A mudanza da Agadic ao Gaiás custou 5.000 euros

Sutil, director da Agadic, nun acto no Gaiás © Xunta

Unha das reclamacións dalgúns dos colectivos máis críticos coa Cidade da Cultura foi durante anos instalar no complexo do monte Gaiás oficinas da Xunta, para así dotar de contido os enormes edificios deseñados por Peter Eisenman. O pasado 2012 o Goberno galego, na enésima reformulación das incompletas instalacións, decidiu trasladar alí algúns departamentos administrativos para así, sinalou o Goberno aforrar en alugueres, afondar na "racionalización" e na "austeridade" e tamén para converter a Cidade da Cultura nun polo creativo ou tecnolóxico. O Goberno vén de revelar, a instancias da oposición, o custo dunha desas mudanzas, a da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nomeadamente, foi Alternativa Galega de Esquerda quen se dirixiu por escrito á Xunta para, a través do deputado Xabier Ron, coñecer "o custo do traslado" da Agadic ao Gaiás. Segundo a Xunta, esta "decisión, definida no Plan Estratéxico da Cidade da Cultura", supuxo "un custe aproximado de 5.000 euros en concepto de traslado de mobiliario, documentaación e material informático". Non obstante, engade a Xunta, a mudanza do organismo que agora dirixe Jacobo Sutil permite "un aforro estimado de preto de 300.000 euros ano ano en concepto de alugueiro e gastos correntes". Ademais, din, o traslado enmárcase no "obxectivo de continuar afondando no proceso de integración do tecido cultural galego no complexo".

Manter aberto o Gaiás custa uns 9.000 euros ao día

Así e todo, e malia estes anuncios de aforro, os Orzamentos Xerais da Xunta seguen a reflectir que no Gaiás o continente segue a primar sobre o contido. Así, nas contas públicas vixentes as partidas de "obras, equipamento e dotacións" ascenden a 6,05 millóns de euros, tres millóns máis que a "programación, difusión e realización dea ctividades artístico-culturais e eventos". Deste orzamento saen, por exemplo, 636.000 euros para "reparacións e conservación" e 1,02 millóns de euros para "subministros". Do mesmo xeito, tal e como relatou Praza Pública, o contrato de subministro de enerxía eléctrica do complexo foi licitado en máis de 3 millóns de euros e o de mantemento, en 1,7 millóns. En total, manter abertos os edificios custa cada día case 9.000 euros.

Sutil, director da Agadic, nun acto no Gaiás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.