A 'Lingua de Signos Galega', unha realidade en risco de desaparición pola falta de oficialidade e apoio público

Lingua de signos Dominio Público

En España só se recoñecen como oficiais a Lingua de Signos Española (LSE) e, circunscrita a Cataluña, a Lingua de Signos Catalá

Hai 15 anos a Lei 27/2007 estableceu como oficial no conxunto do Estado español a denominada Lingua de Signos Española (LSE)  e, circunscrita a Cataluña, a Lingua de Signos Catalá, que xa era recoñecida como tal nesa comunidade autónoma como a de uso maioritario. Porén, entidades coma a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) veñen reivindicando a existencia da Lingua de Signos Galega (LSG) e a necesidade de que sexa recoñecida como oficial, alertando de que a falta dese carácter de oficialidade para a LSG fixo que parte da comunidade xorda galega "optase por uniformar a su vía de comunicación adoptando a lingua de signos española". 

Con este obxectivo, o pasado ano esta entidade impulsou xunto coa Deputación de Pontevedra o Informe Cero, un documento que -coordinado por José María Pazos Abad e con Carlos Manuel Varela Ulla como investigador principal- constata que esta Lingua de Signos Galega é "unha realidade lingüística", que non hai que "crear" senón "recompoñer" e "recoller o que queda dela antes de que desaparezan os seus informantes e revitalizala".

Cartel da Xornada sobre a Lingua de Signos Galega © Deputación de Pontevedra

XOGA impulsou xunto coa Deputación de Pontevedra o Informe Cero, un documento que constata que esta Lingua de Signos Galega é "unha realidade lingüística", que non hai que "crear" senón "recompoñer"

Este sábado 26 de novembro a Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra levarán a cabo unha xornada de debate que busca dar a coñecer a entidades, asociacións e persoas do colectivo o Informe Cero. Ao acto están convidadas outras administracións de distintos lugares de Galicia, ademais de colectivos e persoas da comunidade xorda "co fin de xerar unha irmandade para traballar en conxunto". A apertura da xornada correrá a cargo da presidenta Carmela Silva e a deputada María Ortega da man do presidente da RAG Víctor Freixanes, e da presidenta da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), María Jesús Monterde García.

O Informe Cero fai un cálculo, a partir de fontes estatísticas, de que en Galicia hai unhas 29.069 persoas xordas, que empregan polo tanto a lingua de signos. Ademais, destaca que estas persoas, ao comunicarse coa súa contorna máis próxima (parellas, pais, nais, fillos, fillas...), fan que o número total de persoas que emprega a lingua de signos sexa cando menos catro veces superior, o que eleva a cifra total de usuarios e usuarias ata case as 120.000, o 4,3% da poboación total de Galicia. "Esta magnitude debera ser máis que suficiente para que as administracións que se deben aos dereitos dos cidadáns se preocupen pola Lingua de Signos Galega", destácase no informe.

"A potenciación en exclusiva da Lingua de Signos Española" é un fenómeno "que produce situacións de asimilación e diglosia que ocasionan de facto a desaparición do que se podería chamar Lingua de Signos Galega"

O documento critica que "hai un abandono de calquera proxecto que desenvolva a LSG", asumindo sen condicións "os criterios de expandir a LSE, anulando calquera outra lingua de carácter territorial e sociocultural". E, en concreto, sinala á Xunta de Galicia, "responsable estatutariamente da política lingüística na Comunidade Autónoma", que non puxo en marcha "ningunha iniciativa que recupere, renove e revitalice a actual LSG". Neste tempo houbo algunhas achegas no campo da investigación, como o artigo 'Unha lingua de signos galega?' publicado por Cristina González Abelaira a través do Instituto da Lingua Galega e a propia tese de doutoramento realizada pola investigadora. González Abelaira será unha das participantes na xornada deste sábado.

Os expertos e expertas entrevistadas para a realización deste informe subliñan a necesidade de recoller cientificamente o “corpus lingüístico” da LSG, "que na actualidade está disperso e sen fundamentos científicos". A creación deste corpus podería terse finalizado no prazo aproximado de dous anos e cun orzamento aproximado de entre 150.000 e 200.000 euros. E destacan que as Linguas de Signos e en particular a LSG "non son patrimonio exclusivo das asociacións de persoas xordas", senón que son "un patrimonio cultural dos galegos e das galegas que debe ser coidado polas administracións e institucións públicas". 

Presentación do 'Informe cero', o pasado mes de xullo © Deputación de Pontevedra

Ao redor de 120.000 persoas empregan a lingua de signos en Galicia

Nas súas conclusións, o informe alerta de que "a potenciación en exclusiva da Lingua de Signos Española" é un fenómeno "que produce situacións de asimilación e diglosia que ocasionan de facto a desaparición do que se podería chamar Lingua de Signos Galega". Ademais, subliña que a revitalización da LSG é "un problema principalmente político", xa que "desde o punto de vista lingüístico (que é o punto de vista científico) sábese como lograr o seu fortalecemento". Lembra neste senso que no ano 2019 o PP rexeitou no Parlamento galego 2019 unha iniciativa do BNG para avanzar na oficialización da LSG.

 A revitalización da LSG é "un problema principalmente político", xa que "desde o punto de vista lingüístico (que é o punto de vista científico) sábese como lograr o seu fortalecemento", destaca o Informe

Neste senso, XOGA e a Deputación de Pontevedra apostan por levar a cabo un proceso gradual que comece por "conformar un grupo de traballo multidisciplinar e interuniversitario para afrontar entre outras a conformación científica do corpus lingüístico". En seguintes fases "deberían desenvolverse os aspectos pedagóxicos", apuntan. 

Así mesmo, sinalan que "non se deben descoidar os aspectos de comunicación social" para "difundir a importancia das linguas de signos en xeral e da lingua de signos galega en particular", subliñando que "o descoñecemento da poboación en xeral, das dificultades comunicativas das persoas xordas e sobre as linguas de signos é un aspecto que hai que mellorar para que a LSG e as outras linguas de signos sexan socialmente recoñecidas e valoradas como o que son".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.