Entre os gañadores e gañadoras dos certames artísticos da Deputación da Coruña, que recibirán o seu premio este xoves están Margarita Ledo, Antía Yáñez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Ana Gesto, Illa Bufarda, Manuel Barreiro Rozados e Elías Taño ou Belem Tajes
Dende o 2023, a Deputación da Coruña organiza cada ano a Gala da Cultura, unha festa na que se entregan os premios dos distintos certames artísticos (ao redor de vinte) impulsados polo ente provincial e que, ademais, serve para celebrar a potencia cultural e as distintas iniciativas postas en marcha dos diferentes concellos, en definitiva, unha "celebración da cultura galega e en galego".
A quinta edición da Gala terá lugar este xoves, 16 de abril ás 19 horas no Teatro Colón da Coruña, un evento de entrada libre que nesta ocasión mira a Santo André de Teixido e aos sanandresiños, os amuletos típicos desta localidade cedeiresa, porque "a sorte non vén soa e que hai que buscala".
A gala, dirixida por Thais Suárez e presentada por Susana Pedreira e Xoán Fórneas, comezará cunha actuación en directo de Belém Tajes, gañadora do Premio Narf 2025, e irá dando paso á entrega dos distintos galardóns, sempre coa sorte (e a necesidade de buscala) e os sanandresiños como fío condutor e clave estética da escenografía. O evento permitirá ao público achegarse ás preocupacións dos creadores actuais, incluíndo novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño, que se incorporan este ano.
"Na Deputación da Coruña cremos que a cultura é un dereito e por isto tratamos de facer accesible a cultura no territorio, unha cultura que fale de comunidade, unha cultura inclusiva e transversal a todo", destaca Natividade González
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca o protagonismo de Santo André de Teixido na celebración: "dende o ano pasado buscamos implicar a algún concello e darlle protagonismo na gala: o ano pasado foi Camariñas e este é Cedeira". E subliña a oportunidade de ofrecer un marco conxunto para a entrega dos galardóns da vintena de certames que organiza a Deputación: "o que pretendemos é homenaxear estes e estas artistas gañadoras dos distintos certames, algúns moi novos e emerxentes e outros consolidados, e poñelos en valor".
Así, na nómina de gañadores e gañadoras deste ano, que recibirán o seu premio este xoves, figuran nomes como os de Margarita Ledo, Antía Yáñez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Ana Gesto, Illa Bufarda, Manuel Barreiro Rozados e Elías Taño ou a devandita Belem Tajes.
A quinta edición da Gala terá lugar este xoves, 16 de abril ás 19 horas no Teatro Colón da Coruña, con entrada libre
"Na Deputación da Coruña cremos que a cultura é un dereito e por isto tratamos de facer accesible a cultura no territorio, unha cultura que fale de comunidade, unha cultura inclusiva e transversal a todo. Temos esa frase de a cultura como dereito gravada a ferro e guía todo o noso traballo", destaca Natividade González, que salienta que "hai un traballo importante ao longo do ano, tanto de programación, que é o máis visible, e tamén na base, de apoio a concellos, entidades e artistas". Unha estratexia provincial que sitúa a cultura como dereito e como eixo estruturante das políticas públicas.
A deputada sinala, a este respecto, que "na cultura está a haber un cambio de paradigma moi importante". "Cultura non é só programar, cultura é todo o que facemos, facer comunidade, é unha definición moito máis grande", engade.
A programación cultural impulsada pola Deputación inclúe 672 espectáculos de teatro, 732 de música, 79 de maxia e 91 de danza, fundamental "para que os concellos pequenos e medianos poidan acceder a unha programación cultural estable"
Pódenselle poñer cifras a este apoio. A Deputación da Coruña destina dous millóns de euros a impulsar unha programación cultural que se distribúe polos 93 concellos da provincia. En total, a programación para este ano e o inicio do próximo, inclúe un total de 672 espectáculos de teatro, 732 de música, 79 de maxia e 91 de danza.
O apoio da Deputación é fundamental, sobre todo, "para que os concellos pequenos e medianos poidan acceder a unha programación cultural estable", destaca Natividade González. E é igualmente importante, evidentemente, para os creadores e creadoras e para todas as empresas do sector.
A cultura, no centro das políticas, e construída dende o local
Natividade González destaca o reto de chegar á mocidade: "O problema ás veces é que se programan cousas para a mocidade sen contar coa mocidade, sen preguntarlles o que lles pode gustar ou o que eles queren. A través das administracións debemos acompañalos e darlles as ferramentas"
Nos últimos meses a Deputación da Coruña presentou o Manual para políticas culturais locais, unha ferramenta práctica para reforzar as accións municipais, pensado "para axudar no labor dos técnicos de cultura, das empresas culturais e tamén para os propios concelleiros de cultura do país", salienta Natividade González. O volume é "máis ca un manual técnico", pois é "resultado dunha investigación profunda, dun coñecemento do territorio e dunha vontade clara de ofrecer ferramentas útiles para quen ten a responsabilidade de facer política cultural desde o local".
Para a deputada, as políticas culturais constrúense desde o local, pois "é nos concellos onde a cultura toma forma concreta, onde se escoita á veciñanza, onde se detectan necesidades e onde se tecen redes".
Para a deputada, as políticas culturais constrúense desde o local, pois "é nos concellos onde a cultura toma forma concreta, onde se escoita á veciñanza, onde se detectan necesidades e onde se tecen redes"
Neste senso, un dos grandes retos das políticas culturais é a mocidade. Recentemente, a Deputación da Coruña levou a cabo unhas xornadas en Muros para tratar a conexión coa xente nova e a súa participación activa na vida cultural. "A mocidade é un reto. Atopas unha paréntese, entre a infancia e as xeracións máis maduras, un sector da poboación, os mozos e mozas, que non están", comenta Natividade González.
"O problema ás veces é que se programan cousas para a mocidade sen contar coa mocidade, sen preguntarlles o que lles pode gustar ou o que eles queren. A través das administracións debemos acompañalos e darlles as ferramentas", destaca.
Residencias artísticas Mariñán
Un dos proxectos máis interesantes desenvolvidos pola Deputación da Coruña nese senso de apoiar a base cultural e os creadores e creadoras son as Residencias artísticas Mariñán, que este ano seleccionaron 15 proxectos
Un dos proxectos máis interesantes desenvolvidos pola Deputación da Coruña nese senso de apoiar a base cultural e os creadores e creadoras son as Residencias artísticas Mariñán, que este ano seleccionaron 15 proxectos, fronte aos 8 do ano 2025. As residencias do Pazo de Mariñán desenvólvense, precisamente, neste mes de abril, entre os días 13 e 24, un tempo no que as e os artistas recibirán formación e contarán cun espazo privilexiado para avanzar nos seus procesos de creación e investigación.
"Estamos apostando moito polas residencias, porque os creadores e creadoras necesitan espazos coma este para crear e para investigar e non facelo con precariedade. As residencias Mariñánn serve como acompañamento e tamén como formación con persoas especialistas", destaca Natividade González.
Listaxe de premios
- Premio Castelao de Banda Deseñada (modalidade xeral)
Persoa premiada: Manuel Barreiro Rozados e Elías Taño
Guionista e artista gráfico con traxectorias na banda deseñada e autoedición. Participan
en proxectos culturais e de creación visual. Desenvolven obras cun forte enfoque
narrativo e gráfico.
- Premio Castelao de Banda Deseñada (modalidade infantil e xuvenil)
Persoa premiada: Giovanna Lopalco
Ilustradora especializada en animación e concept art. Traballa en proxectos audiovisuais
e ilustración. Destaca polo seu estilo visual dinámico.
- Premio Manuel Murguía de Ensaio
Persoa premiada: Xosé Manoel Núñez Seixas
Catedrático e investigador en historia contemporánea. Especialista en nacionalismos e
memoria histórica. Conta cunha ampla traxectoria académica.
- Premio Raíña Lupa (modalidade infantil)
Persoa premiada: Antía Yáñez
Autora de literatura infantil, xuvenil e adulta. Compatibiliza a escrita coa actividade
xornalística. Recoñecida con diversos premios literarios.
- Premio Torrente Ballester (galego)
Persoa premiada: Estro Montaña (José Montaña Louzao)
Escritor e catedrático con ampla traxectoria literaria. Publicou novelas, ensaios e relatos
en distintos ámbitos. Desenvolve unha obra de carácter histórico e social.
- Premio Torrente Ballester (castelán)
Persoa premiada: Pablo Escudero Abenza
Licenciado en Física e profesor de Matemáticas, autor de novelas, relatos e teatro con
numerosos premios, combina actividade científica e literaria.
- Certame Isaac Díaz Pardo
Persoa premiada: Ana Gesto
Artista visual formada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, traballa con linguaxes
como escultura, vídeo e performance e explora identidade e expresión contemporánea.
- Premio Jesús Núñez
Persoa premiada: Regina Giménez
Artista centrada na abstracción xeométrica e a ilustración, relaciona arte, ciencia e
percepción e conta con exposicións e presenza en coleccións internacionais.
- Premio José Gil (ficción)
Persoa premiada: Ángela Andrada
Guionista e creadora audiovisual con formación en comunicación, traballa en cine,
televisión e formatos dixitais e desenvolve proxectos de ficción cun enfoque autoral.
- Premio José Gil (documental)
Persoa premiada: Borja Casal Fraga
Xornalista e creador audiovisual vinculado á produción, traballa en guión e dirección e
participa en proxectos documentais e televisivos.
- Premio José Gil (traxectoria)
Persoa premiada: Margarita Ledo Andión
Cineasta, escritora e investigadora de referencia, figura clave do cinema galego e
impulsora de proxectos culturais e académicos.
- Premio Luis Ksado
Persoa premiada: Juan Manuel de la Quintana Sánchez Mateos
Fotógrafo especializado en traballo documental contemporáneo, desenvolve proxectos
arredor da identidade e a memoria e expón en contextos nacionais e internacionais.
- Premio Luis Seoane
Persoa premiada: Rosario Froján Resúa e Alfredo Olmedo Portela
Responsables da firma D-Due con proxección internacional, combinan moda, artesanía e
identidade territorial e desenvolven proxectos creativos ligados á cultura
contemporánea.
- Premio Begoña Caamaño (iniciativa)
Persoa premiada: Mala Herba Producións (Claudia Bernárdez Martínez)
Mala Herba Producións desenvolve proxectos audiovisuais con enfoque social e traballa
na visibilización feminista e LGTBI.
- Premio Begoña Caamaño (traxectoria)
Persoa premiada: Illa Bufarda (Pilar Fernández Abades)
Illa Bufarda é unha produtora audiovisual galega organizada como cooperativa. Memoria
e feminismo don dous dos seus sinais de identidade.
- Premio Narf
Persoa premiada: Belém Tajes
Cantante e compositora galega con traxectoria consolidada, fusiona música tradicional
con estilos contemporáneos e desenvolve unha proposta artística persoal.
- Premio Andrés Gaos
Persoa premiada: Aitor Vázquez Torres
Compositor e director de orquestra, premiado en diferentes modalidades e activo no
ámbito da música contemporánea.
- Quero Cantar (infantil)
Persoa premiada: Gael Ares
Novo músico vinculado á tradición galega, participa en procesos de formación musical e
desenvolve proxectos creativos desde idades temperás.
- Quero Cantar (xuvenil)
Persoa premiada: Emma Pérez e Candela Caamaño
Alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, desenvolven composición propia e
participan en proxectos xuvenís de creación artística.