Foron moitos e moitas as persoas que este mes de agosto seguiron as pegadas de Paula nas rúas da cidade do Porto. Durante varias semanas a última novela de Carlos Meixide, A memoria dos meus pasos, publicouse por entregas en Praza.gal. Meixide vén de iniciar agora unha campaña de micromecenado en Verkami para editar o libro en papel. Non é a primeira vez que o autor se lanza á autoedición, un camiño que xa explorou en Ons, Cans ou Inge e Robbie. Tampouco era a primeira vez que botaba man da rede como espazo de experimentación e difusión literaria: hai xa unha década publicou O Home Inédito, primeira novela en galego editada directamente na rede (e máis tarde en papel por Edicións da Rotonda). Falamos con el sobre o recibimento que tivo a publicación por entregas do seu último libro e sobre o funcionamento da campaña de crowdfunding que vén de iniciar.
"Atopei xente que me preguntaba cunha certa ansia que carallo ía pasar con Paula e isto é moi satisfactorio como autor"
Quedaches satisfeito coa experiencia? Que feedback recibiches dos lectores e lectoras?
Quedei bastante contento porque teño a impresión de que a novela responde ao que basicamente se lle pide a unha novela por entregas: foi capaz de xerar cada día unha certa expectación por saber o que ía ocorrer no capítulo seguinte. Atopei xente que me preguntaba cunha certa ansia que carallo ía pasar con Paula e isto é moi satisfactorio como autor. Mesmo algunha persoa chegou a comentarme que pasara por unha historia semellante, que coñecera unha persoa semellante a Paula e que por iso tivera tamén que ir a Porto. Creo que avivou tamén ese gusto que temos os galegos polo Porto. Mesmo cheguei a coincidir alí este mes de agosto con algunha persoa que estaba a ler a novela en Praza, e que estaba a seguir un pouco os pasos dos protagonistas. Anécdotas curiosas e divertidas que che suceden como autor cando expós directamente o traballo e recibes o feedback dos lectores.
Aínda que o xénero das novelas por entregas soa un pouco vintage e analóxico, parece que encaixa moi ben con tempos propios da cultura contemporánea, de Internet e as redes sociais. Estás de acordo?
Si. Tamén as series de televisión están de moda. E aínda que sexa no audiovisual, como xénero narrativo funcionan na mesma clave, xerando unha certa familiaridade cuns personaxes e cunha historia que mantén o interese de entrega en entrega. E si, tamén se adapta moi ben á propia dinámica de Internet e das formas de narración contemporánea.
"Pódese crear unha narrativa por entregas aproveitando as posibilidades da comunicación en Internet, mesturando o texto con elementos audiovisuais, elementos interactivos"
Este mes de agosto tamén acadou moita notoriedade o fío lanzando por Manuel Bartual en Twitter, explorando as posibilidades narrativas desta rede social. Cres que ata agora se están desaproveitando as posibilidades dos novos espazos comunicativos, no que se refire á creación literaria?
Non seguín o tema de Manuel Bartual, pero vin en que consistía e parecíame moi interesante. Este é un mundo no que aínda hai que explorar, aberto á creatividade da xente. Non falo tanto do que fixen eu, que responde a un patrón máis clásico, buscando dando a coñecer o libro, xerar unha certa expectación. Pero si se pode crear unha certa narrativa por entregas aproveitando as posibilidades da comunicación en Internet, mesturando o texto con elementos audiovisuais, elementos interactivos. As posibilidades son infinitas e é certo que en Galicia non están aínda exploradas e en realidade non están moi exploradas en ningures. Cando alguén o fai con talento o resultado é molón.
"A moitos pillounos unhas circunstancias, unha crise moi grande do mundo da comunicación, e fomos buscando fórmulas distintas, maneiras de non depender de medios e de ser donos dos nosos propios procesos"
Onde si abres camiño, xa dende O home inédito, é en explorar as posibilidades da rede para a difusión e a edición. Hai que explorar todas as vías? Moverse e buscar novas fórmulas en vez de quedar sentado?
Si, hai que explorar vías. Sempre digo que o meu esforzo de autoedición non vai contra o mundo da edición, non parte dunha hostilidade cara ás editoriais. É simplemente un camiño que tomo eu porque é un proceso que quero experimentar, porque quero explorar alternativas para buscar públicos e lectores novos. A moitos pillounos unhas circunstancias, unha crise moi grande do mundo da comunicación, e fomos buscando fórmulas distintas, maneiras de non depender de medios e de ser donos dos nosos propios procesos. Non o vou vender como unha panacea, nin moito menos, pero creo que é enriquecedor. Hai público máis aló dos públicos tradicionais das editoriais e do público que consume tradicionalmente literatura galega. Hai que buscar públicos diferentes e non só o público que máis ou menos xa está involucrado e xa milita na literatura galega. Hai que evitar seguramente o adxectivo de 'galega'. Escribimos en galego porque somos galegos, pero non nos teñen que ler por estar en galego, senón por facer literatura divertida, neste caso. Hai que explorar novas maneiras de facer.
"O micromecenado supón simplemente unha compra por anticipado, unha aposta polo produto"
Vén de iniciarse a campaña de micromecenado. Que lle ofrece ás persoas que xa leron o libro? Como cres que vai funcionar?
A edición en papel achega cousas a maiores: é un produto físico, coidado, co deseño de portada e contraportada de María Meijide. É un paso máis na miña estratexia de autoedición, que vén ser un esforzo por manter unha actividade creativa que se poida sustentar economicamente. Ao cabo o micromecenado supón simplemente unha compra por anticipado, unha aposta polo produto. Espero que a xente se anime a participar, porque para min isto é un referendo de independencia creativa. Así que espero que a xente exerza o seu dereito a decidir se quere mercar o libro.
"Falando coa xente que vive no Porto, ves que aprenden a convivir con iso, como tamén aprendemos a convivir en Compostela. E a xente vaise mudando duns lugares a outros, duns bares a outros, e vai cedendo espazos, e gañando outros"
Porto é o gran protagonista da novela, unha urbe que está a experimentar enormes cambios nos últimos anos. Xa escribiches que a novela "deixa rexistro dunha cidade que foi e xa non existe". Tanto está a mudar?
Ese cambio nótase tamén en Lisboa e en xeral en todo Portugal. Ten a súa parte positiva: Porto era unha cidade que estaba un pouco deixada da man de deus e hoxe en día está de moda, como todo o país, co seu triunfo en Eurovisión e o seu Goberno de esquerdas. E ten a súa parte negativa, con eses procesos de xentrificación nos centros históricos. É unha mágoa porque a cidade deixa de ter o valor da propia cidade e convértese nun escaparate e nun museo. Ao final, falando coa xente que vive no Porto, ves que aprenden a convivir con iso, como tamén aprendemos a convivir en Compostela co turismo. E a xente vaise mudando duns lugares a outros, duns bares a outros, e vai cedendo espazos, e gañando outros.