A memoria dos meus pasos: os lugares da novela

Vista do Porto, escenario central da novela CC-BY-SA Merixo

Contáballe Alfred Hitchcock a François Truffaut  que cando se ambienta unha historia nun lugar determinado, hai que procurar utilizar dramaticamente todos os elementos locais característicos. Por exemplo, se unha historia transcorre en Suíza, débense empregar os lagos para afogar a xente e os Alpes para facela caer polos precipicios. Mesmo conta con humor que se tivese que rodar unha película en Australia faría que un policía saltase á bolsa dun canguro e berrase: 'Siga ese coche'

Cando pensei escribir unha novela ambientada no Porto reverberaban por tanto na miña cabeza os consellos do mestre do suspense. Soñaba con caídas accidentais nas escaleiras da livraria Lello ou dende o alto da torre dos Clérigos, fuxidas en moto polas rúas da ribeira entre terrazas ateigadas de turistas, envelenamentos nas caves de Vila Nova de Gaia ou románticos paseos en barco polo Douro... Pretendía, en definitiva argallar unha trama ao xeito de 'Coa morte nos calcañares', mais saiume algo máis parecido o 'After Hours' de Scorsese.

O meu protagonista fuxiu dos lugares emblemáticos e deixouse ir en cambio polos recantos máis sórdidos da cidade nunha desenfreada e fortuíta procura de praceres etílicos e afectivos. Vese que a xentrificación prodúcelle alerxia, afeito a morar en Santiago o resto do ano. Coñece Porto o suficiente como para non se deixar arrastrar pola masa de parellas españolas ou galegas que discuten en cada recanto cun plano da cidade na man. “Que es por aquí, cari, coñe, que nos lo dijo el taxista” (Non me acusen de turismofobia, por favor, o meu é pura misantropía)...

Rosimunda

Vistas dende a casa de Rosimunda

O percorrido comeza na casa de Filipa. A casa da Travesa de Ferraz existe. Nos seus tempos foi un popular bar ao que acudía a lumpen-boêmia da cidade. Non se chamaba o Diletante, senón O Gesto. Hoxe é xerido por un grupo de activistas sociais que baixo o nome de Rosimunda, manteñen unha notable actividade cultural na cociña ou no xardín con vistas ao Douro desta casa. “Organizamos actividades diversas, desde oficinas a concertos, a conversas, apresentações, cinemas, fados vadios, comeres, exposições e outras diversas espontaneidades que só vindo dá para saber... Resistindo à terraplanagem... O humor não é rumor... Sempre com acesso livre”, cóntame Mariana.  Na Rosimunda tiven ocasión de presentar os meus libros nunha agradable velada hai ano e medio, do mesmo xeito que a pintora María Meijide puido presentar o seu fermoso caderno de viaxe 'De Kuala Lumpur a Beijing'.

A pintora

A pintora da novela non existe, mais tomei a liberdade de que a súa obra se corresponda coa da propia María Meijide, autora das ilustracións relacionadas coa novela das que puidestes gozar durante a publicación dixital. A súa pintura en formato grande recolle o espazo doméstico e cotián, do mesmo xeito que son notables os seus cadros eróticos. Filipa fala nun momento dado co protagonista da novela de Hockney ou Avigdor Arikha, dúas das influencias máis notables na pintura de Meijide, mais tamén de dúas mulleres que constitúen dúas das autoras máis notables da pintura portuguesa: Josefa de Óbidos e Paula Rego, autora contemporánea da que se pode ver actualmente unha interesante exposición na Bienal de Arte de Cerveira.

Comer, beber, amar

Comer en Portugal sempre é un pracer. Porto, porén, non é a miña cidade favorita para tal mester; non en balde, é a cidade en que se popularizou a francesinha, disparatada bomba calórica que hai que entender como parte do singular folclore universitario luso, do mesmo xeito cá tuna, as novatadas ou a inefable festa das fitas. Porén, abondan como non pode ser doutro xeito os locais para comer ben e barato. Se algo me fascina dos portugueses é o hábito que teñen de comer fóra, mesmo mulleres maiores soas, algo pouco habitual na Galiza.

O Casa Ferreira na Rúa do Almada existe e cómese ben a un prezo razoable, do mesmo xeito que existe o Frida, un restaurante mexicano moi cool na zona de Bombarda, rúa das galerías de arte e da movida modernita. É un mexicano moi sofisticado de comida saborosa e sorprendente.  Canto ao Casa Santiago ao que acode Bruno para comer unha francesinha, sei que existe, mais non estiven, fieime do criterio do google á hora de procurar as mellores francesinhas do Porto. Se sodes en todo caso amantes da comida rápida, os meus contactos portuenses recomendan os 'cachorros' do Snack Bar Gazela na Praça da Batalha.

Podería falar de tabernas incribles que se resisten á xentrificación do centro da cidade. Agóchanse no corazón da ribeira e preservan a fasquía das vellas tabernas orgullosas da súa condición. Alí un pode gozar, por exemplo, duns excelentes panados con arroz de feijao, difíciles de esquecer en toda a noite (por motivos varios). Escusarei, en todo caso, o nome destas tabernas por respecto aos meus amigos portuenses, que queren gozar en exclusiva destes paraísos da cociña tradicional.

O Maus Hábitos é local coñecido para a maioría dos galegos que visitan Porto. Ubicado nun edificio en fronte do Coliseu, na rúa Passos Manuel, é dende hai anos lugar de referencia da noite alternativa da cidade 'invicta'. Distintos espazos, distintos ambientes e o seu mítico ascensor oitenteiro.

Librarías

Libraría Flâneur

Quen visite Porto nestes días poderá gozar da súa potente feira do Livro (ata o 17 de setembro). Alén da mítica Lello, que a día de hoxe é o lugar máis viositado da cidade e cobra entrada de tres euros por acceder ao seu interior para contemplar a súa singular escaleira, esn innumerables as librerías da cidade: de primeira ou segunda man, de poesía, de mulleres... Do mesmo xeito podemos atopar librarías vetustas e outras recentes e radiantes coma a livraría Flâneur. Se chegades ata alí, non atoparedes á encantadora dependenta da novela, Nádia, pero vos recibirán os encantadores Cátia Monteiro e Arnaldo Vila Pouca, que rexentan unha librería que loce orgullosa no escaparate o último poemario de Joan Margarit traducido ao portugués. Proximamente a Flaneur múdase cara a unha ubicación máis céntrica na contorna da Casa da Música.

Arquitectura

Fiquei, por certo, con pena de non incluír o espectacular edificio con forma de meteorito do arquitecto holandés Rem Koolhas na trama da novela. Recomendo, en todo caso, unha visita guiada ao seu interior, ou a asistencia a algún concerto.

A arquitectura é un dos orgullos de Portugal e moi vencellado a Porto está precisamente Álvaro Siza, referencia internacional da arquitectura portuguesa. Seu é o museu de Arte Contemporánea de Serralves, onde Filipa exhibirá proximamente a súa colección erótica. Se queredes descubrir algunha outra obra de Siza, podedes darvos un baño nas Piscinas da Maré, na praia de Leça de Palmeira, sempre que consigades chegar e non vos perdades no maldito periférico do Porto como lle pasa unha e outra vez ao protagonista da miña obra.

Bicis, pensións e poetas...

O negocio de alugueiro de bicis de Bruno e Paula existe no mesmo lugar en que se sitúa a novela. O percorrido recomendado é a ribeira do Douro ata a Foz ou mesmo ata Matosinhos. O resto da cidade é demasiado costento para gozar da bici, ou 'bicla' como alí lle din.

Non existe a Pensao Tininha na rúa dos Mercadores, inda que se poden atopar algunhas casas de dormidas que non teñen moito mellor aspecto. Tampouco existe, afortunadamente, Francisco Pinto o poeta da RTP2, quen de existir, en todo caso, sería galego.

Casa Marlindo

Quero rematar este relato facendo mención de Casa Marlindo. Hai dous anos correspondíase exactamente co que se describe na novela. Cheguei alí por acaso ao ver un grupo de homes grandes coma mundos cantando por Roberto Carlos con bágoas nos ollos. O ambiente era tan desconcertante como acolledor. Quixen volver na miña última visita no pasado mes de agosto e cal foi a miña sorpresa ao comprobar que Casa Marlindo virou unha petisquería hipster con música de chill out e cociñeiros que se parecen a Conor MacGregor. Algo se me revolveu no estómago, non sei exactamente o que...

Valla a miña novela para deixar rexistro dunha cidade que foi e xa non existe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.