Política cultural nos concellos: manual de instrucións

Natividade González, presentando o manual en compaña de Xavier Campos, Adela Vázquez e Fran Quiroga © Deputación da Coruña

A área de Cultura da Deputación da Coruña presenta o 'Manual para políticas culturais' dirixido a persoal técnico, responsables políticos e axentes do sector no marco da iniciativai 'A cultura é un dereito'

"Trasladar aos concellos ferramentas concretas para planificar, avaliar e impulsar proxectos culturais centrados no ben común e na garantía efectiva dos dereitos culturais". É o propósito do Manual para políticas culturais locais que vén de presentar a área de Cultura da Deputación da Coruña.

Estruturado en "seis fases e vinte e cinco accións para fortalecer a cultura", o traballo coordinado por Fran Quiroga e Adela Vázquez é o segundo libro que ve a luz baixo o paraugas da iniciativa A cultura é un dereito e está dirixido tanto a persoal técnico dos concellos como ao responsables políticos das concellarías de cultura e tamén a axentes do sector. "Nace do rigor da investigación e do compromiso coa transformación social a través da cultura", indica a deputada da área, Natividade González.

Xavier Campos, Adela Vázquez, Fran Quiroga e Natividade González, na presentación do manual, este 4 de marzo de 2026 © Deputación da Coruña

Xavier Campos, asesor da área de Cultura da Deputación coruñesa, abre o volume co artigo Se eu fose concelleiro de Cultura dende unha concepción segundo a cal "a cultura ten que hibridarse, relacionarse cos movementos e causas que procuran mellorar a sociedade". Pero tamén, abonda, "baixar esa idea á realidade local dos concellos".

"É nos concellos onde a cultura toma forma concreta, onde se escoita á veciñanza, onde se detectan necesidades e se tecen redes"

Neste sentido, detalla Fran Quiroga, o manual non é "unicamente teórico". Pretende ser "didáctico e pedagóxico" para que "poidan usalo os concelleiros e concelleiras" e o persoal dos seus departamentos tanto nos municipios máis pequenos como nas principais cidades. Así, agrega Adela Vázquez, botan man de "cinco casos inspiradores" que "escollemos porque demostraron a súa validez".

Sostén a deputada Natividade González que, a xuízo do seu departamento, "é nos concellos onde a cultura toma forma concreta, onde se escoita á veciñanza, onde se detectan necesidades e se tecen redes". E por ese motivo "é tan importante contar con ferramentas claras, coma este manual, para planificar, diagnosticar, avaliar e mellorar de maneira continua".

O libro está xa publicado baixo licenza Creative Commons e dispoñible para a súa libre descarga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.