A Casa da Matanza, en Padrón, na que Rosalía de Castro viviu os seus derradeiros anos, abriu ao público o 15 de xullo de 1971, despois de ter sido adquirida en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera e de ser restaurada baixo a dirección de Fernández-Albalat. Así pois, a vindeira semana celébrase o 50 aniversario da creación da Casa de Rosalía, que non se convertería en Casa-Museo ata o ano seguinte, 1972.
A Fundación Rosalía prepara un ano de actividades e celebracións variadas que botaron a andar este xoves coa estrea da visita virtual á Casa-Museo
A Fundación Rosalía prepara un ano de actividades e celebracións variadas que botaron a andar este xoves coa estrea da visita virtual á Casa-Museo, a primeira Casa-Museo de Galicia que se dota dun percorrido inmersivo plurilingüe. A visita virtual, que xa está operativa na páxina web da Casa de Rosalía, pode realizarse en catro linguas: galego, español, francés e inglés. A través dela calquera persoa pode visitar a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D, con información ampliada en case 40 puntos.
"Pola cantidade de información que se pode atopar no percorrido, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo en Galicia ata a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva", destaca a Fundación
A Fundación Rosalía de Castro destaca que "pola cantidade de información que se pode atopar no percorrido, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo en Galicia ata a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva". Para facelo empregáronse equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infravermellos, cos que se fixo a captura das imaxes. Tamén se empregaron ferramentas de software específicas, tanto para a construción do percorrido a partir das imaxes coma para facilitar a súa utilización.
Alén da visita virtual, nas vindeiras semanas e meses sucederanse múltiples actividades relacionadas co aniversario. O propio 15 de xullo celebrarase un acto institucional na Casa da Matanza, que incluirá un recital poético, a actuación musical de Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro e a entrega da Rosa de Galicia. E o sábado 17 de xullo celebrarase a terceira edición do festival Abride a Fiestra, con actuacións de Uxía, Verto ou Berlai, entre moitas outras actividades.
O sábado 17 de xullo celebrarase a terceira edición do festival Abride a Fiestra, con actuacións de Uxía, Verto ou Berlai, entre moitas outras actividades
Tamén se celebrarán nos vindeiros días as xornadas Rosalía en Camiño (Diálogos literarios multilingües, do 15 ao 17 de xullo) e a Inchadiña Branca Vela -homenaxe a Rosalía das xentes do mar- o 24 de xullo. Con motivo deste cincuentenario tamén haberá unha exposición itinerante sobre a historia desta institución e reformarase o auditorio da Casa-Museo.
Unha Casa-Museo que foi realidade grazas á implicación de centos de persoas
En 1947 creouse o Patronato Rosalía de Castro co obxectivo de rehabilitar a casa, de xeito que puidese servir como espazo de homenaxe á poeta. O Patronato acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista.
A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración
A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas.