A editorial Biblos reúne nun volume relatos dos autores gañadores do seu premio de novela

Dominio Público Biblos

A Casa do Libro de Vigo vai acoller o xoves 27 ás oito da tarde a presentación de Sete de Biblos, obra que recolle cadanseu relato das cinco autoras e dous autores que gañaron as primeiras edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia. É o volume número 50 e derradeiro da colección Mandaio.

Sete de Biblos permite unha nova achega ao traballo das firmes promesas xurdidas para a literatura galega na festa anual do premio que se celebra na Casa Grande do Bachao. Iria López Teijeiro, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García Martínez, Elena Veiga e Iria Morgade asinan traballos de gran interese con enfoques e contidos varios que so en ocasións nos lembran as novelas coas que obtiveron o galardón. Dos esforzos esperimentais aos relatos máis clásicos, das situacións máis violentas ás de maior tenrura, da realidade ao misterio, da guerra civil ás sorprendentes paisaxes do mundo virtual, de todo se pode atopar neste monllo de traballos que tratan desde a perspectiva dunha mirada xuvenil os temas eternos da vida.

O escritor Agustín Fernández Paz, que no seu día foi o titor de Berta Dávila como gañadora do Premio Biblos, será o encargado de presentar o libro nun acto ao que asistirán a maioría dos autores.

As bases da nova edición do premio, que levará desde esta novena edición o nome Biblos-Casa Grande do Bachao, poden consultarse en www.biblosclube.com. O galardón quedou deserto na edición deste ano pola "baixa participación", polo que María Xosé Queizán, escritora que debería ser a titora do autor premiado, fixo un chamamento para aumentar a participación o día no que se debería entregar o galardón.

Dominio Público Biblos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.