Non gustaron nada en Espectáculos Lito (a axencia que xestiona as actuacións da Panorama e doutras 80 orquestras) as declaracións do alcalde de Monforte, que hai uns días acusou a empresa de "chantaxear" o seu Concello, tras anular a actuación prevista para o 12 de agosto por non ter obtido no concurso público a concesión para organizar o resto dos concertos das festas. Nun comunicado moi crítico remitido aos medios de comunicación, Ángel Pérez Martínez, administrador da empresa, nega que a súa axencia tentase "chantaxear" o Concello de Monforte e urxe o rexedor, Severino Rodríguez, a que rectifique publicamente as súas palabras, ameazándoo cunha posible demanda.
A empresa esixe que, no caso de que se queira contar cun concerto da Panorama ou da París de Noia, o resto das actuacións do programa de festas tamén lle sexan contratadas
No comunicado, iso si, o representante de Espectáculo Lito recoñece e defende o seu modo de actuar á hora de contratar as súas actuacións cos concellos e promotores de festas. En efecto, a empresa esixe que, no caso de que se queira contar cun concerto da Panorama ou da París de Noia, o resto das actuacións do programa de festas tamén lle sexan contratadas. No texto, Ángel Pérez lembra que a súa forma de traballar é que as súas orquestras "non compartan cartel" coas formacións doutras empresas. Esta condición, asegura, foille comunicada en todo momento ao Concello de Monforte, algo que nega o rexedor monfortino, Severino Rodríguez.
E aquí é onde comezan as diverxencias entre as versións ofrecidas por Espectáculos Lito e o alcalde. Severino Rodríguez asegura que xa o pasado mes de setembro apalabrou unha actuación da Panorama para o vindeiro 12 de agosto, no marco das festas da vila, un acordo que -di- confirmou hai uns poucos meses. Porén, Ángel Pérez afirma que non existía compromiso ningún para que a orquestra tocase ese día, e que só reservaron a data até que se resolvese o concurso que adxudicaría o resto de días de verbena. Dado que que no concurso a oferta presentada por Espectáculos Lito non foi a escollida, a axencia descartou tamén a actuación do día 12.
Ángel Pérez afirma que non existía compromiso ningún para que a orquestra tocase ese día, e que só reservaron a data até que se resolvese o concurso que adxudicaría o resto de días de verbena
Outro punto no que difiren as dúas versións é nas ofertas que, segundo Severino Rodríguez, Espectáculos Lito lles realizou aos concellos de Sober, Chantada ou Sarria, para actuar o día 12 e cun prezo moi reducido con respecto ao habitual. Estas ofertas foron confirmadas polo propio alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián. O representante de Espectáculos Lito non nega que ofrecesen o espectáculo a outros concellos, pero afirma que a oferta non se limitou aos limítrofes a Monforte.
Ángel Pérez defende que non se produciu un intento de chantaxe e acusa o alcalde de Monforte de tentar obter "réditos políticos ou electorais a conta do bo nome da Orquesta Panorama e desta oficina de representación". Esíxelle a Severino Rodríguez unha "rectificación pública" e ameaza, no caso de non producirse, con adoptar medidas legais contra el.