A campaña 'Salvemos a música e a noite' denuncia o 21% de IVE

Concerto de DasKapital na sala Mondo de Vigo Dominio Público DasKapital

As asociacións que agrupan as discotecas, salas de concertos e locais de lecer veñen de iniciar a campaña Salvemos a música e a noite para denunciar o efecto que sobre o sector está tendo a suba do IVE ao 21%, "a ruína e o colapso do sector do lecer, a música e os espectáculos", co peche de 4.500 locais en toda España dende o inicio da crise, cun impacto do 0,6% do PIB.

Denuncian que "a tempada do verán está a ser catastrófica", e xunto aos problemas económicos do Festival Internacional de Benicàsim FIB xa se produciron as primeiras suspensións doutros

ACCES (Asociación Estatal de salas de música en directo), Confederació D'oci Nocturn de Catalunya, CONCAT, Associació de Sales de Concert de Catalunya, ASACC, a Asociación de salas de concertos de Madrid, La Noche en Vivo, e PRONOCHE (salas de Galicia, Castela, Aragón, Extremadura, e Baleares) denuncian que "a tempada do verán está a ser catastrófica", e xunto aos problemas económicos do Festival Internacional de Benicàsim FIB xa se produciron as primeiras suspensións doutros, coma La Sierra Electrónica ou o Primavera Club. Alertan ademais dos "efectos inmediatos sobre o emprego xuvenil", pois a idade media dos traballadores do sector é de 27,4 anos, e o 44,9% dos 150.000 empregados teñen menos de 25 anos. E anticipan que neste 2013 se perderán outros 30 mil postos de traballo para mozos e mozas.

Por outra banda, segundo as asociacións de músicos e salas a programación de concertos de grupos emerxentes (os máis novos) reduciu as súas actuacións e por tanto os seus ingresos nun 30% de media. E segundo datos de MUSICAT (cooperativa de músicos de todo o Estado) desde setembro as contratacións de músicos profesionais caeron un 20% de media e os cachés dos grupos baixaron até situarse, en moitos casos, no nivel de hai dez anos.

Desde setembro as contratacións de músicos profesionais caeron un 20% de media e os cachés dos grupos baixaron até situarse, en moitos casos, no nivel de hai dez anos

A campaña arrincará o vindeiro sábado 27 de xullo coa celebración dun minuto de silencio ás dúas da mañá en todos os locais que participan na campaña e durante o cal se emitirá unha mensaxe reivindicativa por parte dos DJs dirixido a mobilizar a participación do público nos actos de protesta a través das redes sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.