A crise fai que os galegos gasten 15,3 millóns de euros menos en libros

Libros Dominio Público Praza Pública

A crise, a redución de salarios, o desemprego... Os recortes no gasto chegan a todos lados e as familias galegas, obviamente, teñen que reducir tamén o que dedican aos bens e servizos culturais. Tanto que o seu consumo destes descendeu máis dun 15% entre 2011 e 2012, tal e como revela o informe Evolución do gasto cultural dos fogares galegos, que vén de ser feito público polo Observatorio da Cultura Galega.

O consumo de bens e servizos culturais descendeu un 16% en Galicia entre 2011 e 2012

Quen leva a peor parte neste recorte son os libros. As familias gastaron 15,3 millóns menos dun ano a outro en libros (non de texto) e dentro dos recortes xerais da cidadanía, case un 27% menos. A análise do Obsevatorio abrangue a evolucion do consumo cultural nos últimos anos no Estado e en Galicia e destaca que "o consumo global en bens e servizos culturais diminuíu de xeito significativo tanto no conxunto de España coma en Galicia". De feito, o retroceso aínda foi maior en España, alcanzando o 19,9% fronte ao 15,9% do país no mesmo periodo.

Os fogares galegos gastaron 60 euros anuais menos de media en cultura por mor da crise

Así, durante o ano 2012 os fogares galegos gastaron case 60 euros menos de media nestes bens e servizos culturais que inclúen libros non de texto, prensa, espectáculos, equipamentos audiovisuais e informáticos, instrumentos musicais e outros servizos. No conxunto do Estado, o gasto nas casas foi 90 euros menor.

O 44% dos gastos en bens e servizos culturais teñen que ver con equipos e accesorios audiovisuais de tratamento de información e Internet, tanto en Galicia como no Estado. Ademais, destaca que os galegos gastan de media seis euros máis que o conxunto dos españois en libros e publicacións periódicas, pero 7,5 menos que a media estatal na asistencia a espectáculos. Porén, é o gasto en libros e publicacións periódicas -sobre todo nos primeiros- o que máis se reduce, ao caer en Galicia un 27%.

En canto ás publicacións periódicas, aínda que o gasto total diminuíu moito con respecto a 2010, en 2012 a redución do gasto non é moi importante en Galicia (menos de dous millóns menos), aínda que si é moi apreciable no conxunto de España, onde se gastaron 238 millóns de euros menos.

O informe tamén destaca que conxunto de gasto experimentou unha baixada progresiva en todas as partidas, especialmente en vivenda auga e electricidade, saúde e ensino. Poren, dende 2008, a partida de cultura é das que experimentou un descenso maior (-21%), só por detrás dos transportes (-30%).

Evolución do gasto en bens e servizos culturais 2006-2012 (En millóns de euros) Dominio Público INE / OGC
Libros Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.