"A palabra é a nosa grande arma contra o baleiro"

Dominio Público Praza Pública

"O home do tempo actual tirou a palabra ao lixo e coa auga sucia tirou tamén ao neno que leva dentro. Non sabe que a palabra é o ser humano mesmo e que a palabra e a vida son o mesmo. Cando a palabra é desprezada, cando nomear é inútil a vida perde todo o seu sentido e o ruído, o intenso ruído, o inmenso ruído ocupa os corazóns igual que os estorniños ocupan as copas dos magnolios. Os homes do ruído gobernan o mundo, cando falan non din nada e a súa música é unha cacerolada permanente que entoa unha melodía macabra, a súa danza é a da morte e a súa gargallada infernal fai tremer aos elefantes de Botswana". Así comeza a proclama da V Semana da Poesía Salvaxe, que un ano máis se celebra en Ferrol, e que se leu este mércores no Cantón de Molíns.

Serán tres días de recitais, performaces e pasarrúas, a cargo de Ana Gorría, Tiago Gomes, Alba González, Carlos Oroza e os xa habituais Víctor Díez, Guillermo Ferrández e Karlotti

Serán tres días de recitais, performaces e pasarrúas, a cargo de Ana Gorría, Tiago Gomes, Alba González, Carlos Oroza e os xa habituais Víctor Díez, Guillermo Ferrández e Karlotti. Tres días que se inauguraron este mércores, coa referida lectura da proclama e un recital conxunto no Pub Cazadores. O obxectivo fundamental é, un ano máis, levar a poesía á rúa, devolverlle a palabra á xente, a onde pertence. A propia proclama péchase dicindo "A poesía é a nosa casa, a casa do home, a de todos e o gran acubillo das nosas desgrazas é a palabra. A palabra é a nosa grande arma contra o baleiro, o que nos queda agora que intentan desposuírnos da nosa razón. Compañeiros, cidadáns, amigos, non o dubidedes: quédanos a palabra".

Este xoves, por exemplo, os escenarios escollidos polos e polas poetas serán o Mercado da Magdalena, ao mediodía, no que recitará Felipe Zapico, e o barrio do Inferniño, pola tarde, cando a poesía se misturará con jazz. Á tardiña a comitiva poética desprazarase a Esteiro para escoitar a Ana Gorría. E pola noite, a sala Super 8 acollerá os versos de Tiago Gomes.

 

Lectura da proclama que abría, este mércores, a Semana de Poesía Salvaxe CC-BY Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.