A 'Escola Laica Neutral' de Ourense, un ensino para "formar cidadáns libres" truncado polo Golpe de Estado de 1936

Teresa Roqueta Vila e Hipólito Sinforiano Luengo, fundadores da Escola Laica Neutral de Ourense, con parte do alumnado © Uvigo

Entre 1909 e 1936 funcionou na cidade de Ourense unha institución educativa innovadora e moderna, moi afastada nos seus métodos e na súa calidade, do ensino relixioso imperante nese momento

Entre 1909 e 1936 funcionou na cidade de Ourense unha institución educativa innovadora e moderna, moi afastada nos seus métodos e na súa calidade, do ensino relixioso imperante nese momento. A Escola Laica Neutral de Ourense (ENLO) existiu ata o ano 1936. Inmediatamente despois do inicio do Golpe de Estado do 18 de xullo, o centro foi asaltado polos falanxistas e pechado para sempre, sendo detidos os seus fundadores, Teresa Roqueta Vila e Hipólito Sinforiano Luengo.

O Campus de Ourense da Universidade de Vigo acolleu na tarde deste mércores un acto de lembranza e homenaxe aos fundadores e fundadoras da Escola Laica Neutral de Ourense. Na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, Mireia e Yolanda Roqueta Fontiguell, familiares de Teresa Roqueta, e Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, afondaron na historia desta pioneira iniciativa educativa. 

A Facultade de Educación e Traballo Social acolleu o acto de lembranza aos fundadores da Escola Laica Neutral de Ourense © Uvigo

O matrimonio chegou a Ourense e trouxo á cidade a influencia das novas correntes pedagóxicas próximas á Institución Libre de Enseñanza

O acto permitiu ao alumnado asistente achegarse a esta escola laica tanto desde un punto de vista humano, a través das lembranzas dos familiares dos seus fundadores, como pedagóxico, a través da súa historia e da súa relevancia no contexto educativo da época.

A Escola Laica Neutral de Ourense (ENLO) abriu as súas portas no ano 1909 co impulso dun grupo de ourensáns emigrados na Arxentina e da Agrupación Librepensadora de Orense e baixo a direccción de Hipólito Sinforiano Luengo, procedente de Zamora, e de Teresa Roqueta, de Llagostera (Girona). O matrimonio chegou a Ourense e trouxo á cidade a influencia das novas correntes pedagóxicas próximas á Institución Libre de Enseñanza. Pertencían, ademais, á Asociación Esperantista e eran, cando menos Hipólito, masóns.  

O obxectivo desta escola era "formar cidadáns libres, con capacidade crítica e de libre pensamento, en consonancia coa súa forte confianza na educación para a construción dun futuro mellor", destacou Xosé Manuel Cid

O obxectivo desta escola era "formar cidadáns libres, con capacidade crítica e de libre pensamento, en consonancia coa súa forte confianza na educación para a construción dun futuro mellor", destacou Xosé Manuel Cid no acto. “Teresa Roqueta Vila e Hipólito Sinforiano Luengo trouxeron a Ourense o que era un modelo pedagóxico innovador no momento, dunha escola laica, sen relixión, onde se propuña a coeducación de sexos e de clases sociais, no senso de que se podían pagar segundo as posibilidades económicas familiares”, salientou o decano da Facultade de Educación e Traballo Social, 

Na escola nenos e nenas aprendían Xeometría, Cálculo, Aritmética, Gramática, Moral Universal e Urbanidade, Lectura, Fisioloxía e Hixiene, Xeografía, Ciencias Fisionaturais, Agricultura, Historia, Canto, Ximnasia Sueca e Esperanto. Podían asistir nenos e nenas de todos os niveis económicos, pois as clases eran gratuitas ou cunha matrícula moi económica.

Mireia e Yolanda Roqueta Fontiguell, familiares de Teresa Roqueta, e Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, afondaron na historia da Escola Laica Neutral © Uvigo

A apertura da escola, laica, moderna e mixta, xerou de inmediato duras críticas nos sectores máis conservadores da cidade de Ourense. Porén, a institución mantívose activa grazas, sobre todo, ao apoio da emigración en América

A apertura da escola, laica, moderna e mixta, xerou de inmediato duras críticas nos sectores máis conservadores da cidade de Ourense, como aínda se pode comprobar nos artigos publicados na prensa local da época. Os mestres sufriron presións, como por exemplo a imposibilidade de alugar unha vivenda, e tamén os pais que matricularan alí os seus fillos sufriron despedimentos en moitas empresas. Os propios alumnos, chamados "anticristos" polos sectores máis reaccionarios, eran insultados e moitas familias prohibían os seus fillos xogar con eles. Edificio que acollía o centro foi tamén obxecto de ataques, o mesmo que os seus libros e materiais.

Porén, a institución mantívose activa grazas, sobre todo, ao apoio da emigración en América. Ata o seu peche no ano 1936, a Escola recibiu principalmente o apoio de dúas sociedades americanas de instrucción, a Unión Orensana en Cuba e a Unión Provincial Orensana de Buenos Aires, ademais de forzas republicanas e socialistas galegas.

Nos días posteriores ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 a escola foi asaltada polos sublevados, que pecharon o centro, que figuraba entre os seus primeiros obxectivos. Teresa e Hipólito vivian no mesmo edificio e foron detidos

Nos días posteriores ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 a escola foi asaltada polos sublevados, que pecharon o centro, que figuraba entre os seus primeiros obxectivos. Teresa e Hipólito vivian no mesmo edificio e foron detidos, sinalando algunhas fontes que entre os falanxistas que atacaron a escola había mesmo antigos alumnos da institución. Hipólito Luengo foi sancionado polas autoridades golpistas e depurado como mestre, ao igual que un gran número de docentes que formaban parte da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), aínda que el non pertencía oficialmente á entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.