de Xurxo Souto, un obradoiro de sendeirismo urbano ou as audioguías elaboradas polo colectivo Escoitar.org, que permitirán percorrer o barrio ao son da súa memoria musical. E agora coa exposición final e os proxectos que culminarán o proxecto neste mes de novembro.

Natalia Balseiro, Ana Fernández e Julio Gómez, na inauguración CC-BY-SA Música en Branco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.