A contorna de Banksy contacta con Ferrol para pintar nas Meninas de Canido

Espazo reservado para Banksy, no barrio de Canido en Ferrol © 1906

A pasada semana, diferentes xornais impresos do Reino Unido, Italia e outros países luciron un anuncio no que a veciñanza do barrio ferrolán de Canido convidaba o enigmático artista Banksy a viaxar alí para participar no festival de arte urbana que todos os veráns enche os muros de interpretacións do famoso cadro As Meninas de Velázquez. Tamén con enormes carteis nalgunhas fachadas, a mensaxe trata de convencer o coñecido graffiteiro e axitador de conciencias cunhas obras polas que devecen milleiros de persoas no mundo. 

Varios valados publicitarios por Inglaterra e anuncios en prensa británica ou italiana convidaron a Banksy a pintar unha 'Menina' en Canido

A campaña, impulsada por unha cervexeira galega, semella que fixo efecto. A contorna do artista púxose en contacto a través do correo electrónico co festival de Canido. "Preséntase como representante do colectivo de graffiteiros de Bristol [Banksy é natural desa cidade e foi alí onde comezou os seus traballos e onde o boom do graffiti segue moi vixente] e pídenos que lle expliquemos un pouco máis en que consiste o certame", explica Eduardo Hermida, artista organizador do evento. 

No correo mesmo se ofrece a posibilidade de que algúns dos artistas do colectivo -"e que traballan con Banksy", aclárase- se desprace a Ferrol para colaborar co festival. "É todo moi enigmático", insiste Hermida, que advirte de que nada se sabe de se o devandito Banksy "é unha soa persoa, son varias ou mesmo unha organización con varios representantes". Sexa como for, a solicitude chegou a bo porto e as esperanzas aumentan. Tanto, que o organizador do evento xa se ten ilusionado cun episodio deste mesmo martes á mañá. "Vin un Land Rover, con matrícula inglesa e volante á dereita, con dous mozos de trinta e pico anos e dando voltas polo barrio", conta. 

Un integrante do colectivo de graffiteiros de Bristol, cidade orixinaria de Banksy, púxose en contacto coa organización do festival

Xa sexa Banksy e compañeiros, xa fosen uns turistas perdidos, Hermida confía en que o enigmático artista acabe pintando a súa versión das Meninas no espazo que xa está reservado para el, "nun pequeno calexón, nunha zona non moi de paso". "Imaxino que para manter esa imaxe misteriosa que o arrodea, non virá o propio día do festival, senón que agardará a calquera outro e que, na escuridade da noite, plasmará a súa obra e deixaranos o seu legado", asegura. 

A contorna do artista pide máis información sobre un certame que xa provocou o interese mesmo da BBC

Con todo, un dos obxectivos da campaña está máis que conseguido. "Que saiba que existimos, que se interese... Xa nos parece moito. Que veña e pinte pode ser un revulsivo para o certame, para o barrio e para Ferrol", conta Hermida dunha repercusión que traspasou fronteiras. "Teño o teléfono cheo de mensaxes e chamadas de numerosos medios, tamén de radios locais de Bristol e da propia BBC", engade. 

Cartel publicitario colocado en Inglaterra / @pablocesto8

En calquera caso, as Meninas de Canido celebrarán o vindeiro 2 e 3 de setembro a súa oitava edición, coa participación confirmada duns 80 artistas, que pintarán novos murais polas fachadas e muros do barrio ou completarán ou restaurarán os xa existentes. O festival, nado en 2008, crece ano a ano, converténdose xa nun símbolo da cidade naval en toda Galicia e España e -polo que parece grazas a esta campaña publicitaria- noutros lugares de Europa.

As Meninas de Canido celébranse o 2 e 3 de setembro coa presenza confirmada de 80 artistas

Eduardo Hermida organiza o evento dende hai case unha década. En 2008 puxo en marcha xunto con outros artistas locais unha experiencia de arte na rúa para darlle vida ao barrio e denunciar o seu abandono. Artistas novos da comarca e doutros lugares do país uníronse á iniciativa, entre eles o coruñés Jorge Cabezas, que realizou un mural que foi borrado e que espertou a solidariedade de creadores de todo o país. Ese foi só o comezo, pero nas sete edicións celebradas ata agora foron pintadas máis de 400 obras (algunhas xa desaparecidas), que contribúen a facer de Canido un barrio único.

"Nestes anos foise conseguindo o obxectivo que buscabamos dende un comezo, que era recuperar este espazo, recuperar o conxunto do barrio. Cada vez hai máis casas abandonadas, rehabilítase máis e máis xente nova vén vivir aquí", sinalaba a Praza.gal Hermida, que destaca o crecemento da iniciativa: "Este ano veñen 80 artistas de toda Galicia, de Madrid, de Barcelona, mesmo de Polonia. O que lle pido á xente que xa pintou algunha obra en anos anteriores é que en lugar que facer obras novas melloren, completen ou restauren as existentes. Porque ao estar á intemperie van degradándose, van perdendo a cor...", explica.

"O que lles pido á xente que xa pintou obras é que en lugar que facer outras novas, melloren, completen ou restauren as existentes"

Hermida comenta tamén que a edición 2017 será menos reivindicativa e máis centrada na propia arte. "Ata agora foi unha cousa moi familiar, moi pequena, moi de barrio e sempre quixemos manter ese espírito, que leva a que no evento todos os anos se involucren moito os propios veciños e veciñas. O máis marabilloso é esa relación entre os artistas e os propios veciños. Esa solidariedade, esa comunicación que se crea entre eles", destaca. Porén, advirte que "cada ano faise máis grande e máis profesional" e que "para as vindeiras edicións teremos que pensar cal vai ser o paso seguinte; temos que pensar se queremos volver ser un evento pequeno e moi centrado no aspecto reivindicativo ou se queremos crecer e diversificar as actividades, converténdonos -salvando as distancias- no que hoxe é o Festival de Cans", di.

O evento -que comezará o sábado 2 ao mediodía cun pregón do ex-xogador de baloncesto Miguel Loureiro- inclúe unha boa dose de música, cos concertos de Malevaje, Lenda Ártabra e Chiculate (o sábado) e Radio Océano e o grupo de jazz-swing Hot Chocolates (o domingo). A celebración inclúe tamén o mercado de arte Mercalegre e a homenaxe ao gaiteiro e luthier Antón Varela, finado recentemente. O festival conta co apoio do Concello de Ferrol, da Deputación da Coruña e tamén de empresas privadas como Estrella Galicia e Afundación.

Cartel da edición 2017 © Meninas de Canido

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.