Manuel Esteban Domínguez vén de gañar o Premio Xerais con A ira dos mansos, unha novela negra marcada, segundo o xurado, por un "acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos".
Dixeches que a novela non foi "un exercicio literario", senón "un berro de impotencia", ante "a necesidade de compartir un intenso sentimento de inxustiza". Por que? De que xorde a novela?
A novela comeza como un xeito de botar fóra demos interiores. Hai doce anos naceu o meu fillo maior, con síndrome de Down, e os primeiros tempos son duros, non polo meu fillo, que sempre foi un neno moi ledo e feliz, senón porque constantemente estás obrigado a pelexar contra prexuízos, -algúns propios, sendo honesto-, e enfrontado permanentemente unha sociedade que ten présa e que non para a recoller a aqueles que se afastan do canon de "novo-guapo-listo". Problemas para atopar gardería, problemas para escolarizalo, problemas para a súa participación en actividades de ocio... e todo iso tinxido dunha ollada amarga: todo o mundo dá o pésame cando nace un fillo con algún tipo de eiva, e o que debería ser unha celebración acaba convertido en dó. A carraxe que un vai acumulando por ese tipo de cousas cadaquén xestióna como pode. A min saíume en forma de novela...
"Todo o mundo dá o pésame cando nace un fillo con algún tipo de eiva, e o que debería ser unha celebración acaba convertido en dó"
O inspector Manso é "trasunto desa anguria". En que sentido?
A personaxe de Manso é un arquetipo da novela negra: un policía cínico e mordaz, de volta de case todo, cargado de prexuízos. Pero no contacto co mundo da discapacidade intelectual vai tomando conciencia dese prexuízos e vai derrubando muros, ou vendas, ata que acaba sendo o seu principal valedor.
Optaches pola novela negra porque o xénero "resalta mellor o contraste entre unha sociedade desmedida e un colectivo, o dos discapacitados intelectuais, considerado erradamente como enfermo ou retrasado». Por que cres que a novela negra cumpre mellor esa función?
En primeiro lugar optei polo xénero de novela negra porque quería facer unha historia entretida. Disolver o trago amargo dun tema incómodo, no mellor dos casos, nun envoltorio máis atractivo. Pero tamén, como indicas na pregunta, porque a novela negra móvese nun contexto moral no que desaparecen os conceptos estandarizados da moral: o policía infrinxe a lei cun fin superior, os personaxes máis escuros de cando en vez andan en procura de redención... esa fronteira moral parecíame un marco idóneo para falar sen clichés da discapacidade intelectual, e de como a sociedade a oculta baixo a alfombra.
"Esa fronteira moral parecíame un marco idóneo para falar sen clichés da discapacidade intelectual"
Por outro lado, o escenario é Vigo. Cidade relevante na historia da novela negra galega, precisamente. A escolla desta cidade foi por algún motivo especial?
É a miña cidade e como a novela non era un fin en si mesmo, senón un medio para o que eu quería contar, resultábame indiferente onde sucedese. O máis doado era empregar os meus escenarios cotiáns. Por outra banda, como dis, Vigo é unha cidade portuaria e cosmopolita moi proclive a incorporarse a este tipo de historias.
Por que é unha novela "cun acusado enfoque social"?. En que sentido? En que sentido cuestiona a construción social do concepto de "normalidade"?
Como comentaba antes a nosa sociedade vive a ilusión dun arquetipo de perfección (ou "normalidade") que se vén abaixo en canto deixas de aplicar o filtro "hollywoodiense" de bos e malos, de listos e parvos... todos seremos, con sorte, vellos, todos precisamos axuda para algo, todos temos algunha eiva e, dende un punto de vista global, en moitos aspectos as persoas con discapacidade intelectual demostran moito máis sentidiño que os autodeclarados "normais". En cambio, existe unha clara asimetría entre o esforzo que eles fan para adaptarse á sociedade e o esforzo que esta fai para deixalos pertencer a ela.
"Existe unha clara asimetría entre o esforzo que eles fan para adaptarse á sociedade e o esforzo que esta fai para deixalos pertencer a ela"
Que outros personaxes acompañan ao inspector Manso nese cuestionamento da "normalidade"?
Eu destacaría o personaxe da directora da asociación para a síndrome de Down. Dende un punto de vista narrativo precisaba unha escusa para que un policía cínico abaixase a mirada a onde eu pretendía. E para facer ese camiño a través dos seus prexuízos precisaba ser acompañado da man metafórica dunha muller. Outro personaxe nuclear é un rapaz con síndrome de Down: a través dos seus ollos pretendo provocar certa empatía, primeiro no personaxe do inspector, pero tamén no lector.
Segundo o xurado, o tema de fondo é a inclusión e o respecto (á diferenza). Resumiríalo así?
Si, todo é unha gran escusa para falar diso. De como é a relación entre a sociedade e a discapacidade intelectual, poñer de relevo o exilio paternalista e amable, pero exilio ao fin e ao cabo, no que se constrúe esa relación. A novela é un altofalante que pretende reclamar o seu dereito a facerse como persoas, a errar, a vivir, en definitiva.
"A novela é un altofalante que pretende reclamar o dereito das persoas con discapacidade intelectual a facerse como persoas, a errar, a vivir, en definitiva"
O estilo é "directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico"... algo normal na novela negra. Que referentes de novela negra galega e no galega tiñas que puideran servirche de apoio?
O listado sería interminable. E como escritor novel que aínda non se ten sequera por escritor dáme apuro referenciar a miña escrita neses termos. Que sei, cando empecei a escribila andaba lendo a Camilleri e a Markaris, pero podería percorrer dende Montalbán ata Lorenzo Silva, ou en Galicia, Mercedes Castro ou Domingo Villar, e deixaría moitos polo camiño. Pero insisto, iso son lecturas, que supoño que deixan pegada, pero non podo compararme con ningún.
Tamén hai "unha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo". Como pensaches a técnica narrativa para conseguir isto? (Voces narrativas, etc).
O fío condutor son as reflexións do personaxe principal, polo que me movo no subxénero psicolóxico clásico. Aparece tamén, como contrapunto, unha segunda voz nun momento dado da novela; pero esencialmente eu tiña "présa" por contar o que quería contar, polo que preferín evitar grandes descricións ou voces omniscientes; iso acurta a novela pero supoño que o que perde en detalle gáñao en axilidade.
Es médico e profesor. E non tiñas nada de literatura publicado. Como te decidiches a enviar a novela ao Xerais? Tes algunha outra cousa escrita e gardada?
A miña muller, lectora entregada, animoume. Tamén supoño que eu quería saber se iso que escribira tiña algún valor. En canto á segunda pregunta, non teño nada rematado e presentable. Pero igual agora me animo...