A ilustración galega, a debate

Cartaz do debate © AGPI

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) organiza o vindeiro sábado 22 de xuño en Compostela un Debate sobre o Estado da Ilustración en Galicia. O encontro comezará ás 10:30 h no ‪Centro Cultural Novacaixagalicia (rúa do Vilar, 19), e busca analizar o presente e o futuro deste sector e desta profesión "nun panorama especialmente complexo e cambiante", no marco ademais dun contexto da crise económica. O obxectivo é "definir estratexias para combater a crise que golpea o sector".

Marina Seoane, David Pintor, José Domingo e Yago García participarán no faladoiro dirixido por Manuel Cráneo

Dirixirá o faladoiro Manel Cráneo, e varios convidados achegarán a súa experiencia en distintos ámbitos, combinando as voces de autores experimentados e tamén da dos que comenzan a súa andaina: Marina Seoane, David Pintor, José Domingo e Yago García. Cráneo abrirá o debate falando da poblemática do sector na actualidade, facendo un balance dos avances conseguidos polos profesionais da ilustración nos últimos quince anos e dos beneficios e consecuencias disto; fará fincapé no valor económico da ilustración e nas boas prácticas profesionais.

Búscase analizar o presente e o futuro deste sector e desta profesión "nun panorama especialmente complexo e cambiante" e "definir estratexias para combater a crise que golpea o sector"

Marina Seoane reflexionará sobre se se pode vivir exclusivamente do mercado da ilustración infantil, e sobre a evolución deste mercado e a situación actual. José Domingo repasará a situación do mercado da BD na actualidade, nos ámbitos estatal e internacional, e tratará de facer un prognóstico de futuro. Yago García, pola súa parte, falará da integración das novas xeracións de autores no mercado laboral, e das consecuencias e beneficios de ser un autor novel. David Pintor ocuparase da promoción dos ilustradores no mercado exterior como alternativa ao mercado estatal, e comentará algúns consellos e pautas para "emigrar intelectualmente". Finalmente, abrirase a debate o exposto e establecerase un foro aberto para a procura de solucións de cara a superar a crise económica no sector da ilustración. A actividade, de entrada libre e gratuíta para todo o público interesado, durará até o final da mañá.

Cartaz do debate © AGPI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.