- EN VINTE | Vinte en Carballo con Chicharrón
Unha "paréntese" de escritores e escritores con música; Sumrrá con Niño de Elche, a tradición oral recollida por Dorothé Schubart revisitada ou o décimo aniversario de Chicharrón, protagonistas no novo ciclo da área de Cultura da Deputación coruñesa
Música e letras nun escenario monumental. Espectáculos que non se repetirán, "á marxe dos circuítos comerciais" e "coa calidade por bandeira, cun grande interese cultural por riba de calquera outro criterio". É o espírito co que se presenta Músicas Posíbeis, un novo ciclo lanzado dende a área de Cultura da Deputación da Coruña que bota a andar este outono no Teatro Colón.
Músicas Posíbeis nace con catro propostas "tan interesantes como distintas", explica o músico Xacobe Martínez Antelo, un dos participantes. "Son propostas, podemos dicir, delicatessen", agregou na presentación do ciclo xunto ao tamén músico Pablo Novoa, a responsable de Acción Cultural do Museo do Pobo, Ana Estévez, o xornalista Marcos Gendre e a deputada de Cultura da institución coruñesa, Natividade González.
Esta primeira edición estrearase o 2 de novembro co espectáculo Paréntese. Producido especificamente para o teatro coruñés baixo coa dirección artística e creativa de Novoa e mais do escritor Diego Giráldez, subirá ao escenario seis escritoras (Berta Dávila, Silvia Penas, Samuel Merino, Lucía Aldao, Carlos Meixide, Samuel Solleiro) e unha música, Wöyza. Coa condución da xornalista Susana Pedreira cantarán, interpretarán, recitarán e conversarán "sobre o feito creativo".
Unha semana despois, o 9 de novembro, o jazz contemporáneo dos galegos Sumrrá xuntaranse no Colón co murciano Niño de Elche. O concerto, avanzan, concibírono como "un diálogo que explora novas posibilidades artísticas.
O día 16 do mesmo mes será a quenda de 586 cantos. Co impulso do Museo do Pobo Galego, a música tradicional e a tradición oral recollidas por Dorothé Schubart combínase con montaxes audiovisuais de Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal e con música ao vivo con Richi Casás, Fran Barcia e mais Caamaño e Ameixeiras.
As primeiras Músicas Posíbeis pecharanas o 14 e decembro os carballeses Chicharrón. No seu décimo aniversario, a banda presentará o seu novo disco, Vitoria, que servirá tamén como homenaxe a un dos fundadores da banda, o deseñador Alberto Gende, finado en 2012. As entradas para todos os espectáculos, que se celebran nos catro casos ás 20:00, son de balde e xa poden reservarse.