A noite compostelá, silenciada ata nova orde

Actuación musical nun local compostelán © Casa das Crechas

"No Concello hai quen non se atreve a mover nin un papel". Este comentario, común en Compostela dende hai meses por mor das operacións xudiciais que pesan sobre a práctica totalidade do goberno municipal, ben podería ser aplicado á parálise na que veñen de ser sumidos os responsables dun dos principais atractivos do lecer nocturno da capital, os locais da zona vella que ofrecen unha ampla programación cultural de pequeno formato, suspendida indefinidamente.

O ruxerruxe existía na cidade dende hai días e confirmouse este mércores, tras unha reunión da asociación cultural Cidade Vella, que agrupa unha ducia destes locais, cun técnico do Concello. A clave da suspensión está na dilación da sinatura dun novo convenio cultural co consistorio, mecanismo que lle veu dando durante anos encaixe legal a estas actuacións. Ao non existir, ninguén lles pode garantir que a Policía Local non acuda a suspender un evento polas bravas e, ademais, coa conseguinte multa, por non dispoñer da licenza correspondente nin do convenio agora caducado.

"Existe unha clara vontade polas dúas partes de resolver a situación, que está pendente duns trámites burocráticos e administrativos", din dende Cidade Vella, que explica ademais que a renovación "ano a ano" do convenio foi freada neste 2014 por "causas alleas á nosa asociación". "Temos constancia de que existe por parte do Concello a vontade dunha solución inmediata, pero mentres vémonos obrigados a suspender cautelarmente as nosas actividades culturais pola situación de desamparo legal na que nos atopamos", explican.

"Vémonos obrigados a suspender as nosas actividades culturais pola situación de desamparo legal na que nos atopamos"

Mentres a asociación que agrupa os locais valora a posibilidade de pedir unha xuntanza co alcalde, Ángel Currás, quen ademais é responsable último da área cultural do Concello, entre os músicos locais cunde o desánimo. En contacto con este diario un destes artistas explica que entre o colectivo existe o temor de que os trámites se poidan dilatar en exceso precisamente na época do ano na que comeza a repuntar o turismo en Santiago. Ademais, alerta, ao conflito polos locais nocturnos engádese a incerteza existente na actualidade entre as persoas que realizan actuacións de rúa, toda vez que o goberno local está a endurecer os requisitos para facelo.

Esta non é, nin de lonxe, a primeira ocasión na que os actuais responsables municipais son protagonistas dun conflito co mundo da cultura, do asociacionismo ou do lecer nocturno na cidade. Así, xa dende a oposición, o PP local, aínda con Gerardo Conde Roa á fronte, iniciou unha cruzada contra a asociación cultural A Gentalha do Pichel, con tentativas de peche que non frutificaron. Tamén foi intensa a campaña dos conservadores contra a Sala Nasa, que si pechou, ou a súa implicación nunha plataforma que clamaba contra "o ruído" ou o botellón.

O alcalde de Santiago, nunha xuntanza coa asociación Cidade Vella © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.