'A conta atrás', a gran novela (gráfica) sobre o Prestige, terá segunda parte

A primeira pate de 'A conta atrás' publicouse en 2008 Dominio Público Praza Pública

Para cando a segunda parte de A conta atrás? Era unha pregunta recorrente na banda deseñada galega nos últimos anos. En 2008 Carlos Portela (guionista) e Sergi San Julián (debuxante) publicaron esta novela gráfica centrada na catástrofe do Prestige e nas súas consecuencias políticas. Unha obra necesaria, definida por Manuel Rivas, que escribiu o seu prólogo, como "a primeira gran novela gráfica ó noso redor nunha liña de thriller político-social", e que ademais recibiu excelentes críticas e que mesmo foi nomeada ao Premio ao Mellor Guionista en Expocómic 2008. Foron pasando os anos, e a segunda parte non chegaba. "Houbo dificultades de todo tipo, principalmente vitais, aínda que tamén as houbo de produción da obra. Iso dá pra outra novela gráfica", destaca Carlos Portela en conversa con Praza.

Esta segunda parte é absolutamente necesaria, ademais, para completar a obra, cunha estrutura narrativa complexa (e moi eloxiada polos lectores) na que acción se desenvolve de adiante a atrás. Faltaba, pois, o final da historia, que é o principio: o accidente do barco, o seu paseo pola costa galega, o afundimento, a marea negra, os voluntarios e a carraxe. Esta segunda parte vai, pois, desde a campaña das eleccións locais cara atrás até antes do naufraxio do barco, e inclúe dous epílogos. E, se na primeira parte foi Manuel Rivas o encargado de escribir o prólogo, desta volta será nada menos que Miguelanxo Prado. 

Pero desta vai, ou irá en función do éxito da campaña de crowdfunding que os dous autores veñen de poñer en marcha a través de Verkami. Necesitan un total de 27 mil euros para rematar o álbum, imprimilo (en galego e castelán) e realizar os envíos aos domicilios das persoas que realicen achegas. A achega mínima é de 18 euros, e dá dereito a facerse cun exemplar do álbum. Con 25 euros pódese ter o álbum, unha dedicatoria personalizada e un debuxo exclusivo, e a partir de 33 euros calquera persoa pode facer cos dous libros: a primeira e a segunda parte. Destacan, igualmente, que no caso de acadar o seu obxectivo, enviarán un pdf cun adianto exclusivo da obra, ademais de mencionar todos os mecenas no libro, que se todo vai ben, debería estar rematado, impreso e enviado antes de final de ano.

 

Pechar as feridas

O crítico Álvaro Pons destaca que a novela "abre todas as feridas para demostrar que o chapapote aínda está pegado na conciencia colectiva, que non só non se limpou senón que ten que estar máis presente ca nunca para recordar a historia"

A obra chegará poucos meses despois da publicación da sentenza do xuízo do Prestige, un fallo que para Carlos Portela non só non pecha feridas, senón que "axuda a reabrilas". "Deixa moi claro que as sancións contempladas non abondan e que hai que modificar as leis pra protexer o noso entorno. Aínda que a sentenza se axuste á lei vixente semella unha chanza de pésimo gusto", engade. A necesidade de abrir ou de pechar feridas, segundo se mire, foi un dos argumentos máis empregados á hora de analizar a primeira parte de A Conta Atrás.

O crítico Álvaro Pons destaca que a novela "abre todas as feridas para demostrar que o chapapote aínda está pegado na conciencia colectiva, que non só non se limpou senón que ten que estar máis presente ca nunca para recordar a historia, esa verdade que nunca se contou e á que se lle deu carpetazo xudicial, pero que todos coñecían". E engadía que "A conta atrás é un cómic que debe ser publicado na súa totalidade para lembrar o que sucedeu cando afundiu o Prestige e como actuaron algúns. E, ademais, porque é un cómic extraordinario".

De igual xeito, Manuel Rivas destacara daquela que estabamos ante "unha obra artisticamente madura e valente, polo que consigue esa condición de golpear e desgarrar que Frank Kafka lle pedía ás creacións". E tamén o guionista de banda deseñada Juan Díaz Canales salientaba que na obra "con mestría narrativa móstrannos como o verdadeiro drama é a prostración moral que afecta a todas e cada unha das capas da nosa sociedade, desde o inevitable político que minte e manipula con descaro ata o cidadán de a pé que mira para outro lado, pasando polos medios de comunicación que nalgún punto do camiño esqueceron a súa razón de ser".

Unhas críticas excelentes ás que tamén se sumou hai un tempo Arturo Losada na súa ducia de tebeos galegos, na que destacou que "nestas páxinas teñen un dos mellores retratos da mancha que o petroleiro deixou na conciencia colectiva dos galegos"

Tamén ten palabras de eloxio David Rubín, que hai anos estivo a piques de ser o debuxante deste cómic, unha circunstancia que non se chegou a dar pola coincidencia con outros proxecto: "non vía o momento de poder ler o final desta estupenda novela gráfica. E pasaban os anos e este non chegaba. E fíxate, hai un par de días chámame Carlos e dime que van facer un crowdfunding para autopublicar a segunda parte, e xa me alegrou o día, a semana e ata o mes". Unhas críticas excelentes ás que tamén se sumou hai un tempo Arturo Losada na súa ducia de tebeos galegos, na que destacou que "nestas páxinas teñen un dos mellores retratos da mancha que o petroleiro deixou na conciencia colectiva dos galegos", un relato sobre a marea negra do Prestige e as súas consecuencias "contado remontando o tempo capítulo a capítulo, con envexable pulso narrativo e efectivo traballo gráfico".

 

Máis contido político e social nos 'cadriños'

Carlos Portela cre que na banda deseñada "fan falla máis historias con tintes políticos ou sociais"

Carlos Portela, guionista de cómics como Las nuevas aventuras de Esther, Gorka, Los Heresiarcas, Impresiones de la isla e tamén dende hai 15 anos subdirector de Viñetas desde o Atlántico, cre que na banda deseñada "fan falla máis historias con tintes políticos ou sociais" e sinala que "a ambientación na actualidade non é a máis común na historieta española contemporánea agás na de humor", aínda que engade que "non fai falla facer necesariamente realismo pra falar da actualidade".

De igual xeito, valora como "moi boa" a calidade das producións recentes da banda deseñada en Galicia: "Hai grandes creadores con personalidades diferentes o que fala do músculo creativo que hai aquí". Porén, sinala igualmente que "outra cousa sonche as canles pra que eses autores fagan as súas obras. Niso a cousa vai coma sempre: mal". 

"Se ti merchaches a primeira parte tes que ter a oportunidade de poder mercar a segunda antes de que se faga un integral"

En canto ao crowdfunding, sinala que non é mais que "outra ferramenta", da que se debe botar man para poder publicar, e sobre todo para poder publicar da maneira que os autores queren. "No noso caso temos que intentalo por coherencia. Tiñamos editoriais interesadas en sacar a segunda parte, pero dentro dun integral no que tamén se incluiría a primeira parte, e iso a nós, como lectores, non nos gustaba. Se ti merchaches a primeira parte tes que ter a oportunidade de poder mercar a segunda antes de que se faga un integral". Subliña que "tendo en conta que Faktoría K, a editora orixinal do primeiro volumen, que se portou xenial con nós, xa non edita novela gráfica, pensamos que polo menos tiñamos que darlle aos lectores a oportunidade de mercar a final da historia sen necesidade de volver pagar pola primeira".

A primeira pate de 'A conta atrás' publicouse en 2008 Dominio Público Praza Pública
Carlos Portela, coa capa da primeira parte da obra © Kalandraka
A historia de 'A conta atrás' está narrada de adiante cara atrás Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.