“Nun centro psiquiátrico nada é o que parece”. A frase, que ben se lle podería aplicar ao enteiro mundo, comezando pola casa de cadaquén, pronúnciaa o actor Guillermo Carbajo ao enfundarse o traxe e a pel do paciente mental Miguel Caamaño, o protagonista da nova produción de Redrum Teatro: A canción do elefante. A montaxe -que tras o seu paso o vindeiro 6 de setembro polo Fetega de Carballiño estreará a súa xira no Teatro Principal de Santiago entre os días 13 a 16- preséntase coma un thriller que toma como punto de partida a desaparición do terapeuta dun Miguel que está a silenciar as claves do enigma. Cando menos, iso é o que considera o director do centro, interpretado por Ernesto Chao, quen se empeñará en arrincarlle a verdade ao inquietante paciente, admirador da agreste beleza dos elefantes e devoto dos xogos mentais. Este é o resumo apurado. E tamén a mecha para o misterio, pero despois arde todo o demais, xa que A Canción do Elefante soborda os límites do xénero.
“Na montaxe preséntanse, por así dicilo, dous misterios. Por unha banda, temos a desaparición do psiquiatra e, pola outra, o misterio do propio Miguel, que é o claro protagonista que, debido a unhas causas que non escolleu, padeceu experiencias traumáticas que foron básicas no transcorrer da súa vida até acabar recluído nese centro psiquiátrico. Para min, é un espectáculo que trata sobre os xeitos cos que os traumas infantís condicionan o individuo ”, explica Álex Sampayo, director d'A canción do elefante, para resumir unha montaxe na que, máis aló das marxes do suspense, desbordan un feixe de asuntos: dende as carencias afectivas á procura do lugar no mundo, pasando pola vulnerabilidade e o abandono.
Así, no personaxe de Miguel concéntranse as claves da deterioración emocional, demostrando coa súa historia que os traumas da infancia acaban por roubarnos parte da madurez. Mais esas circunstancias non resultan extraordinarias, senón que posúen a vulgaridade de aquilo que lle acontece a todo o mundo. Ao cabo, é na infancia cando nacen os monstros pola noite, eses que co transcorrer dos anos acaban por se transformar nas inseguridades, medos e fobias que nos acompañan na vida. Chegar ao trastorno e ao psiquiátrico, como lle acontece a Miguel, remata por ter algo de azaroso. Ou mesmo de matemático. No fondo, é tan só unha cuestión de escalas.
Máis aló das marxes do suspense, na montaxe desbordan un feixe de asuntos: dende as carencias afectivas á procura do lugar no mundo, pasando pola vulnerabilidade e o abandono
E o personaxe de Miguel xoga, dende a pura ambigüidade, coas escalas e as marxes da loucura durante a investigación que emprende o director do psiquiátrico para dilucidar a desaparición do terapeuta. “Para construír o personaxe, parto da posibilidade de que Miguel non está tolo. Ou, polo menos, non está máis tolo que alguén que nos cruzamos pola rúa. Pero si que é unha persoa atormentada polo pasado, que non lle gusta o seu presente e non ve un futuro. Ademais, resúltalle imposible perdoarse a si propio”, apunta Carbajo sobre un protagonista atormentado por unha infancia complexa, tan asolagados polo abandonos que mesmo chega a considerar o nacemento como unicamente a primeira de todas as expulsións. “Si que estiven moi unido á miña nai durante nove meses. Despois, deu a luz”, chega a manifestar durante a obra.
É nese tipo de sentenzas de Miguel que inzan o texto onde se descobre a lucidez dos tolos, capaces de piscoanalizar os traumas da vida con maior precisión e exactitude que o máis versado dos psiquiatras, Ou, polo menos, máis que un doutor Villaverde, director do centro psiquiátrico, que fai tempo que abandonou a súa condición de médico para ser un burócrata de despachos e contabilidade. “O personaxe de Ernesto Chao é un político máis que un médico e a súa preocupación, por riba do paciente, é saber que aconteceu co doutor desaparecido. Teme a posibilidade dun escándalo que lle afecte á institución. Iso parece ser o máis importante para el, non a saúde dos pacientes”, apunta Carbajo sobre o personaxe do doutor Villaverde que, tan preocupado como está pola xestión do centro, apenas coñece as súas instalacións e moito menos aos internos. “O propio paciente coñece máis o psiquiátrico que o seu director. E esa información, ese mellor coñecemento sobre o centro, vaino empregar Miguel durante as súas conversas”, explica o actor.
Relación médico-paciente
"Ao longo das conversas vanse abrindo e pechando portas da historia, nese sentido lembra as matrioskas"
Ao longo das conversas entre o doutor Villaverde e Miguel, chega outra clave d'A canción do elefante. Malia que o director moi doutor xa non é e Miguel nunca foi o seu paciente, na obra reflíctense as relacións de poder entre médico-paciente ao longo dun encontro a medio camiño entre a consulta e o interrogatorio. “Miguel, tras sete anos de ingreso, ten moi asumida esa relación de poder, pero permítese xogar con ela, darlle a volta por momentos e establecer un xogo de manipulación. Miguel, que é moi intelixente e manipulador, emprega a información que ten sobre o psiquiátrico e tamén do que sabe da señora Pedreira, a enfermeira que encarna Patricia Vázquez, para desestabilizar o director do centro ”, recoñece Alex Sampayo. Dese xeito, a obra desenvólvese a través dun xogo, dunha manipulación da relación médico-paciente, para ir desvelando á trama.
Nese xogo tamén se ve implicada o personaxe de Patricia Vázquez, a terceira pata interpretativa da montaxe e o personaxe máis amable da terna. “Establécese unha relación moi interesante entre a señora Pedreira e Miguel, un trato afable e case maternal, que por momento cobre as carencias do paciente”, explica Sampayo antes de retormar os xogos mentais como un recurso fundamental para desenvolver as esencias da intriga. “Esté é un texto que nos parece moi atractivo, moi ben construído, xa que ao longo das conversas se van abrindo e pechando portas da historia, nese sentido lembra as matrioskas”, conclúe Sampayo.
O texto
A canción do elefante será a primeira adaptación dun texto alleo que desenvolva Redrum Teatro tras oito anos nos que sempre optaran por textos da propia compañía
A canción do elefante será a primeira adaptación dun texto alleo que desenvolva Redrum Teatro. Nos oito anos de traxectoria desta compañía (que inaugurou a súa andaina con A pensión), Alex Sampayo e Guillermo Carbajo sempre optaron por desenvolver textos agromados dende a propia compañía, grazas á colaboración do propio Sampayo con Borja F. Camaño (como é o caso de montaxes infantís A nena que quería navegar ou comedias para adultos como Noiteboa) ou ideas orixinais que desenvolvían coa participación doutros autores (como é o caso de Curriculum vitae). “Era o momento de facer textos que non fosen nosos, enfrontándonos así a obras doutros autores. Nese sentido, temos presentes dende hai tempo diferentes textos que nos gustaría levar a escena, pero de súpeto apareceu A canción do elefante, que se axustaba á compañía”, sinala Sampayo sobre a obra do autor canadense Nicolas Billon.
En certo xeito, a obra cruzou no seu camiño case por casualidade. “Cando estaba a presentar a miña película Schimbare (2014) por diferentes festivais, coincidín nun par deles coa fita Elephant Song (Charles Binamé, 2014). Ao vela, decátaste de que se basea nunha peza teatral, polo número de personaxes, polas poucas localizacións.... Buscamos o texto, gustounos e decidimos que era o que queriamos facer agora”, lembra o director teatral.
Así, o texto de Nicolas Billon chegará ao noso teatro da man de Redrum, que se converterá ademais na primeira compañía que adapte A canción do elefante no estado español. “É unha obra que se ten representado con gran éxito en Canada, nos Estados Unidos ou Xapón, pero aquí nunca se abordou, o cal sempre é moi interesante para unha compañía”, conclúe Carbajo.