Unha novela de verán. Por entregas, como as de antes. E que nos vai levar á cidade do Porto, "esa excursión que case todos os galegos fixemos algunha vez". É a proposta que Praza.gal lanza ao seu público dende o vindeiro 1 de agosto e durante todo o mes da man do escritor, xornalista e cómico Carlos Meixide, que tras Ons, Inge e Robbie e Cans dá un xiro á súa traxectoria literaria para se internar nunha historia diferente, nunha trama policial e misteriosa que nos conducirá polos baixos fondos portuenses durante a segunda metade deste verán: A memoria dos meus pasos.
A nova historia de Carlos Meixide transcorre no Porto e intérnase nunha trama de misterio grotesca, con personaxes "ás marxes da sociedade" tan grotescos como divertidos
"É unha sorte de mestura entre Ameixeiras e Almodóvar", ironiza Meixide para nos bosquexar a historia que leremos cada día en Praza.gal este mes de agosto. Trátase, adianta, "da historia dun home abouxado pola vida" que "chega ao Porto na procura dunha vella amante" que acaba de desaparecer de xeito misterioso. Na súa procura, o protagonista iniciará unha viaxe á escuridade da cidade invicta, que lle dará para coñecer unha serie de entrañables personaxes "nas marxes da sociedade": pintoras, libreiras, alugadores de bicis, inmigrantes africanos, atractivas camareiras de restaurante mexicano... Porque A memoria dos meus pasos, advirte, pretende ante todo •entreter", no seu conxunto e en cada unha das súas entregas diarias. "Estamos no tempo das series, da ficción por entregas" e por iso esta historia "vainos alimentar cada día as gañas de ver o que vai suceder ao seguinte".
"Para o público galego -aventura Meixide- a novela vai ser moi agradable" porque a historia dos personaxes transcorre nun ámbito ben coñecido, esa cidade á que "case todos fomos de excursión, de escapada romántica, cos amigos... Eu diría que a cidade do Porto forma parte da nosa memoria sentimental como pobo". Esa "dualidade" tamén se manifesta n'A memoria dos meus pasos a través dos personaxes de Galicia e Portugal e, igualmente, "tamén na cuestión lingüística, na naturalidade das dúas falas da mesma lingua".
Tras a edición por entregas, cada día de agosto en Praza Pública, chegará a versión en papel d'A memoria dos meus pasos
Con este traballo conxunto con Praza Pública o escritor aposta por trasladar ao dixital "o xénero folletinesco decimonónico, do que sempre gostei moito e do que partiron moitas grandes novelas" no que "non deixa de ser outro experimento na miña traxectoria editorial". Unha novela por entregas en internet procura "novos públicos con novas estratexias, chegar a novos lectores de maneira diferente". Así e todo, A memoria dos meus pasos tamén terá versión 'offline', porque tamén haberá, despois do verán, unha edición en papel.
"Que sexa unha fermosa e feliz colaboración", agarda Carlos Meixide. Cada día de agosto, un novo capítulo d'A memoria dos meus pasos,en Praza.gal.