"A desigualdade existe en todos os ámbitos sociais, e na cultura é exactamente igual"

Rosario Sarmiento, con Almudena Fernández no marco do documental © Xurxo Lobato

A crítica e comisaria Rosario Sarmiento realizou o documental ‘Arte+Muller+Galicia’ tras a exposición ‘Mulleres de Silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz’, celebrada no MARCO de Vigo, coma un xeito de deixar pegada -para a historia- deste proxecto, ante a ausencia de catálogo do mesmo. O filme supón, ademais, un chanzo máis nun esforzo colectivo levado a termo nas últimas décadas por visibilizar e analizar a arte feita por mulleres no país. ‘Arte+Muller+Galicia’ forma parte do programa ‘Olladas de muller’, organizado polo Consello da Cultura e polo CGAI polo 8 de marzo, e este 11 de marzo proxéctase en Compostela, na sala Numax. Falamos con Rosario Sarmiento. 

Como xorde a idea de facer este documental? Cales son os seus obxectivos?

O documental xorde tras a mostra ‘Mulleres do Silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz’ do Museo MARCO de Vigo, da que eu son comisaria, pola necesidade de recoller o traballo os testemuños das artistas participantes no proxecto, xa que non se publicou un catálogo da mesma. Tentei paliar con este documental esa ausencia de catálogo imprescindible nunha exposición. Afortunadamente, a Deputación de Pontevedra vai editar finalmente o catálogo da mostra.

“O que tento é construír o mapa da creación artística feminina en Galicia”

Como se complementa con outros proxectos teus como a exposición ‘Territorios de intimidade’? Que supón, en concreto, no traballo que tes feito en relación coa arte e as mulleres? 

Supón un paso máis. O primeiro traballo foi a mostra ‘A Arte Inexistente’ (1995) no Auditorio de Galicia, despois ‘Mulleres do Silencio’ no Marco (2016) e, despois do documental, ‘Territorios de Intimidade’ (2018) no Auditorio de Galicia. Con estes proxectos o que tento é construír o mapa da creación artística feminina en Galicia.

Rosario Sarmiento, con Soledad Penalta © Xurxo Lobato

Hai un estudo do Consello da Cultura, dirixido por María Luisa Sobrino, de hai uns poucos anos, que ten un título moi semellante e un contido tamén confluente ao do teu documental. Houbo tamén varios proxectos (como algunhas exposicións que citas) sobre arte e xénero en Galicia, cuxo obxectivo foi primeiro visibilizar o traballo feito por mulleres e despois analizar cuestións máis concretas (a relación entre o arte e o feminismo, por exemplo, en ‘Alén dos xéneros’, que estivo no MARCO). Dentro de todos estes traballos realizados desde os 90, en que lugar se inscribe o teu documental?

Tanto o estudo do consello, ‘Arte+Mulleres. Creadoras galegas’ (2015) dirixido por Mª Luisa Sobrino Manzanares, onde se revisa pormenorizadamente o protagonismo das artistas en Galicia en diferentes ámbitos, entre os anos 1990-2013, que eu cito no documental, como a mostra ‘Alén dos Xéneros’, forman parte desa revisión do acontecido co papel cumprido polas mulleres ao longo do século XX en Galicia, que ten as súas primeiras referencias nas Bienais de Artistas Galegas (1987, 1990, 1994 e 1997) organizadas polo colectivo Alecrín que empezaron a sacar á luz o traballo exclusivo de mulleres, ás que seguiron exposicións como ‘Presente Plural’ (1994); ‘A arte inexistente’ (1995); ‘Nos-outras. Pintoras, poetas e orgullo de ser muller’ (1997); ‘Clónicas’ (2004); ‘Marxes e mapas’ (2008); ‘Generosas y fuertes’ (2009); ‘Artistas. Proxectos de visibilización’, ‘Elas fan tech’ (2013)… .

O documental divídese en dúas partes: a primeira é un percorrido histórico. Como e con que criterios se escolleron as mulleres entrevistadas no documental? .

Como comentaba antes, fíxose a partir do proxecto da mostra ‘Mulleres do silencio’, que incluía un abano moi amplo de artistas desde Maruja Mallo e Julia Minguillón como as primeras mulleres artistas profesionais formadas na escola de Belas Artes de Madrid, ata as artistas que forman parte da primeira xeración de profesionais formados na escola de Belas Artes de Pontevedra. Por certo, o testemuño de Berta Caccamo para este proxecto foi o último que gravou.

“O testemuño de Berta Caccamo para este proxecto foi o último que gravou”

Na segunda parte do documental as dez artistas vivas da exposición contestan a cinco preguntas. As súas respostas axudan a entender a situación e pensamento destas artistas galegas en relación a arte e a muller. Unha mirada moi plural e con puntos de vista diferentes.

“O testemuño de Berta Caccamo para este proxecto foi o último que gravou”, lembra Sarmiento © Xurxo Lobato

O feito de ser mulleres marcou “o seu protagonismo nos espazos de poder e decisión”. Esta é, supoño, unha das ideas nas que poden estar máis ou menos de acordo as entrevistadas. Porque todas viviron, seguramente, maneiras de seren discriminadas ou minusvaloradas dalgún xeito. Polo que se ve no documental, como foron cambiando estes xeitos de discriminación?

No documental falan artistas de distintas xeracións e con diferentes opinións, vivencias e circunstancias. Non todas se sentiron discriminadas, en realidade. Para algunhas a discriminación non foi na súa formación senón na súa carreira e por circunstancias diferentes. Pero tamén hai artistas que a pesar de estar presentes en proxectos como ‘A Arte inexistente’, de 1995, e posteriormente en ‘Mulleres do Silencio’, do 2016, seguen sen ser recoñecidas nin valoradas. O feito de ser mulleres si que marcou “os seus espazos de poder é decisión”.

“O feito de ser mulleres si que marcou “os seus espazos de poder é decisión”

Desigualdade supón, neste contexto, o do arte, entre outras cousas, unha (inoculada polo patriarcado), falta de seguridade en si mesmas ou, polo menos, algunha tendencia a restarlle relevancia ao que facían. De que feito se reflicte iso no documental?. 

Penso que nas respostas das artistas, algunhas de forma moi explícita.

O documental céntrase no caso galego, aínda que seguramente non sería moi diferente noutros lugares. No franquismo si que, seguramente -en Galicia e en España- o traballo das mulleres como artistas viuse máis limitado. En que aspectos? Complicaba aínda máis a situación vivir en Galicia, dada a falta de espazos para formarse? 

Certo. Non só de espazos para formarse, senón dunha sociedade moi pechada e prexuiciosa, na que non se entendía que unha muller quixese ser artista profesional. Se tiñan posibilidades e recursos económicos, podían marchar fóra, case sempre a Madrid, e polo tanto traballar en mellores condicións. Ata o 1991 non hai Facultade de Belas Artes en Galicia. Isto vai supoñer un gran paso adiante.

Menchu Lamas é outra das artistas reflectidas no documental © Xurxo Lobato

“Ata o 1991 non hai Facultade de Belas Artes en Galicia. Isto vai supoñer un gran paso adiante”

Na parte de percorrido histórico trátanse cuestións coma a escasa presenza nas vangardas anteriores á guerra (Maruja Mallo debe ser das poucas, e estivo fóra case todo o tempo) ou como mudaron as circunstancias coa volta da democracia tras o franquismo. Como mudou, efectivamente, a situación coa democracia e a autonomía? Houbo entón algún fío que se retomase de antes da guerra?. 

A democracia e a autonomía supuxeron o inicio dunha normalización da vida cultural. Pero foi un case comezar de novo, porque non había modelos. Só Maruja Mallo, que volve do exilio e vive en Madrid. Isto amosa a ausencia de mulleres artistas galegas na etapa republicana e nas vangardas históricas. Os oitenta e noventa do século XX foron décadas moi importantes nese aspecto. As referencias femininas eran as poucas mulleres recoñecidas que destacaron baixo o franquismo.

“Só está Maruja Mallo, que volve do exilio e vive en Madrid. Isto amosa a ausencia de mulleres artistas galegas na etapa republicana e nas vangardas históricas”

A dinamización das artes plásticas (a creación dos principais museos, por exemplo), ou o novo escenario formativo (a Facultade de Belas Artes, principalmente) tamén axudou a mudar a situación, aínda que segue a haber desigualdade na presenza de mulleres nos museos, por exemplo. (No aspecto positivo, agora mesmo no CGAC hai dúas exposicións de dúas artistas). Cales son as dinámicas que seguen a explicar, aínda hoxe, a desigualdade? 

A discriminación e a desigualdade da muller en tódolos ámbitos da sociedade, como non, tamén no eido artístico. Pois as cifras da desigualdade están aí. As porcentaxes de estudantes mulleres nas facultades de Belas Artes son do 78%, nas de historia da arte do 68% e en Restauración do 76%. Nos premios Nacionais de Belas Artes só o 18% son mulleres… e poderiamos engadir máis datos..… A desigualdade existe en tódolos ámbitos sociais, e na cultura é exactamente igual. No entramado artístico -museos, coleccións, galerías, crítica, etc- as mulleres seguen sendo minoritarias e seguen sen detentar os postos de poder en igualdade de condicións ca os homes. O poder é dos homes e non o ceden se non loitamos xuntas.

“O poder é dos homes e non o ceden se non loitamos xuntas”


Na segunda parte do documental falan mulleres que participaron na exposición ‘Mulleres do silencio’, como salientabas antes. Entre outras preguntas, responden a se hai diferenzas entre o arte feito por homes e por mulleres (cuestión bastante discutida) e que achegou a arte feita por mulleres en Galicia. Como podemos resumir as respostas a respecto disto, cal é opinión xeral das mulleres entrevistadas?. 

Pois hai diferentes respostas. Algunha delas cren que a arte feita por mulleres é máis sólida, máis rompedora e sincera porque teñen menos que perder. Outras non ven diferenzas. En canto ás achegas das mulleres á arte, tamén hai diferenzas pero, en xeral, creen que achegaron pouco porque a súa presenza na historia foi moi pequena.

Rosario Sarmiento, con Rosalía Pazo © Xurxo Lobato

“Polo feito de ser mulleres non teñen que ser boas artistas, pero si que hai mulleres moi interesantes como creadoras aínda case descoñecidas”

Visibilizar a arte (ou a literatura, a música, o teatro, o cine, etc) feito por mulleres é algo necesario, dado que o patriarcado tende a situar as súas creacións nun segundo plano. Mais tamén se corre sempre o perigo de acabar creando etiquetas como “arte feminino” ou “arte de mulleres”, que negan a heteroxeneidade da creación feita por mulleres e que pode caer, ademais, nun certo esencialismo. Como evitar isto nun documental coma o teu? 

Certo. Meus criterios son de respecto ao pluralismo na visión da arte feita por mulleres, tanto de tendencia artística como xeracional, ou incluso de situación económica. Isto vese nas respostas do documental. Eu creo que é necesario visibilizar porque aínda é necesario reconstruír o “escribir” unha historia que non está relatada en todos os seus capítulos e con todas as súas protagonistas. 

Canto máis investigas, máis de dás conta de que nos falta moito por coñecer e estudar. Eu creo que iso é o que hai que facer. Claro que sen caer nos paternalismos. Polo feito de ser mulleres non teñen que ser boas artistas, pero si que hai mulleres moi interesantes como creadoras aínda case descoñecidas. A labor dos historiadores é esa, investigar e dar a coñecer, con criterios rigurosos.

“As exposicións pasan pero os catálogos permanecen e son documentos para a historia. As institucións deben ser conscientes de que as exposicións deben acompañarse dun catálogo” 

Algo máis que queiras comentar?

Unha das miñas liñas de traballo é recuperar e dar a coñocer a arte feita por mulleres. Este documental é unha experiencia nova para min, á que tiven que recurrer, como dicía antes, ante a imposibilidade de que desde o MARCO se editase un catálogo. Unha vez exhibido o documental no museo de Pontevedra, Carmela Silva, moi sensible ao tema femenino, viu a necesidade de editar o catálogo. As exposicións pasan pero os catálogos permanecen e son documentos para a historia. As institucións deben ser conscientes de que as exposicións deben acompañarse dun catálogo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.