A Mostra de Teatro de Cee despídese para sempre por falta de apoios

Pequena, de Talía Teatro © Talía Teatro

A Mostra de Teatro de Cee celebrará esta semana, entre o xoves e o domingo, a súa derradeira edición, despois de 25 anos de representacións. O gran motor e organizador do evento, a compañía Talía Teatro, decidiu que non podía continuar realizando un grande esforzo persoal e económico, moitas veces case en solitario e con escaso apoio dalgunhas administracións, como Xunta, Deputación da Coruña ou o propio Concello de Cee. Así, como xa deixara caer Artur Trillo nunha entrevista publicada por Praza o 2 de xullo, Talía deixará de ocuparse da Mostra, que pode vivir estes días a súa despedida definitiva.

Na súa presentación, hai uns días, os seus responsables lembraron que aínda están á espera de cobrar os cartos prometidos polo Concello o pasado ano, e aínda que agradeceron o esforzo da nova alcaldesa, a popular Zaira Rodríguez (que substituíu o independente Ramón Vigo en marzo grazas a unha moción de censura) e de Ferroatlántica, que mantivo unha achega económica, criticaron a actitude doutras administracións, coma a AGADIC da Xunta, que exclúe das axudas ás mostras cun orzamento inferior a 50 mil euros.

Na súa presentación, hai uns días, os seus responsables lembraron que aínda están á espera de cobrar os cartos prometidos polo Concello o pasado ano

A edición deste ano é a máis curta e a de menor orzamento en moitos anos, pero contará con cinco funcións en cada unha das súas catro xornadas. Talía Teatro abrirá e pechará as representacións, o xoves e o domingo, con Pequena, un espectáculo unipersoal, escrito e dirixido por Paula Carballeira e interpretado por Marta Ríos. Ademais, na primeira xornada na Mostra destaca a estrea do espectáculo Cipriano de Bequelar de Carrachanacacha, un espectáculo escrito e dirixido por Leandro Lamas. Ademais, Leidy Maharet representará Zíngara, Tres Globos ofrecerá Pedro e o Lobo e Celso Fernandez Sanmartín pechará o día con Contos que non falten.

Pequena, de Talía Teatro © Talía Teatro
Celso Fernández Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.