"A BD galega segue en alza, e o que se albisca no horizonte é aínda máis prometedor"

Ilustración de Dani Xove, exposta na Casa da Xuventude do 15 ao 30 de outubro Dominio Público Xornadas de BD de Ourense

O pasado sábado Henrique Torreiro recibiu o Premio Ourense de BD, que outorgan o Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, o Campus de Ourense, a Librería Sindicato del Cómic e a Asociación Proxecto Benito Losada para distinguir as máis importantes iniciativas e traxectorias dentro do panorama da banda deseñada galega. Non foi un premio máis. O preio Torreiro representa en boa medida o recoñecemento ás persoas (encabezadas por el mesmo e polo lembrado Benito Losada) que puxeron en marcha e impulsaron as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense dende 1992, ás que agora, despois duns anos dunha certa parálise, se lles quere dar novo pulo.

Como se destacou durante o acto de entrega do galardón, durante anos Torreiro realizou un inmenso labor para consolidar o forte e solidario sentimento de comunidade entre todos os actores e participantes da historieta en Galicia, os vencellos pioneiros que artellou coa banda desenhada portuguesa e a súa reivindicación da importancia do fanzine nunha época en que a autoedición non tiña os medios nin a difusión actuais, convertendo a mostra e catálogo anual da Expofanzines nun referente a nivel internacional e o Fanzine das Xornadas nunha das publicacións mais lonxevas e relevantes en lingua galega. As longo destas case dúas décadas, converteuse nun dos grandes embaixadores da BD galega e nun gran mentor para as novas xeracións de comiqueiros

"O premio, desde a miña perspectiva, vai para todas as persoas que estiveron nalgún momento implicadas na organización das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense"

Que significa para ti este premio?

Como dixen no propio acto de entrega, non podo entender o premio como algo estritamente persoal, e creo que se me outorga en representación de todo o que ten sido a primeira época das Xornadas, agora que entran nunha nova etapa. Así pois, o premio, desde a miña perspectiva, vai para todas as persoas que estiveron nalgún momento implicadas na organización das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense: desde o propio Benito Losada e o Frente Comixario ata o resto de membros do Colectivo Phanzynex e Óscar Iglesias, sen esquecer tampouco o persoal da Casa da Xuventude. Pensar que até hai ben pouco eu estaba no bando dos que outorgaban este mesmo premio non me deixa velo tampouco doutra forma...

Que significan as Xornadas de BD para Ourense, sobre todo para a afección á banda deseñada na cidade?

É difícil contestar a iso obxectivamente, tendo estado dentro da organización das Xornadas. Non obstante, cando se crearon, en 1989, eu só era un modesto fanzineiro que non tiña nada que ver con elas (comecei a colaborar na súa segunda edición), polo que de entón si podo dar unha visión externa; daquelas, ao meu círculo de amigos pareceunos incrible que en Ourense puidese facerse un evento, por pequeno que fose, relacionado coa banda deseñada, de tan minoritaria que criamos que era a nosa afección. Como tantas cousas, a presenza das Xornadas acabou sendo asumida cos anos pola cidade como algo natural, como parte do seu calendario cultural, e cónstame que o número de visitas ás exposicións sempre foi elevado, pero hai que dicir tamén que para outras actividades (mesas redondas, presentacións) sempre tivemos un público moi escaso, e ese é un dos asuntos que está a cambiar nesta época: coa normalización do cómic (especialmente a través da aceptación do concepto da novela gráfica, mais non só), vai creándose un núcleo de público que nutre este tipo de actos. Quero pensar que nese lento proceso de normalización algo tiveron que ver as dinámicas xeradas desde as Xornadas, que agora se poden ver beneficiadas pola aparición destes públicos interesados non só nas obras senón tamén nos autores e os editores.

"Como anécdota, o mesmo feito de que se diga banda deseñada en galego débese a Benito, que recoñecía que recollera a idea dunha aparición do termo en A Nosa Terra uns anos atrás"

Cando lle debe a BD a Benito Losada?

A verdade é que moito. Como anécdota, o mesmo feito de que se diga banda deseñada en galego débese a Benito, que recoñecía que recollera a idea dunha aparición do termo en A Nosa Terra uns anos atrás. El comezou a empregalo nos concursos da Casa da Xuventude de Ourense dos anos oitenta, e de aí pasou tamén ás Xornadas; xa hai tempo que figura nos dicionarios galegos como termo asentado, xunto a cómic. Ese sería un detalle mínimo da importancia de Benito. El sempre tivo moito interese en dar apoio a artes que non tiñan aínda suficiente presenza ou recoñecemento social. Sempre dicía que facer unha exposición de fotografía, algo absolutamente normal na actualidade, era algo pouco menos que inconcibible cando el chegou a Ourense, e aí está o Outono Fotográfico. Algo así pasaba cos cómics.

El era afeccionado aos cómics, pero tampouco era un especialista; porén, grazas ao seu impulso foron adiante moitas iniciativas moi dirixidas a crear caldos de cultivo. Puña todas as facilidades para os encontros que se desenvolvían na Casa da Xuventude e congregaban a boa parte do que hoxe consideramos os grandes nomes da banda deseñada galega. Como sempre digo, non é que Benito organizase todo, senón que, como bo xestor, deixaba que organizasen os directos implicados e el dedicábase a facilitarlles as cousas. E ademais era desas persoas que axitaba culturalmente o seu redor propoñendo ideas, a ver se callaban: por exemplo, el foi o que nos dixo o primeiro ano "E por que non organizades unha exposición de fanzines?", algo que, chamándonos Phanzynex, nin se nos pasara pola cabeza... Non sei como sería a banda deseñada galega hoxe sen Benito, pero a que existe agora ten moito que agradecerlle polo impulso que el proporcionou no momento en que era máis necesario.

As Xornadas perderon algo de forza nos últimos anos. Que se pode facer para devolverlles a forza e a proxección que deben ter?

Déronse moitas circunstancias ao mesmo tempo: as Xornadas xa acusaban a necesidade de cambios, novas perspectivas e mesmo novas estruturas organizativas hai uns anos, mudanzas que o equipo coordinador xa non eramos capaces de levar adiante (dalgunha forma, tocárase o teito en moitos sentidos). Despois da desaparición de Benito, sucederon unha chea de cambios moi rápidos e moi importantes: as Xornadas pasaron de ser organizadas e sustentadas pola Casa da Xuventude (que cambiou de forma de funcionamento, e mesmo de nome) a ser desenvolvidas por unha asociación (Proxecto Benito Losada), primeiro coa coordinación de Óscar Iglesias, e agora coa de Anxo López (o fillo de Benito) e o equipo da libraría Sindicato del Cómic. Entendo que a rapidez dun cambio tan forte non permitiu aínda unha volta á normalidade, ou se se quere a unha nova normalidade, pero o desenvolvemento de actividades innovadoras e ao tempo moi afíns ao espírito orixinal das Xornadas fai que o panorama que se abre sexa esperanzador.

Falo de actividades como o Au/Ou (dedicado á autoedición, algo que nos leva dalgunha forma ás Expofanzines, cuxa última convocatoria data de hai dez anos) ou o Combate de Debuxantes, que procura o compoñente lúdico e de mestura de disciplinas que sempre caracterizou os programas das Xornadas ourensás. Agora está nas súas mans conseguir asentar todo isto e levalo máis alá. E non hai que esquecer que a convocatoria do Premio Benito Losada de Banda Deseñada está tamén a facer un labor moi importante ao descubrirnos a xente tan sorprendente como Cristian Fojón, Xulia Vicente ou Alicia Jaraba.

"O desenvolvemento de actividades innovadoras e ao tempo moi afíns ao espírito orixinal das Xornadas fai que o panorama que se abre sexa esperanzador"

Como valoras a actual saúde da banda deseñada galega, tanto a nivel de creación como de publicación?

Agora mesmo a banda deseñada galega está mellor ca nunca, e non parece que a cousa vaia quedar así, nin moito menos. Temos moitísimos autores a triunfar polo mundo adiante (caso de Emma Ríos, José Domingo ou David Rubín, ademais de clásicos como Prado ou Daspastoras), mais a cuestión é que non se dedican simplemente a traballar para o estranxeiro, senón que seguen implicados cos mercados editoriais locais; é o caso doutros autores como Jacobo Fernández, o dúo Iván Suárez/Inacio (na serie Castelao) ou o formado por Manolo Poy e Miguel Fernández (O fillo da furia, O ano do cometa), a crear novas propostas sen descanso. E por riba, as novas xeracións veñen pisando moi forte: aos citados gañadores dos premios Benito Losada podemos unir experimentadores como Los Bravú ou Dani Xove. Por se fose pouco, estou seguro de que multitude de nomes máis ou menos clásicos aínda darán máis dunha sorpresa importante. Non esaxero se digo que deixo unha gran cantidade de xente no tinteiro nesta limitadísima lista de nomes.

No campo da publicación, temos editoras consagradas á BD, como Demo Editorial ou El Patito, e moitas outras están a se introducir pouco e pouco, mais firmemente, na edición de novela gráfica, a pesar dos momentos difíciles do mercado da edición (pola crise económica e polas crises estruturais globais do sector). Digo sempre (e espero non equivocarme) que afortunadamente hai moitos pasos dados que será difícil volvelos atrás. Hoxe por hoxe, a BD galega segue en alza, e o que se albisca no horizonte é aínda máis prometedor, se couber. E, ollo, nin o máis optimista esperaría isto, non digo xa en 1989, senón mesmo na década de 2000.

"Hoxe por hoxe, a BD galega segue en alza, e o que se albisca no horizonte é aínda máis prometedor, se couber"

En Galicia hai afección, grandes e recoñecidos autores, algúns eventos de peso (Viñetas, Xornadas...), por que parece custar tanto que se consolide unha publicación periódica (tras os peches de Retranca, Oink e outros...)?

Como dicía, o mundo editorial está cada vez máis complicado (pola saturación de material e a interminable concentración levada a cabo polos grandes grupos empresariais, por resumilo dalgunha forma), aínda que por sorte a BD e outras publicacións gráficas conseguen, como poden, ir facéndose oco. No caso en concreto das publicacións periódicas esa complicación faise xa extrema, e máis se falamos dos medios limitados con que podemos contar no ámbito galego. Ademais, hai un cambio de tendencia claro entre o público, e son momentos en que apenas quedan cabeceiras dedicadas ao cómic ou ao humor gráfico, non só en todo o ámbito estatal, senón tamén noutros países. Contar cun público fiel, que se lembre de comprar o seu exemplar cada novo número, ou que se subscriba, é cada vez máis difícil, e se falamos dun mercado tan reducido como o galego, aínda máis.

Talvez a solución agora mesmo estea nas publicacións estritamente dixitais (de momento nunha fase que podemos cualificar de totalmente experimental), como o caso da revista Orgullo y Satisfacción, montada polos autores que saíron de El Jueves, e por iso cómpre observar con moito interese a experiencia que acaba de poñer en marcha Jano coa revista O Botafumeiro, ateigada de bos autores como el mesmo, Manel Cráneo, Guitián e Leandro, Berto Fojo, Martín Romero ou Ana Santiso, e recuperando gozosamente (aínda que só sexa con ilustracións e non con BD) a Fernando Ruibal.

O Au/Ou na libraría Sindicato del Cómic Dominio Público Sindicato del Cómic
Un momento do combate de debuxantes © Sindicato del Cómic
Ilustración de Dani Xove, exposta na Casa da Xuventude do 15 ao 30 de outubro Dominio Público Xornadas de BD de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.