A Lei de Espectáculos pon en risco a realización de concertos en locais

Rolda de prensa da Sección Compostela de Músicos ao Vivo Dominio Público Praza Pública

Dentro dun mes entrará en vigor a nova Lei de Espectáculos, cuxa aplicación está a xerar unha gran polémica, centrada principalmente nas maiores esixencias para que entidades de pequeno tamaño poidan organizar eventos culturais públicos e tamén nas dificultades engadidas para a música ao vivo, sobre todo no interior de locais sen licenza de sala de concertos. A norma que debería ter servido para dotar de seguridade xurídica á realización de actividades culturais semella que en varios elementos achega precisamente máis inseguridade para artistas, locais e entidades promotoras. Hai 15 días, na gala dos Premios Martín Códax Ramón Bermejo, voceiro saínte de Músicos ao Vivo, foi moi crítico neste senso: “Non se pode vivir permanentemente ao pairo dunha lei redactada de forma ambigüa, e que deixa a música ao vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradizo e inseguro”, dixo.

A norma impón dificultades para a realización de actuacións en locais pechados que non conten con licenza de salas de concerto, que son unha minoría

A lei, que foi aprobada unicamente cos votos do PP, subliña a "competencia exclusiva" da Xunta en materia de espectáculos públicos. A norma impón dificultades para a realización de actuacións en locais pechados que non conten con licenza de salas de concerto, que son a maioría (en Santiago, por exemplo, a lista de licenzas redúcese á Sala Capitol, Sala Malatesta, Sónar, Retablo e o Dado Dadá). En boa medida a moi esixente Lei de Espectáculos responde ao obxectivo de evitar calquera risco de repetición de sucesos tráxicos coma o sufrido hai anos no Madrid Arena. Porén, artistas, entidades promotoras e locais denuncian que as restricións introducidas dificultan enormemente a propia existencia da música ao vivo en establecementos que nada teñen que ver cos grandes recintos nos que de cando en cando teñen lugar desgrazas coma a citada. 

Estas limitacións non existen para as actuacións musicais que teñan lugar ao aire libre, por exemplo na terraza dun bar, de competencia municipal

Paradoxalmente, estas limitacións non existen para as actuacións musicais que teñan lugar ao aire libre, por exemplo na terraza dun bar, de competencia municipal. Neste verán pode darse a circunstancia que non se celebre case ningunha actuación musical baixo teito en Compostela e que todas teñan que organizarse ao aire libre. Artistas e locais subliñan que isto demostraría que o gran problema non estaría polo tanto no ruído xerado por estes concertos, senón nunha cuestión meramente administrativa e, polo tanto, de doada solución. 

A sección de Compostela da asociación Músicos ao Vivo, que agrupa a máis de 200 artistas, encabeza nestes momentos unha batalla para asegurar a realización de concertos en recintos pechados, ante as dúbidas que se abren na aplicación da lei, esixíndolles a Xunta e Concello que "desbloqueen a situación de indefinición legal na que actualmente se encontra a música ao vivo". Ao Concello pídenlle ademais que elimine "a prohibición expresa de instrumentos de amplificación para os establecementos que actualmente figuran no grupo I da Ordenanza Municipal de Ruídos" e que regule nela, de forma clara, "as condicións de horarios e volume que se deben cumprir nas nosas actuacións en vivo" nos diferentes locais da cidade. A fórmula que se acade na capital do país será importante para a resolución de problemas semellantes nas restantes localidades. E a propia asociación de Músicos ao Vivo reclámalles ao resto de concello que impulsen medidas semellantes ás demandadas ao Concello de Santiago para facilitar a organización de concertos.

Musicos ao Vivo pídelle ao Concello de Santiago que elimine "a prohibición expresa de instrumentos de amplificación"

A norma déixalles aos concellos, cos que practicamente non se estableceu diálogo, a resolución dos problemas xerados, pois á Xunta só lle corresponde "autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma", un tipo de evento moi pouco numeroso

O Concello de Santiago reclámalle á Xunta a creación da categoría de bar musical

O Concello de Santiago, que critica a ausencia de vontade de diálogo e consenso amosada ata agora pola Xunta, presentará alegacións ao novo catálogo de actividades hostaleiras pedindo que se cree a categoría de bar musical ou bar con música ao vivo, o que facilitaría a realización de concertos en recintos pechados. Outra fórmula que se está barallando é a exposta pola Asociación Cultural Cidade Vella, consistente en pedirlle á Xunta que delegue nos concellos a competencia para autorizar conciertos de pequeno formato en locais pechados.

 

Concerto de Caxade nun local compostelán © Casa das Crechas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.